Onte foi conmemorado o Día Internacional da Muller. Lamentablemente aínda hai abondosos motivos para seguir nese tipo de lembranzas. De tódolos xeitos sería inxusto non recoñecer os pasos adiantes acadados nos últimos anos, sobranceiros non pola súa evidente xustiza senón polo nivel tan ínfimo de onde partían. Relaciono iso cos Pactos da Moncloa, os "acordos económicos e políticos" asinados en outubro de 1977 polos grupos políticos mais representados no Congreso do Estado, e que nas últimas datas foi posto outra vez enriba da mesa en leve comparanza cos acordos sociais procurados polo goberno Zapatero. A relación dos asinantes daqueles famosos documentos eran: Adolfo Suárez González, Felipe González Márquez, Joan Reventós Carner, Josep María Triginer Fernández, Manuel Fraga Iribarne, Enrique Tierno Galván, Juan Ajuriaguerra Ochandiano, Miguel Roca i Junyent, Leopoldo Calvo-Sotelo y Bustelo, e Santiago Carrillo Solares. Isto era o que se decidiu nos Pactos da Moncloa sobre a reforma do Código Penal: "Con carácter urgente se abordarán las siguientes reformas: A)Relacionadas especialmente con la mujer: 1º. Despenalización del adulterio y el amancebamiento (artículos 449 a 452 y último párrafo del artículo 443, con modificación de concordantes en el Código Civil) 2º. Regulación de la expedición de anticonceptivos, límites de publicidad y consiguiente despenalización 3º. Modificación de las edades de la mujer tomadas en consideración para la tipificación del rapto (artículos 440 y siguientes) y del estupro (artículos 434 y siguientes)
Congratúlome ao comprobar como unha parte dos meus impostos adícanse ao asesoramento xurídico de balde a favor das persoas que non teñen recursos económicos suficientes para poder afrontar o custe dun avogado. Descoñecía que tal graza fora estensible ás persoas xurídicas, pero está visto que si, á luz deste excelente documento que exhibe Ignacio Escolar, o exdirector do diario Público. O extraordinario do asunto é que resulta o propio xuíz instructor quen realiza o asesoramento, sen dúbida para aforrarlle ao querelante a molestia de acudir ao correspondente Colexio de Avogados e cumprimentar os sempre farragosos trámites. Congratúlome tamén saber que o xeneroso xuíz que emprega parte do seu tempo nesta labor social é paisano noso, que impartiu aulas na Facultade de Dereito da USC, e que entre as características sobranceiras do seu paso polos Xulgados de Pontevedra, ademáis do seu peculiar carácter que o fixo moi popular entre avogados e procuradores, estivo a súa propensión a redactar sentenzas en lingua vernácula.
Qué é o aborto? Aos efectos legais abrangue dúas condutas distintas: a) Expulsión prematura do feto de xeito que é imposible a súa viabilidade; b) Destrución do feto dentro da nai. En resumo, accións que provocan a morte dun non nacido. Existe o clásico problema – e non só teórico - de cando considerar aborto ou homicidio, dependendo do momento biolóxico que o lexislador- ou a xurisprudencia – adopta para entender que a vida humana empeza a ser independente: se o feto está completamente separado do claustro materno, ou co corte do cordón umbilical, ou co remate da respiración placentaria e a posibilidade da respiración pulmonar, ou coa circulación sanguínea independente, ou indo máis atrás, no comezo das dores do parto como defende a meirande parte da doutrina xermana.
Historia da lexislación sobre o aborto: No dereito romano clásico (na República) non era castigado o aborto, xa que o feto era considerado "portio mulieris" e por conseguinte a muller dispuña do seu propio corpo ( e do feto) como lle petaba. Posteriormente, no Imperio, empezouse a castigar o aborto das mulleres casadas en tanto constituíra unha ofensa ao marido. Máis tarde, nos territorios de cultura occidental iniciouse o castigo ao aborto por influencia das Igrexas cristiás; mentres que nas culturas orientais seguiu sendo un acto impune, xa que entraba dentro da intimidade das persoas.
Bens xurídicos protexidos: Introito: en tódalas lexislacións distínguese a protección que merece a vida segundo for un ser independente (extrauterina) ou dependente (intrauterina), castigándose sempre con moitísima menos severidade o aborto que o homicidio.
Isto estaba claro na lexislación penal franquista, onde había unha gradación de penas moi nidia nos distintos delitos contra a vida humana:
Asasinato: Reclusión maior no seu grado máximo
Parricidio (“o que matare a calquera dos seus ascendentes ou descendentes ou ao seu cónxuxe”):Reclusión maior
Homicidio: Reclusión menor
Infanticidio ( “a nai que para agachar a súa deshonra matare ao fillo recén nacido ou os avós maternos que para evitar a deshonra da nai mataran ao seu neto recén nacido”): Prisión menor
Aborto: na meirande parte dos casos, prisión menor
Gradación das penas no Código Penal de 1973: Reclusión maior: de 20 anos e 1 día a 30 anos; Reclusión menor: de 12 anos e 1 día a 20 anos; Prisión maior: de 6 anos e 1 día a 12 anos; Prisión menor: 6 meses e 1 día a 6 anos. O Parricidio e o Infanticidio xa desapareceron como tales co Código penal de 1995.
A doutrina clásica sobre o tema establece que o aborto ataca os seguintes bens xurídicos: a) a vida humana dependente; b) o dereito da nai á maternidade (aborto non consentido); c) o risco para a vida e saúde da nai; d) o interese demográfico do Estado.
Natureza do delicto: Delicto de lesión que esixe a morte do feto.
Dereito comparado: Tres posibilidades:
a) Castigo ao aborto en todo caso: España ata o ano 1985, algúns países latinoamericanos;
b) Aborto non castigado baixo certas condicións: Dous sistemas:
b1) Prazos: Autorízase o aborto se é efectuado dentro dos tres primeiros meses de embarazo, porque ata entón aínda non hai actividade cerebral; e porque os riscos para a nai son moito máis reducidos; Países: Estados Unidos, Francia, países que estiveron baixo á orbita da URSS;
b2) Indicacións: despenaliza o aborto cando se dan situacións previstas: o embarazo pon en risco a vida ou saúde da nai (indicación médica); ou se o neno vai nacer con graves taras (indicación euxenésica); ou se o embarazo foi producido por causa de violación ou incesto (indicación ética); ou se a situación da nai ou súa familia prevé a desatención do bebé (indicación social); Países: Italia, Reino Unido, Alemaña, Suiza, Suecia, Dinamarca, Finlandia, outros países latinoamericanos...
c) Sistema de liberalización absoluta do aborto: Países do lonxano Oriente, primeiras lexislacións da URSS...
Xurisprudencia internacional: Teorías previas: Tamén eiquí hai que distinguir tres posibilidades: a) As posturas maximalistas que consideran que a liberdade da nai sempre é superior ao valor xurídico da vida do feto; b) a intermedia, baseada ben na colisión de intereses contrapostos e que implica en certos casos a non culpabilidade por mor da non esixencia de conduta distinta (sistema de indicacións) ou ben na distinción entre un simple proceso biolóxico animal e a súa conversión en vida humana cando no embrión escomenza a actividade cerebral ( a teoría de Jacques Monod, que abeira o sistema de prazos); e c) posturas incriminatorias absolutas que ao manter que o óvulo fecundado xa contén o código xenético do futuro home xa é un ser humano en evolución.
Xurisprudencia comparada:
Italia: en 1972 o seu Tribunal Supremo declarou a inconstitucionalidade dalgúns artigos do seu Código Penal en tanto en canto non abeiraban a posibilidade do aborto no caso de que o embarazo representara un risco para a muller “pois non existe equivalencia entre o dereito, non só a vida, senón tamén á saúde, de quen xa é persoa, como a nai, e a salvagarda do embrión, que aínda se debe converter en persoa”.
Austria: en 1974 o Tribunal constitucional declarou que o sistema de prazos é compatible coa Constitución austríaca.
Estados Unidos: O Tribunal Supremo Federal declarou en 1973 que nos tres primeiros meses do embarazo compete á discrecionalidade do médico o decidir facer ou non o aborto, sen que os Estados federados poidan intervir condicionando a súa realización, que é cuestión do dereito á privacidade da muller. Posteriormente autorizouse que se puidera castigar o aborto nos Estados que así o decidisen.
Francia: En 1975 o Consello Constitucional declarou conforme á Constitución a lei de 1975 sobre o sistema das indicacións.
Alemaña: o Tribunal Federal Constitucional de Alemaña declarou anticonstitucional a lei de 1974 baseada no sistema dos prazos. Despois admitiu a reforma da Lei que adoptaba o sistema das indicacións.
Situación española actual: Seguindo o trámite ordinario, o Senado ven de aprobar a “Lei de saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo”, que porá fin á vixencia da L.O. de 5 de xullo de 1985, que adaptándose á Sentenza do Tribunal Constitucional do 11 de abril dese ano ( que impuña limitacións e garantías ao Proxecto de Lei previo), estableceu no estado español o sistema de indicacións para non penalizar certos supostos de aborto.
A nova lei substitúe o sistema anterior das indicacións polo sistema de prazos, o cal implicará máis seguridade xurídica e, baixo meu punto de vista, é perfectamente asumible desde un punto de vista moral. Coido, pois, que é unha modificación boa e necesaria.
Quixera, de tódolos xeitos, facer dúas puntualizacións:
A primeira é xurídica: teño dúbidas de que o Tribunal Constitucional, alá polo 2020, cando resolva o presumible recurso que vai interpoñer o P.P., avale esta modificación de sistema. E supoño iso porque a sentenza antes citada de 11 de abril de 1985 baseouse no artigo 15 da Constitución para impoñer unha forte restrición na apertura da despenalización do aborto, tolerando o sistema de indicacións pero con garantías para comprobar a veracidade das mesmas. E ademáis co importante antecedente que o artigo 15 da C.E. inspírase no correlativo texto da Constitución alemá, e xa vimos como alí, e por esa causa, o Tribunal Constitucional Federal prohibiu o sistema de prazos.
A segunda puntualización é de tipo estético: incomódame a foto das senadoras socialistas rindo abertamente e felices trala votación que aprobaba esta nova Lei. Non me parece procedente esa actitude: abondaría co tímido sorriso de satisfacción pola labor xurídica ben feita, cun troco a unha lexislación máis segura e que retira outra de vinte cinco anos voluntariosa pero que se converteu nun caixón de xastre onde colábase sen pudor a realidade do aborto libre. A gargallada das senadoras non vai agochar a terrible situación na que van seguir envoltas as mulleres que van pasar pola moi amarga circunstancia dun aborto. A realidade seguirá sendo que a meirande parte das mulleres que teñan que pasar por ese calvario acudirán – continuarán acudindo – aos centros privados pertinentes; porque na Seguridade Social só efectuarán aqueles abortos que por ser de causa euxenésica, non se poden facer nos privados, pola falta de material e instalacións axeitadas diante dunha operación que a penas diferirá externamente dun parto a termo, e lamentablemente perante a displicencia facultativa, e coa falta de humanidade típica destes casos: mulleres que pasarán as dores inmensas dun parto estéril – coas contraccións provocadas – para nunca volver estar como antes.
Pero falar de médicos, exclusividade, os seus horarios na “pública” e a súa habelencia cando se trata da súa “privada”, é outra cuestión – emparentada con esta do aborto e a hipocrisía da obxección de conciencia – que necesita máis espazo que estas liñas.
Nota: débolle aos vellos libros de Rodríguez Devesa e Cándido Conde-Pumpido a meirande parte dos datos anteriormente expostos.
O outro día vin unha pequena entrevista a Rosa Miguélez como Presidenta da Saeca. E volvinme lembrar da outrora parlamentaria, e despois eurodiputada, agora xa case esquecida ao estar fora da devasa que separa o barullo político galego de hoxendía do balneario europeo ou da xestión premiada. Por razóns que hoxe seméllanme moi lonxanas tiven coñecemento, como observador, das interioridades xurídicas dun asunto que foi, cando menos, moi instructivo humanamente aínda que significara unha maior dose de cinismo na mochila das experiencias. Refírome case á prehistoria: VictorinoNúñez era presidente do Parlamento. Fago resumo cronolóxico (aproximado, disimúlenme): - Na primavera de 1991 Rosa Miguélez fai unhas declaracións no Parlamento galego que causan xustificado balbordo: "Que o Partido Popular teña como militante a unha muller como Karina Fálagan, coñecida prostituta de Vigo, non quere dicir que tódalas mulleres do PP o sexan". No seu momento aquelas verbas parecéronme politicamente inanes, moralmente noxentas, intelectualmente falaces e estratexicamente estúpidas. Dezaoito anos despois ratifícome. - Dous anos despois, no verán, nas vésperas do Día da Patria, a aludida Karina Fálagan, cando menos coñecida propietaria dun bar da praia de Samil, consegue entrar no Parlamento de Galicia, accede á cafetería onde está Rosa Miguélez, e após de lle preguntar se a coñecía e ter recibido unha negativa por resposta, sen mediar máis palabra, estampoulle unha labazada na caluga ao tempo que a insultaba. - Como consecuencia do anterior, o Presidente do Parlamento, Victorino Núñez (que se comportou en todo momento cun alto sentido de responsabilidade institucional) presentou denuncia perante o Xulgado de garda, que tomou declaración á agresora (que se negou a falar), aos parlamentarios e testemuñas: Maria Antonia Álvarez Yañez, Pedro Borrajo Rivas e ao posterior alcalde de Vigo Manuel Pérez Álvarez; ademáis declararon o Conselleiro de Xustiza Diz Guedes, xunto ao xornalista Gerardo Pardo Díaz de Vera e o responsable da cafetería Serafín Melón. Por último, tamén declarou a agredida. - Posteriormente, xaneiro de 1994, iníciase Procedemento Abreviado, sendo imputada Karina Fálagan e exercendo a acusación particular o Parlamento de Galicia, solicitando a pena de seis anos e un día de prisión e un millón de pesetas de multa pola comisión dun delicto de atentado. - A finais de marzo intenta Rosa Miguélez o seu personamento como parte perxudicada, pero nin o Xulgado de Instrucción 2 de Santiago nin a Sección 2ª da Audiencia Provincial permiten tal personamento por extemporáneo ( presentouse despois do trámite de cualificación do delicto). - En xuño de 1994 acórdase a apertura do Xuízo Oral contra Karina Fálagan polo delicto de atentado, decretándose a liberdade provisional da agora acusada e impoñéndolle unha caución de 500.000 pesetas ante as eventuais responsabilidades civís. - Sorprendentemente o Fiscal Xefe García Malvar solicita o sobreseimento libre pedindo se convirta o procedemento nun xuízo de faltas. - A defensa da agresora adhírese á tese do Ministerio Fiscal, admitindo unha condena por unha falta de agresión (sen lesión), consistente na multa mínima de 50.000 pesetas. - O 23 de febreiro de 1995 celébrase o Xuízo Oral na Coruña. Das testemuñas citadas pola Acusación Particular só comparecen o encargado da cafetería e o parlamentario Pedro Borrajo. García Malvar volve reiterar no seu informe que a actuación da acusada non é constitutiva de delicto senón de falta. - A acusación particular razoa que a agresión é constitutiva de atentado, por ser dirixida a unha autoridade ( parlamentaria), abundando o feito que a agresión foi realizada nas instalacións do Parlamento e como consecuencia mediata dunhas declaracións ( de certo, desafortunadas) efectuadas no propio Parlamento pola agredida na súa cualidade de Parlamentaria. - O 27 de febreiro díctase Sentenza na que se absolve a Karina Falagan do delicto de atentado ao entender que o lugar da agresión, a cafetería, significa que a agredida non estaba no exercicio das súas funcións.
Conclusións (propias): A Audiencia equivócase, o Fiscal Xefe - outra vez máis - errou. Pero a solicitude de pena polo delicto de Atentado ( seis anos de prisión, un millón de pesetas, seis anos fora de Galicia) como consecuencia dun cachete é totalmente desproporcionado.
Coda: Rosa Miguélez volve aparecer agora como Presidenta dunha sociedade estatal, logo do paso polo exilio europeo. Karina Fálagan segue montando o concurso de castelos de area na praia de Samil.
Paseino moi ben, hai xa tempo, vendo "O baile dos vampiros", película dirixida por Roman Polanski. Chinatown, despois, foi tamén unha grande película, digna herdeira do arte de John Huston, de Howard Hawks.
Hai barullo estes días porque seica apreixaron a Roman Polanski en Suíza, por mor dunha vella orde de detención a causa de ter sido condenado pola violación (dificilmente son capaz de atopar outra verba para definir o que pasa despois de emborrachar á víctima) dunha nena de trece anos.
Que o acusado dun delicto sexa famoso non é atenuante ningún. Sobre o tempo que pasou dende o día que foi cometido o noxento feito, ou o dictado da sentencia, remítome ás leis procedentes en materia de prescripción. Que a víctima cobrara indemnización do artista non lle perdoa as culpas (por suposto non as xurídicas, descoñezo a lei americana).
Indígnanme os manifestos pro liberdade de Polanski polo mero feito de seres "artista e cidadán francés de renome internacional".
Unha consideración persoal ( e pouco cristiana) : estos delictos deberían ser imprescriptibeis xuridicamente e imperdoabeis moralmente.
Mentres eu pasaba catorce horas ao día, sete días á semana, na praia de Palma alugando velomares, tumbonas e hamacas, os mellores amigos que deixara na Galiza traballaban a súa vez nas noites de verán na churrería de Nacho Galiano, indo de romaría en romaría, de verbena en verbena: Coia a San Roque, Peregrina ao Carme, Santiago a Bouzas, nunha infinita sucesión de noites graxentas que remataban coa promesa de non volver comer churros ou patacas fritidas nos seguintes nove meses. Aqueles traballos estivais daban froitos: eu aproveitei os cartos para obter con dezaoito anos recén cumpridos o carné de conducir e despois para sobrevivir en Compostela mentres o xadrez non chegaba á miña vida. Aos colegas, a Fran, por exemplo, valeulle para rematar a carreira tamén en Santiago - durmindo nos barracóns do Burgo - e despois pagar o Máster de Caixanova. Pero houbo máis puntos de intersecións. O propietario da churrería, Nacho, un tipo forte, bruto e noble, déuselle por rematar a carreira de dereito en Santiago que facía tempo escomenzara na UNED en Pontevedra. Por iso estivemos xuntos algunhas veces aqueles anos: eu deixáballe apuntes ou emprestáballe libros e el correspondía con sabios consellos sobre a vida en xeral e as mulleres en particular ( consellos que, lamento recoñecer, non foron aplicados cando tiven necesidade varios anos máis tarde ). Unha das asignaturas que toleaba a Nacho era a de dereito procesual e por mor do profesor daquela: Luciano Varela, maxistrado coñecido por ser un dos fundadores de Xuíces para a Democracia. O feito é que a relación persoal entre eles dous estaba desfeita porque Luciano Varela recoñecera a Nacho nunha das clases e foi capaz de lembrar como aquel home de espaldas inmensas fora o mesmo rapaz que moitos anos atrás fixérao pasar mal no barrio de Pontevedra onde os dous vivían. "Cousas de nenos" xustificábame Nacho, pero o feito é que o agora Maxistrado estaba resolto a non esquecer nin perdoar. Nos exames, Varela colocábase a hora enteira ao carón de Nacho. O nivel de esixencia para aprobar a asignatura convertiuse no exame inmediatamente mellor que o do noso amigo. Ao cabo Nacho decidiu que esa asignatura sería aprobada noutra facultade.
Para min foi unha boa lección para a vida: todos somos iguais, non ante a Lei ( que está claro que aí si somos distintos ), pero si ante os vicios, pecados e defectos. Podes ser maxistrado ou estudante; obreiro, parado ou empresario; a carne - a cinza - da que estamos feitos é a mesma para todos.
Hai poucos meses escoitei a Luciano Varela na Radio Galega, no Galicia Primeira Hora, entrevistado pola nova composición do Consello Xeral do Poder Xudicial e o sistema de cuotas. O seu discurso foi patético, institucionalizado ( burocratizado ) lonxe do profesor ambicioso e valente que noutrora fora na USC. En moi poucos días imos ter Luciano Varela ata na sopa, vanse examinar cada un dos seus acenos, interpretaranse á conveniencia as verbas que deite nos autos xudiciais baixo a súa encomenda, porque tocoulle a el decidir sobre o Xuíz Estrela, sobre o famosísimo Garzón. E nada será igual despois de que Varela decida, porque hai dúas forzas enfrontadas: a negra sombra do franquismo que está moi ben pousada nas institucións xudiciais contra a ambiciosa idea dunha xustiza universal. Pero baixo a simple xeralización ( bos contra malos, dereita conta esquerda, nacionalistas españois contra nacionalistas periféricos ) teremos neste caso unha penitencia evidente producto do pecado da non despolitización da xudicatura - tarefa pendente dende a chegada da democracia - : se Varela é favorable a Garzón a caverna lembrará que é membro de Xuíces para a Democracia, mesmo que dictaba sentenzas en dialecto galego; se vai na súa contra volveremos falar dende a progresía do conservadurismo inherente á xudicatura, do castigo a aquel que profanou o xardín. Xa entrando lixeiramente no tema xurídico, o máis que probable arquivo da querela atendendo ao ridículo plantexamento do querelante ( independentemente que sexan de estrema dereita ou sobre a posible falta de lexitimación activa ) que de progresar faría inmediatamente sospeitosos de prevaricar a tódolos xuíces que dictan sentenzas posteriormente revocadas por instancias superiores ( unha estupidez infinita, en fin ), non nos debe facer esquecer que o problema de fondo é o moi peculiar sistema xudicial español, cun órgano estatal potentísimo, a Audiencia nacional, de difícil encaixe constitucional e máis pensado en situacións de excepcionalide política. As atribucións por razón da materia provocan a notoriedade daqueles xuíces con maior tendencia a se comportar como fiscais ( priorizando principios inquisitorios sobre a neutralidade da investigación ou os dereitos dos investigados ). Non é estrano que as forzas de seguridade coñezan perfectamente que Xulgado da Audiencia Nacional está de garda para solicitar a súa conveniencia os rexistros, entradas, intervencións, que maxistrados máis rigurosos non aceptarían. Tamén podemos entrar a falar do sistema de retribucións dos xuíces, das estatísticas xudiciais, dos módulos, dos resultados dos alardes e da indecente tendencia a admitir unha querela antes de ollar - aínda que fora lixeiramente - o seu contido. Pero hoxe non toca.
Pensando en facer a anotación anterior, e ao fío dos conselleiros de cultura, non puiden menos que lembrar o día que a aula Magna de Dereito foi o espazo onde se produciu unha enorme ovación cando entrou nela Alejandrino Fernández Barreiro, recén nomeado Conselleiro de Cultura con Fernández Albor. O homenaxeado, por vez primeira, ensinou os dentes no que semellaba ser un tímido sorriso; e de contado, coa súa voz monótona e soporífera escomenzou a súa derradeira clase do apaixoante Dereito Romano. A ovación tiña motivos: durante algún tempo os estudantes ían estar ceibes do profesor máis aburrido existente baixo as estrelas. Outra cousa foron os sustitutos: sempre os ditos levan carga de razón, e máis nos casos que lembran que virá quen te faga bo.
Ovación enorme tamén foi a que escoitei un día nunha sesión da Asociación Internacional de Lusitanistas. O tema da conferencia era "A mulher e o amor na poética de Vinicius de Morais", impartida por unha profesora da Universidade de Rio de Janeiro. As comunicacións eran de quince minutos, de xeito que cando levaba vintecinco minutos de exposición, a moderadora insinuoulle que podería ir rematando. Vinte minutos máis tarde volveu haber outro aviso da moderadora instándolle á conferenciante a dar por pechada a súa intervención, pois agardaba un coloquio. Ela sorriu e seguiu ao seu. E así outra vez máis. Ao cabo, unha hora e dez minutos de iniciada a súa sesión, cincoenta e cinco minutos despois do previsto, a conferenciante fixo unha breve pausa para - por vez primeira - mollar a gorxa coa auga mineral disposta para ese fin, cando a moderadora iniciou unha serie de fortísimos aplausos a que a concorrencia - agradecida - se sumou. Aquela forte ovación ( hai indicios dun pequeno tremor de terra despois do mediodía do 21 de xullo de 2005 pola zona de Vite ) de varios minutos ( o tempo preciso para que os participantes no coloquio tomaran posesión dos seus respectivos sitios na palestra ) deu por rematada a conferencia daquela teimuda profesora que falaba, iso si, do que mellor coñecía Vinicius: poesía, amor, mulleres; a fin de contas foi capaz de casar ata nove veces.
Anotacións sobre o anteproxecto de lei que regulará o aborto:
A futura lexislación equipárase á existente nos países do noso entorno.
Porén, o estado actual da doctrina do Tribunal Constitucional, procedente dunha sentenza de 1985, provocará unha situación de pendencia xurídica cun resultado incerto: os actuais maxistrados do TC terán o valor de modificar unha liña argumental de hai 24 anos? Non sabería anticipar a súa resolución.
Aborto como exemplo de hipocresía consentida: a situación actual é en realidade semellante a un modelo de aborto libre pero caro ( agás os casos de malformacións xenéticas moi graves, onde - de mala gaña - actua a seguridade social ). Solucionar esa inadecuación entre lexislación aplicable ( coa filosofía de que as mulleres que abortan non deben ir á cadea ) e realidade social é plausible; e buscar a solución que xa leva tempo adoptada en estados coma o noso é razoable.
Misturar lei e relixión é un feo asunto, pois a lei abrangue a tódolos cidadáns mentres que as conviccións relixiosas das persoas adultas deberían ficar no ámbito máis privado posible. Dito o cal, o Estado debería estar firme ante os intentos de proselitismo das relixións e do seu intento de marcar e influir a axenda lexislativa: a experiencia desde a transición española demóstranos o contrario: a permeabilidade dos sucesivos gobernos ante a presión da xerarquía católica; mágoa.
Abortar non é unha festa. Ás veces é un mal necesario. Independentemente da cualificación que lle demos, o problema existe e as cifras anuais de abortos son constantes dende hai tempo, mesmo cando non estaba despenalizado. Pechar os ollos ante esa realidade non axuda a solucionala.
Deberiamos recoñecer que dende unha ética laica se poidan ter obxecións a solución adoptada a este problema, ou ao feito mesmo da simple despenalización do aborto. Pero nun estado democrático as leis son aprobadas pola maioría parlamentaria, que representan á maioría da sociedade: esas son as regras do xogo.
Recomendable, como case sempre ( especialmente cando escribe do Prestige ) esta columna do profesor ( moi bo, por certo ) Carlos Martínez Buján.
Unha dúbida: cales foron as motivacións políticas para seguir adiante coa posibilidade de que as rapazas de 16 anos poidan decidir abortar sen necesidade de autorización?
Remato cunha convicción persoal: fago miñas as verbas de Mosterín
Laura Caveiro é unha escritora en lingua galega. Cando tiña dezasete anos era a única persoa da súa clase de COU que falaba decote en galego, e facíao ao seu xesto, con humildade pero cunha pacífica férrea convicción.
Hai unha avogada en Compostela que fisicamente ten notable semellanza coa Laura Caveiro avogada en Vigo, se ben a de Santiago é máis xoven e dez centímetros máis alta. Ésta última en compaña do seu xefe de bufete, ben pensado máis valería dicir socio, estiveron a piques de estafar a un pobriño colega na venta dun piso con defectos estructurais. E iso que o pobriño colega - eu - tiña boa relación con ela, ata chegáramos a coincidir en reunións do COSAL. Salveime do inferno no día da escritura perante o Notario, e gracias aos consellos non só do fedatario público senón tamén do director da sucursal bancaria que nos ía dar a hipoteca, e que viron o percal. Houbo moitas testemuñas da absurda situación. Perdoo, pero non esquezo. Tres meses despois coñecín ao arquitecto que fixo o edificio, e felicitoume pola miña decisión.
Antonte cruceime na rúa coa taimada avogada. Eu sorrín e saudei, ela demudou a cor da faciana, mirou ao chan e marmurou algo, un saúdo cecais, ou non. Que máis da. Ao mellor estaría indignada comigo porque me neguei a asinar unha compra ata estares o piso en condicións de habitabilidade, ou ao mellor estaba avergoñada de nos mentir e tentar estafar. Alá ela.
(Estafar, estafar, verbo que asocio a estar canso, pero que non sei substituir polo pertinente en cuestión penal)
A xenuina Laura Caveiro tiña como nota mínima nos seus estudios o notable, adoitando estar o seu nivel no sobresaínte. Éu, que compartín con ela non só COU senón tamén algúns anos na Facultade, só lembro que suspendera unha vez. Asignatura: Historia do dereito español, que impartía o inclasificable xenro de Carl Schmitt, feito tal que demostraba sen lugar a dúbidas que a sona de Otero Varela - de aprobar e suspender á xente ao chou - era merecida.
Aquel verán corría o ruxe-ruxe de que se Alemaña gañaba o campionato do mundo de fútbol, o profesor, en homenaxe ao recén desaparecido sogro, daría aprobado xeral. Maradona encargouse de impedir a comprobación da hipótese.
Tralo simulacro de saúdo de antonte pensei na clásica teoría de Schmitt sobre os amigos e os enemigos. Supoño que haberá que combater as ideas e non ás persoas e que da xente con ideas máis reaccionarias se poden sacar ensinanzas. Di Schmitt que de non haber enemigos acabaríase a política... e acabaríase a avogacía engado eu. Certamente, que mundo tan feliz.
Unha nova dun xornal faime plantexar algunhas dúbidas sobre o voto por correo que de contado sinalo:
a) Cándo se perfecciona o exercicio do dereito a votar por correo? Cando se entrega o voto nas oficinas de Correos? Cando o voto extraído da saca de Correos é introducido na urna?
b) Dependendo das respostas anteriores saberiamos se unha persoa que emitira o voto por correo podería - ou non - acudir ao Colexio Electoral e votar presencialmente.
c) Qué pasa, logo, se unha persoa morre despois de emitir o voto por correo e antes das 00:00 horas do día da votación? Ou se morre entre as 00:00 horas e o momento de se abrir os Colexios Electorais? Ou se morre despois de abertos os Colexios pero antes de que o seu voto sexa introducido na urna?
Eu discrepo da resposta chave a estas preguntas que fica nas propias normas que regulan os procesos electorais: "Non poden votar persoalmente, na mesa electoral, os que exerceron o dereito a votar por correo."
Xa que a resposta ao punto b é que non se pode votar persoalmente, deducése que esa prohibición é para evitar a duplicidade de voto e por conseguinte considérase que o voto xa foi emitido, aínda que non entrara fisicamente na urna ( os votos por correo son os derradeiros ). Por certo, a solución dada nas eleccións as federacións deportivas é máis sinxela: O voto por correo é válido se o interesado non emitiu persoalmente o seu voto con anterioridade.
Pasamos ao punto c: O teu voto xa está enviado por Correos, e de acordo co punto b é irreversible a decisión... O problema aparece coa morte do cidadán: Pódese introducir o voto na urna se o pasamento ocurriu nalgun día anterior ao das eleccións? Para min está clara a resposta no senso de que se debe introducir o voto na urna se o falecemento acaece despois das 09:00 horas, e que non - en contradicción coa resposta chave - se foi en días anteriores. Pero que decisión tomar se a persoa morre entre as 00:00 e as 09:00 horas?
Estas discusións, bastante bizantinas, lémbranme aquelas que tiñamos en dereito penal verso a calificación xurídica da morte voluntaria dun bebé nacendo: Se matan ao bebé xa fora do corpo da nai pero sen cortar o cordón umbilical, é aborto ou homicidio?
Explicábao ben o personaxe de Alan Alda na excelente "Crimes and misdemeanors" de Woody Allen: "A comedia é traxedia máis tempo". Por conseguinte, cando o tempo pase , é posible que poidamos facer chistes coas peripecias que ultimamente ven padecendo Dionisio Pereira. Pero mentres non cheguen esos lonxanos días recoñezo que ao pensar neste asunto ( historiador acusado de inxurias por desenvolver eficazmente o seu traballo ) a verba que quere saír da miña boca é "grotesco". Sei da boa capacitación da avogada de Dionisio e tamén dou fe do sentido común e capacidade de comprensión que adoita ter o fiscal que actuou o pasado martes no xuízo desenvolto na Estrada. Da xuíza teño ata o de agora tamén boas impresións: persoa razoable. Polo tanto non estou inquedo sobre o remate xudicial da historia. Pero si estou pesaroso de termos chegado ata eiquí. Os familiares dos represores deberían saber - pode que mellor que ninguén - que o concepto de "honra" non se transmite por herdanza. Que os pecados ( ou as virtudes ) dos pais, avós, irmáns ou fillos só a eles lles afectan, porque os parentes non son responsables dos actos e cualidades da familia. Que o triste do asunto é estar a falar da honra dos descendentes dos opresores e da profesionalidade do traballo dos historiadores no canto de render cumprida homenaxe aos mortos e represaliados pola barbarie.
Estou a facer unha pequena mudanza e aparecen dous libros de primeiro de dereito.
O profesor de Dereito Romano obrigounos a mercar e estudar o libro do seu pai. Transcribo o que pon na súa páxina 125 ese libro da autoría de Álvaro dÓrs: "Lo que da a una acción su condición de honoraria es la novedad en la intentio, o en el conjunto demonstratio-intento. Una praescriptio, una exceptio o una modificación de la condemnatio introducidas por el pretor en una acción civil no altera su carácter civil; así ocurre, p.ej., en la actio de eo quod certo loco, que no es más que una actio certi con una modificación en la condemnatio; o con una acción del edicto quos cum eo que no hace más que introducir el llamado beneficio de competencia en la condemnatio; o con la actio ex iureiurando por una causa no-crediticia, la cual no tenía más novedad que una praescriptio; o con la acción sine noxae deditione; o con la acción del bonorum emptor, la cual tiene una deductio..."
O profesor de Dereito Natural obrigounos a mercar o seu propio libro. O exame consistía nunha proba de memorización do mesmo. Transcribo o parágrafo 28 do capítulo 58 do libro autoría do cuñado do profesor Fraga Iribarne (a quen lle dedica o terceiro volume), o Catedrático Francisco Puy: "La verdad es que todo hombre tiene un derecho fundamental a cumplir libremente sus obligaciones, y que sólo son tales aquellas que su conciencia admite, o no repugna al menos. Un pacifista, pues, tiene derecho a objetar un servicio a la patria que le exija usar o utilizar armas; pero no tiene derecho a negarse a servir de camillero en la cruz roja. Un médico tiene derecho a negarse a practicar un aborto a una embarazada a la que la seguridad social conceda ese -derecho-. Un juez tiene derecho a negarse a sentenciar un divorcio, aunque la ley se lo mande... etc. Todo eso no es lo que dice la constitución, ni muchos textos internacionales: pero es lo que deberían decir. Y lo que dicen algunos. Y los otros, desde luego, tampoco lo contradicen. Según lo entiendo, si se puede exigir jurídicamente que se deje en paz a los ciudadanos para cumplir sus deberes constitucionales, es que también se puede exigir jurídicamente que se deje en libertad a todo el mundo para cumplir sus deberes de conciencia, morales o religiosos.
A primeira hora da mañá do 24 de decembro de 1919 o camión dunha fábrica de calzado de Bridgewater, no Estado de Massachussetts, foi atacado por dous homes: un armado cun revólver e o outro cun rifle. O feito tivo lugar na esquina das rúas Broad e Hale. O automóbil levaba a paga semanal dos traballadores da fábrica. Os asaltantes dispararon sobre o camión, pero éste non detivo a súa marcha ata que se espetou contra un poste telegráfico. O policía que ía dentro repeleu a agresión e os atracadores fuxiron nun "Buick" que tiñan aparcado na rúa Hale. Case catro meses despois do suceso, o 15 de abril de 1920, ás tres da tarde, na rúa principal de South Baintree, tamén en Massachussetts, o pagador dunha fábrica de calzado e o seu compañeiro foron atacados e mortos por dous homes armados con pistolas, que lles arrebataron os 15.776 dólares que levaban. Despois, os asasinos fuxiron nun automóbil, onde agardaban tres individuos máis, encamiñándose á estación do tren máis próxima. Cando a policía principiou as pescudas non tiña máis datos dos atracadores que istos, tan vagos e imprecisos: que os fuxitivos tiñan aspecto de italianos ou semellantes, e que se podían iniciar as investigacións na zona de Cochesset. Ao comezo tropezouse con pistas falsas. Despois mixturouse a política. Na primavera de 1920 o fiscal xeral Palmer encetou unha campaña contra os estranxeiros que manifestaran ideas ácratas e radicais. Acusábaselles de manter unha axitación prexudicial nas zonas industriais norteamericanas. O cal denotaba, ademáis, que sobre un interese político gravitaba un interese moito maior, de carácter económico, nestes asuntos. A campaña seguiu adiante e deu ocasión a sucesos escabrosos. Un tal Salsedo, home fichado por tendencias radicais, apareceu morto, por accidente ao parecer. A versión oficial foi a do suicidio: defenestrouse dende o andar 14 do edificio de Park Row, departamento de Xustiza de Nova York. Esta misteriosa morte impresionou aos elementos revolucionarios radicados nos Estados Unidos. De contado decidiron agachar toda a literatura de propaganda política que gardaban nas súas casas. Dous italianos, Sacco e Vanzetti, posuían gran cantidade desta propaganda literaria e, xunto con outros dous, Boda e Orciani, trataron de facela desaparecer o antes posíbel. Pero ante a cantidade de papel decidiron utilizar un automóbil. Por iso acudiron a un garaxe propiedade dun tal Johnson, En canto chegaron alí, a muller de Johnson díxolles que ía telefonear ao seu marido para que os poidera atender. Pero o que fixo foi chamar á policía. Voltou para lles dicir que non podía entregarlles o coche porque non tiña a matrícula correspondente a 1920. Retiráronse Sacco e Vanzetti e tomaron o tranvía de Brockton. Alí mesmo foron detidos. A Boda non se lle atopou e Orciani poido demostrar que fora ao seu traballo. A Sacco e Vanzetti non se lles dixo o motivo da acusación. Porén, preguntóuselles polas súas ideas políticas, o que lles fixo supor a ámbolos dous que eran éstas as causas da detención. Acreditando niso, prestaron loxicamente unha falsa declaración sobre os motivos que tiñan para utilizar o automóbil. Cando se decataron, ao cabo, de que se lles acusaba dos atracos de Bridgewater e de South Baintree protestaron da calumniosa acusación e restableceron a verdade no seu punto. Máis o xuíz Thayer considerou que incurriran en "conciencia de culpabilidade", e só niso, nesta apreciación puramente subxectiva, baseouse máis tarde o fundamento da acusación e da condena. A vista comezou o 2 de xuño de 1920, polo que se refire ao atraco frustrado de Bridgewater, coa selección dos xurados e a lectura dos cargos. A defensa estivo encomendada a dous avogados inexpertos, os cales se disculparon máis tarde das críticas a súa deficiente defensa aducindo que era o primeiro inocente que defendían e faltáballes práctica. As contradiccións entre as testemuñas foron abundantes, segundo se demostra das incidencias do proceso. O ambiente xa era francamente hostil aos forasteiros, segundo as clásicas teorías de discriminación racial, e por tanto todos procuraron prexudicar a aqueles extremistas latinos. A outra vista da causa polo doble asasinato de South Baintree fixouse para o 31 de maio de 1921 en Dadham, condado de Norfolk, dentro do mesmo Estado de Massachussetts. Durante as deliberacións poido comprobarse que a meirande parte das testemuñas da acusación eran falsas. Pero a forza da inercia do proceso e a tenacidade do ministerio fiscal lograron a continuación do caso co propósito deliberado de condenar aos dous inculpados. Demostrouse sobradamente que no momento do crime Sacco atopábase no consulado italiano de Boston, como certificou cumplidamente o oficial da representación diplomática. En canto a Vanzetti, aquel día estivo constantemente no seu posto de vendedor de peixe, véndolle alí innumerabeis clientes. Durante o proceso pronunciáronse certas frases. Saliu a relucir que un avogado aconsellara aos procesados que tódolos libros, papeis, literatura, e panfletos en relacións coas súas ideas radicais se fixeran desaparecer para evitar posibles transtornos e alborotos ao redor do día 1 de maio. Iso explicaba suficientemente o nervosismo e a inquietude dos extremistas italianos e as súas inusitadas idas e voltas durante a segunda quincena de abril. O presidente do xurado, Walter H. Ripley, que sentenciou a Sacco e Vanzetti, mantivo unha previa conversa acerca da culpabilidade ou inculpabilidade dos procesados. Finalizou brutalmente a parola con estas verbas: "Ao demo con eles. Hai que colgalos." O xuíz Thayer negouse a conceder, en 1922, unha revisión do proceso e volveu rexeitar o 1 de outubro de 1924 a petición de novo xuízo, a fin de que non houbera posibilidade de que se puxeran en evidencia as irregularidade do primeiro. En novembro de 1925, un tal Celestino F. Madeiros, espontaneamente, escribiu unha declaración, manuscrita e asinada, na que manifestaba a súa participación no crime de South Baintree, e que Sacco e Vanzetti non estaban implicados no mesmo. Tampouco foi atendida esta declaración e o xuíz Thayer non procedeu de xeito algún a outorgar a revisión do xuízo. Contra esta negativa, os defensores de Sacco e Vanzetti presentaron perante o Tribunal Supremo de Massachussetts un recurso, o cal foi substanciado os días 27 e 28 de xaneiro de 1927. E o Tribunal Supremo, presionado violentamente, rexeitou, con data 5 de abril do mesmo ano, a petición de novo xuízo, declarando que na negativa do xuíz Thayer non se cometera ningún erro de dereito nin tampouco ningún abuso de xurisdicción ou de discreción. O acordo do Supremo era a última palabra de orde legal que podía pronunciarse sobre a sorte de Sacco e Vanzetti. Por conseguinte e a toda presa, o 9 de abril de 1927 o fiscal de distrito do Condado de Norfolk, cunha precipitación que de certo non o honrou, solicitou do Tribunal Supremo de Dedham, que presidía o xuíz Thayer, que pronunciase definitiva sentencia de morte contra os acusados. Preguntóuselles a estos, de xeito rutinario, se tiñan algo que alegar. Non se lles fixo o menor caso das reiteradas protestas de inocencia que eles formularon con decisión e sinceridade ao longo de todos aqueles anos. E o xuíz Thayer, inmediatamente, dirixiuse en ton airado e furioso a Sacco e Vanzetti e pronunciou a sentencia de morte: "...mediante o paso dunha corrente eléctrica a traverso do corpo, o cal se verificará a semana que comeza o domingo 10 de xullo do ano de Noso Señor, 1927..." O clima creado en torno a aqueles homes lembraba lonxanamente a atmosfera, mesta, de histeria e fanatismo, que fixo posible o proceso das bruxas de Salem e os fachos das fogueiras machartystas. Unha de tantas épocas de febre e inseguridade do pobo norteamericano - poucos anos antes do crack económico de 1929-, cando aparecen os piores pantasmas: a perda de dominio de si mesmo, a ausencia de sangue frío e a xusta ponderación obxectiva da vida, dos homes e das cousas. Foron inútiles tódalas xestións para o indulto. O caso, ao logo de media ducia de anos, trascendera ás fronteiras. Con estrana unanimidade uniuse todo o mundo para pedir a non execución desta pena capital, contra a que se pronunciara, con repulsa absoluta, todo un plebiscito mundial, con abrumadora maioría de persoas de tódalas categorías sociais. As peticións de indulto choveran dende tódalas partes do mundo, ano tras ano. Entre outros ilustres nomes cabe citar as sinaturas de personaxes tan importantes como George Bernard Shaw, John Galsworthy, o presidente checolslovaco Massaryk, o sabio Albert Einstein, o capitán Dreyfus... Houbo manifestacións en Boston, en Londres, en Berlín, en París, en Tokio, en Xenebra... Foi un auténtico veredicto universal en favor das dúas víctimas dun dos erros xudiciais máis claros e patentes de tódala Historia da Xurisprudencia. O gobernador Fuller, o día sinalado para a execución, saudou sorrinte aos xornalistas respostando mecanica e invariablemente ás solicitudes de indulto coa mesma frase estereotipada: "Tomarei en consideración o que vostedes me din" O señor gobernador non tomou en consideración absolutamente nada. Nas rúas, tódalas persoas que se dirixían cara a residencia de Fuller, para pregarlle o perdón dos condenados, eran detidas pola policía e levadas presas ao posto de Ly Street. Entre os que foron arrestados aquel día estaban a poetisa Edna St. Vincent Millay, o escritor John Dos Passos, o diplomático Paxton Hibben, o filósofo Howard Lawson e a profesora Ellen Hayes, de Wellesley College, que xa contaba con setenta e seis anos de idade. Cando un dos mellores avogados de Washington, o famoso John Finerty, chegou ao aeroporto de Boston para tomar o avión e xestionar un derradeiro esforzo en prol dos sentenciados, foi recibido groseiramente por un oficial do exército, que lle cuspiu estas palabras textuais: "o meu maior pracer sería poder recibilo a tiros". Ás seis da tarde, o ilustre representante La Guardia, chegado de Nova York expresamente para ver ao gobernador Fuller, tratou de o convencer de que suspendese a execución ata que se resolvera unha apelación presentada perante o Tribunal Supremo dos Estados Unidos. Pero esta petición tampouco foi escoitada nin moito menos atendida. Xa en capela, Nicola Sacco despidiuse da súa esposa e Bartolomeo Vanzetti da súa irmá, chegada expresamente de Italia para asistilo neses momentos. As dúas mulleres, desesperadas, tentaron unha entrevista co gobernador Fuller. Despois dunha hora de desgarradoras súplicas, éste contestoulles que compartía os sentimentos das solicitantes, pero que a súa conciencia dictáballe que debía deixar seguir o seu curso á Lei. O avogado Finerty, a quen en forma tan vil e groseira non lle permitiran a viaxe en avión para que as súas xestións chegaran tarde, poido realizalo, con mil dificultades, en automóbil, a toda velocidade e ao longo de duascentas millas. Unha carreira contra o reloxio. Para gañar tempo, telefoneou ao gobernador Fuller e logrou porse en contacto con el. Pediulle en nome da decencia humana que adiase a execución dúas horas, ata que poidera resolver legalmente sobre unha apelación presentada. Mediante sagaces e astutos legalismos e nun clima de turbios entorpecementos, conqueriuse que a execución non fora adiada e os inauditos esforzos daquel abnegado defensor foron completamente inútiles. Sacco e Vanzetti quedaron abadonados a súa sorte. As dez da noite o electricista do cárcere de Charlestown probou a silla eléctrica e declarou que estaba en orde. Máis de cen xornalistas estaban no despacho da dirección agardando novas, pero só o representante da Associated Press estaba autorizado a presenciar a execución. Pasou, altivo e satisfeito, coas testemuñas oficiais á cámara do patíbulo, precedidos polo alcaide. Os acusados mantiveron a súa inocencia absoluta e morreron con dignidade e valor. Para matar a Sacco necesitouse unha descarga de 2.100 voltios. Para Vanzetti chegaron 1.950 voltios. Á saída, o representante da Associated Press subiuse desenfadadamente a unha cadeira e anunciou aos seus colegas cinicamente: "Non tivo nada de particular, señores. Houbo ausencia de cor".
O 22 de agosto de 1927 dous homes inocentes morreron a mans do verdugo de Boston. As protestas multiplicáronse polo mundo adiante. En Londres unha compacta manifestación marchou sobre Buckingham Palace e tivo que ser disolta pola policía montada. En Berlín celebrábanse simultaneamente decenas de mítines e exaltados oradores proclamaban igual convicción e a mesma indignación. En Xenebra, os manifestantes, máis de dez mil, asaltaron a Embaixada de Estados Unidos. A policía arroxounos do edificio logo dunha loita desesperada. Entón dirixíronse ao pazo da Sociedade de Nacións e esnaquizaron os seus cristais. En Tokio o embaixador norteamericano viuse na obriga de recibir unha delegación de traballadores, a quen lles houbo de explicar que non tiña xurisdicción algunha sobre as execucións de Massachussetts. En París decretouse unha folga xeral e en tódolos barrios celebráronse reunións públicas de protesta. Nun café dos bulevares, un camareiro negouse a servir a un norteamericán, e ao protestar éste con insolencia estivo a piques de ser linchado pola multitude, que tivo que ser disolta con cargas de cabalería: o cidadán estadounidense tivo que ser levado urxentemente ao hospital. A presencia dos norteamericanos provocou en todas partes sinais de disgusto e en todo o mundo, ante os consulados e legacións estadounidenses houbo manifestacións e protestas de carácter máis ou menos violento. Pódese considerar que o caso Sacco e Vanzetti non é tanto un erro xudicial coma un crime. Así o argumentaba L. Amado ( "El proceso Sacco y Vanzetti", Madrid, 1932) : "Sería erro xudicial se, tendo sospeitas de que Sacco e Vanzetti eran culpabeis, tivéranas tamén de que eran inocentes. Nese caso poideron estar os xurados do xuízo de Dedham. Poidera ter sido erro xudicial se despois das mocións presentadas para lograr a revisión do proceso, no que se demostraba que desaparecían as poucas bases de acusación nas que fundou a proba o fiscal, o xuíz, o tristemente xuíz Thayer, crérase con razóns para persistir na validez da sentencia. Pero despois de ter demostrado que Sacco e Vanzetti non cometeran o crime de South Baintree, senón que o cometeran outros homes, cos seus nomes e enderezos e probas de culpabilidade aportados, persistir na sentencia era un crime, e o principal autor foi o xuíz Thayer."
Prefiro falar de música, lembrando, por exemplo, que hoxe hai oitenta anos chegaba ao mundo Tom Jobim. Prefiro falar de xadrez, ou de outros deportes pois na miña vida xoguei malamente a moitos e fun espectador de case todos. Prefiro falar de literatura: na miña cabeza quedaron prendidos versos de Miguel Hernández, Celso Emilio ou W H Auden; e releo con gozo a Perec, Bieito Iglesias ou Cortázar. Prefiro falar de cine, ou teatro, onde teño bos amigos.
Lamentablemente hoxe tamén toca falar de algo que coñezo e habitualmente me desagrada: do Dereito. Penso sinceiramente que o Estado onde me tocou vivir, España, non se debe calificar como Estado de Dereito: non hai división material dos poderes, persisten órganos xurisdiccionais excepcionais, non se cumpren os principios básicos do dereito penal, créanse delictos ad hoc para aplicalos a persoas concretas. Porque non se debe esquecer que o cerne do lamentabilísimo caso que está nos medios non é outro que a parte máis barullenta da opinión pública considera que unha persoa concreta merece a cadea perpetua. Cando a ese individuo lle chegou o intre de saír da cadea, como a tódolos penados do Estado algún día lle tocará, o Goberno, coa complicidade neste caso da caverna, declarou a súa intención de evitar a liberdade de aquel que xa cumplira a súa condena totalmente segundo as leis vixentes. Inventáronse un delicto inexistente onde como moito non había máis que calumnias ( que, por certo, non foron quereladas polos implicados), e condenaron vergoñentamente por dous delictos de opinión - non atopo as ameazas- co único fin de evitar a saída da rúa dun individuo que tiña dereito a liberdade ( por moi pésima que sexa a valoración que nos mereza a súa persoa e as súas accións pasadas ). Dende o principio do caso ata o do día de hoxe todo é un sinfín de barbaridades xurídicas encadeadas. A vinganza está prevalecendo sobre o dereito. Vou calar. É tarde e estou canso. E asqueado dos fascistas de sempre e anoxado dos que sabendo do tema siguen calados. Porque non se trata só da vida dunha persoa que cometeu vintecinco asasinatos, e non se trata só da posibilidade do fin da violencia en Euskadi. Trátase sobre todo do Estado de Dereito, de non ter - agora si - presos políticos na cadea. Trátase de que as leis penais non poden ser dictadas ad hoc. Trátase da proporcionalidade das penas, porque non houbo ameazas, pero de telas habido, son máis castigadas que un homicidio. As verbas máis sensatas e agudas sobre o tema linas a Andrés Boix Palop. A miña admiración para aquel que é capaz con tanta categoría de escribir tan ben.