01 fevereiro 2007

Sacco & Vanzetti

A primeira hora da mañá do 24 de decembro de 1919 o camión dunha fábrica de calzado de Bridgewater, no Estado de Massachussetts, foi atacado por dous homes: un armado cun revólver e o outro cun rifle. O feito tivo lugar na esquina das rúas Broad e Hale. O automóbil levaba a paga semanal dos traballadores da fábrica.
Os asaltantes dispararon sobre o camión, pero éste non detivo a súa marcha ata que se espetou contra un poste telegráfico. O policía que ía dentro repeleu a agresión e os atracadores fuxiron nun "Buick" que tiñan aparcado na rúa Hale.
Case catro meses despois do suceso, o 15 de abril de 1920, ás tres da tarde, na rúa principal de South Baintree, tamén en Massachussetts, o pagador dunha fábrica de calzado e o seu compañeiro foron atacados e mortos por dous homes armados con pistolas, que lles arrebataron os 15.776 dólares que levaban. Despois, os asasinos fuxiron nun automóbil, onde agardaban tres individuos máis, encamiñándose á estación do tren máis próxima.
Cando a policía principiou as pescudas non tiña máis datos dos atracadores que istos, tan vagos e imprecisos: que os fuxitivos tiñan aspecto de italianos ou semellantes, e que se podían iniciar as investigacións na zona de Cochesset. Ao comezo tropezouse con pistas falsas. Despois mixturouse a política.
Na primavera de 1920 o fiscal xeral Palmer encetou unha campaña contra os estranxeiros que manifestaran ideas ácratas e radicais. Acusábaselles de manter unha axitación prexudicial nas zonas industriais norteamericanas. O cal denotaba, ademáis, que sobre un interese político gravitaba un interese moito maior, de carácter económico, nestes asuntos.
A campaña seguiu adiante e deu ocasión a sucesos escabrosos. Un tal Salsedo, home fichado por tendencias radicais, apareceu morto, por accidente ao parecer. A versión oficial foi a do suicidio: defenestrouse dende o andar 14 do edificio de Park Row, departamento de Xustiza de Nova York.
Esta misteriosa morte impresionou aos elementos revolucionarios radicados nos Estados Unidos. De contado decidiron agachar toda a literatura de propaganda política que gardaban nas súas casas. Dous italianos, Sacco e Vanzetti, posuían gran cantidade desta propaganda literaria e, xunto con outros dous, Boda e Orciani, trataron de facela desaparecer o antes posíbel. Pero ante a cantidade de papel decidiron utilizar un automóbil. Por iso acudiron a un garaxe propiedade dun tal Johnson, En canto chegaron alí, a muller de Johnson díxolles que ía telefonear ao seu marido para que os poidera atender. Pero o que fixo foi chamar á policía. Voltou para lles dicir que non podía entregarlles o coche porque non tiña a matrícula correspondente a 1920. Retiráronse Sacco e Vanzetti e tomaron o tranvía de Brockton. Alí mesmo foron detidos. A Boda non se lle atopou e Orciani poido demostrar que fora ao seu traballo.
A Sacco e Vanzetti non se lles dixo o motivo da acusación. Porén, preguntóuselles polas súas ideas políticas, o que lles fixo supor a ámbolos dous que eran éstas as causas da detención. Acreditando niso, prestaron loxicamente unha falsa declaración sobre os motivos que tiñan para utilizar o automóbil. Cando se decataron, ao cabo, de que se lles acusaba dos atracos de Bridgewater e de South Baintree protestaron da calumniosa acusación e restableceron a verdade no seu punto. Máis o xuíz Thayer considerou que incurriran en "conciencia de culpabilidade", e só niso, nesta apreciación puramente subxectiva, baseouse máis tarde o fundamento da acusación e da condena.
A vista comezou o 2 de xuño de 1920, polo que se refire ao atraco frustrado de Bridgewater, coa selección dos xurados e a lectura dos cargos. A defensa estivo encomendada a dous avogados inexpertos, os cales se disculparon máis tarde das críticas a súa deficiente defensa aducindo que era o primeiro inocente que defendían e faltáballes práctica.
As contradiccións entre as testemuñas foron abundantes, segundo se demostra das incidencias do proceso. O ambiente xa era francamente hostil aos forasteiros, segundo as clásicas teorías de discriminación racial, e por tanto todos procuraron prexudicar a aqueles extremistas latinos.
A outra vista da causa polo doble asasinato de South Baintree fixouse para o 31 de maio de 1921 en Dadham, condado de Norfolk, dentro do mesmo Estado de Massachussetts. Durante as deliberacións poido comprobarse que a meirande parte das testemuñas da acusación eran falsas. Pero a forza da inercia do proceso e a tenacidade do ministerio fiscal lograron a continuación do caso co propósito deliberado de condenar aos dous inculpados. Demostrouse sobradamente que no momento do crime Sacco atopábase no consulado italiano de Boston, como certificou cumplidamente o oficial da representación diplomática. En canto a Vanzetti, aquel día estivo constantemente no seu posto de vendedor de peixe, véndolle alí innumerabeis clientes.
Durante o proceso pronunciáronse certas frases. Saliu a relucir que un avogado aconsellara aos procesados que tódolos libros, papeis, literatura, e panfletos en relacións coas súas ideas radicais se fixeran desaparecer para evitar posibles transtornos e alborotos ao redor do día 1 de maio. Iso explicaba suficientemente o nervosismo e a inquietude dos extremistas italianos e as súas inusitadas idas e voltas durante a segunda quincena de abril.
O presidente do xurado, Walter H. Ripley, que sentenciou a Sacco e Vanzetti, mantivo unha previa conversa acerca da culpabilidade ou inculpabilidade dos procesados. Finalizou brutalmente a parola con estas verbas: "Ao demo con eles. Hai que colgalos."
O xuíz Thayer negouse a conceder, en 1922, unha revisión do proceso e volveu rexeitar o 1 de outubro de 1924 a petición de novo xuízo, a fin de que non houbera posibilidade de que se puxeran en evidencia as irregularidade do primeiro.
En novembro de 1925, un tal Celestino F. Madeiros, espontaneamente, escribiu unha declaración, manuscrita e asinada, na que manifestaba a súa participación no crime de South Baintree, e que Sacco e Vanzetti non estaban implicados no mesmo. Tampouco foi atendida esta declaración e o xuíz Thayer non procedeu de xeito algún a outorgar a revisión do xuízo.
Contra esta negativa, os defensores de Sacco e Vanzetti presentaron perante o Tribunal Supremo de Massachussetts un recurso, o cal foi substanciado os días 27 e 28 de xaneiro de 1927. E o Tribunal Supremo, presionado violentamente, rexeitou, con data 5 de abril do mesmo ano, a petición de novo xuízo, declarando que na negativa do xuíz Thayer non se cometera ningún erro de dereito nin tampouco ningún abuso de xurisdicción ou de discreción.
O acordo do Supremo era a última palabra de orde legal que podía pronunciarse sobre a sorte de Sacco e Vanzetti. Por conseguinte e a toda presa, o 9 de abril de 1927 o fiscal de distrito do Condado de Norfolk, cunha precipitación que de certo non o honrou, solicitou do Tribunal Supremo de Dedham, que presidía o xuíz Thayer, que pronunciase definitiva sentencia de morte contra os acusados. Preguntóuselles a estos, de xeito rutinario, se tiñan algo que alegar. Non se lles fixo o menor caso das reiteradas protestas de inocencia que eles formularon con decisión e sinceridade ao longo de todos aqueles anos. E o xuíz Thayer, inmediatamente, dirixiuse en ton airado e furioso a Sacco e Vanzetti e pronunciou a sentencia de morte:
"...mediante o paso dunha corrente eléctrica a traverso do corpo, o cal se verificará a semana que comeza o domingo 10 de xullo do ano de Noso Señor, 1927..."
O clima creado en torno a aqueles homes lembraba lonxanamente a atmosfera, mesta, de histeria e fanatismo, que fixo posible o proceso das bruxas de Salem e os fachos das fogueiras machartystas. Unha de tantas épocas de febre e inseguridade do pobo norteamericano - poucos anos antes do crack económico de 1929-, cando aparecen os piores pantasmas: a perda de dominio de si mesmo, a ausencia de sangue frío e a xusta ponderación obxectiva da vida, dos homes e das cousas.
Foron inútiles tódalas xestións para o indulto. O caso, ao logo de media ducia de anos, trascendera ás fronteiras. Con estrana unanimidade uniuse todo o mundo para pedir a non execución desta pena capital, contra a que se pronunciara, con repulsa absoluta, todo un plebiscito mundial, con abrumadora maioría de persoas de tódalas categorías sociais.
As peticións de indulto choveran dende tódalas partes do mundo, ano tras ano. Entre outros ilustres nomes cabe citar as sinaturas de personaxes tan importantes como George Bernard Shaw, John Galsworthy, o presidente checolslovaco Massaryk, o sabio Albert Einstein, o capitán Dreyfus... Houbo manifestacións en Boston, en Londres, en Berlín, en París, en Tokio, en Xenebra... Foi un auténtico veredicto universal en favor das dúas víctimas dun dos erros xudiciais máis claros e patentes de tódala Historia da Xurisprudencia.
O gobernador Fuller, o día sinalado para a execución, saudou sorrinte aos xornalistas respostando mecanica e invariablemente ás solicitudes de indulto coa mesma frase estereotipada:
"Tomarei en consideración o que vostedes me din"
O señor gobernador non tomou en consideración absolutamente nada.
Nas rúas, tódalas persoas que se dirixían cara a residencia de Fuller, para pregarlle o perdón dos condenados, eran detidas pola policía e levadas presas ao posto de Ly Street. Entre os que foron arrestados aquel día estaban a poetisa Edna St. Vincent Millay, o escritor John Dos Passos, o diplomático Paxton Hibben, o filósofo Howard Lawson e a profesora Ellen Hayes, de Wellesley College, que xa contaba con setenta e seis anos de idade.
Cando un dos mellores avogados de Washington, o famoso John Finerty, chegou ao aeroporto de Boston para tomar o avión e xestionar un derradeiro esforzo en prol dos sentenciados, foi recibido groseiramente por un oficial do exército, que lle cuspiu estas palabras textuais:
"o meu maior pracer sería poder recibilo a tiros".
Ás seis da tarde, o ilustre representante La Guardia, chegado de Nova York expresamente para ver ao gobernador Fuller, tratou de o convencer de que suspendese a execución ata que se resolvera unha apelación presentada perante o Tribunal Supremo dos Estados Unidos. Pero esta petición tampouco foi escoitada nin moito menos atendida.
Xa en capela, Nicola Sacco despidiuse da súa esposa e Bartolomeo Vanzetti da súa irmá, chegada expresamente de Italia para asistilo neses momentos. As dúas mulleres, desesperadas, tentaron unha entrevista co gobernador Fuller. Despois dunha hora de desgarradoras súplicas, éste contestoulles que compartía os sentimentos das solicitantes, pero que a súa conciencia dictáballe que debía deixar seguir o seu curso á Lei.
O avogado Finerty, a quen en forma tan vil e groseira non lle permitiran a viaxe en avión para que as súas xestións chegaran tarde, poido realizalo, con mil dificultades, en automóbil, a toda velocidade e ao longo de duascentas millas. Unha carreira contra o reloxio. Para gañar tempo, telefoneou ao gobernador Fuller e logrou porse en contacto con el. Pediulle en nome da decencia humana que adiase a execución dúas horas, ata que poidera resolver legalmente sobre unha apelación presentada. Mediante sagaces e astutos legalismos e nun clima de turbios entorpecementos, conqueriuse que a execución non fora adiada e os inauditos esforzos daquel abnegado defensor foron completamente inútiles.
Sacco e Vanzetti quedaron abadonados a súa sorte.
As dez da noite o electricista do cárcere de Charlestown probou a silla eléctrica e declarou que estaba en orde. Máis de cen xornalistas estaban no despacho da dirección agardando novas, pero só o representante da Associated Press estaba autorizado a presenciar a execución. Pasou, altivo e satisfeito, coas testemuñas oficiais á cámara do patíbulo, precedidos polo alcaide.
Os acusados mantiveron a súa inocencia absoluta e morreron con dignidade e valor.
Para matar a Sacco necesitouse unha descarga de 2.100 voltios. Para Vanzetti chegaron 1.950 voltios.
Á saída, o representante da Associated Press subiuse desenfadadamente a unha cadeira e anunciou aos seus colegas cinicamente:
"Non tivo nada de particular, señores. Houbo ausencia de cor".

O 22 de agosto de 1927 dous homes inocentes morreron a mans do verdugo de Boston. As protestas multiplicáronse polo mundo adiante. En Londres unha compacta manifestación marchou sobre Buckingham Palace e tivo que ser disolta pola policía montada. En Berlín celebrábanse simultaneamente decenas de mítines e exaltados oradores proclamaban igual convicción e a mesma indignación. En Xenebra, os manifestantes, máis de dez mil, asaltaron a Embaixada de Estados Unidos. A policía arroxounos do edificio logo dunha loita desesperada. Entón dirixíronse ao pazo da Sociedade de Nacións e esnaquizaron os seus cristais. En Tokio o embaixador norteamericano viuse na obriga de recibir unha delegación de traballadores, a quen lles houbo de explicar que non tiña xurisdicción algunha sobre as execucións de Massachussetts. En París decretouse unha folga xeral e en tódolos barrios celebráronse reunións públicas de protesta. Nun café dos bulevares, un camareiro negouse a servir a un norteamericán, e ao protestar éste con insolencia estivo a piques de ser linchado pola multitude, que tivo que ser disolta con cargas de cabalería: o cidadán estadounidense tivo que ser levado urxentemente ao hospital. A presencia dos norteamericanos provocou en todas partes sinais de disgusto e en todo o mundo, ante os consulados e legacións estadounidenses houbo manifestacións e protestas de carácter máis ou menos violento.
Pódese considerar que o caso Sacco e Vanzetti non é tanto un erro xudicial coma un crime. Así o argumentaba L. Amado ( "El proceso Sacco y Vanzetti", Madrid, 1932) : "Sería erro xudicial se, tendo sospeitas de que Sacco e Vanzetti eran culpabeis, tivéranas tamén de que eran inocentes. Nese caso poideron estar os xurados do xuízo de Dedham. Poidera ter sido erro xudicial se despois das mocións presentadas para lograr a revisión do proceso, no que se demostraba que desaparecían as poucas bases de acusación nas que fundou a proba o fiscal, o xuíz, o tristemente xuíz Thayer, crérase con razóns para persistir na validez da sentencia. Pero despois de ter demostrado que Sacco e Vanzetti non cometeran o crime de South Baintree, senón que o cometeran outros homes, cos seus nomes e enderezos e probas de culpabilidade aportados, persistir na sentencia era un crime, e o principal autor foi o xuíz Thayer."

Este relato está eiquí.


Etiquetas: ,

6 Comentarios:

Anonymous Anónimo said...

Pon os pelos de punta. Está claro que non se trata dun erro xudicial senón que é un homicidio premeditado. E o que máis medo da é pensar que este tipo de xustiza non morreu nos anos 20 senón que segue actuando con impunidade en moitos países do mundo.

4:03 da tarde  
Blogger Moralla said...

Grazas por desfrutar de Curros Enríquez! se podes, escoita a versión de maría do Ceo con acordeón! tamén pon os pelos de punta!
Unha aperta
Yoli

8:15 da tarde  
Blogger Mario said...

Esta historia sempre me impresionou. E tamén as cancións de Joan Baez/Morricone inspiradas nas cartas reais dos dous antes da execución.

1:51 da manhã  
Blogger A rapaza do arco said...

Este comentário foi removido pelo autor.

6:53 da tarde  
Blogger A Raíña Vermella said...

Eu vin "Sacco & Vanzetti" na casa duns amigos, facendo o tempo antes de saír e medio de coña (non sabiamos de que ía). Non lembro se esa noite chegamos a saír, pero si como as conversas ían esmorecendo pola sala conforme avanzaba a película, ata que ficamos todos en total silencio, conmocionados. Coido que se ninguén chorou foi por pudor.

6:58 da tarde  
Blogger bouzafria said...

Non só e terrible a inxustificable traxedia persoal de Sacco e Vanzetti, senón tamén a complicidade silenciosa da sociedade estadounidense. E pode que agora mesmo, tantos anos despois, a "xustiza" actuaría do mesmo xeito.

4:38 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home