26 novembro 2008

Cañizares

Cañizares: Personaxe feminino en comedia televisiva.
Cañizares: Ex - goleiro do Celta, boa colocación e bos reflexos pero con sona de mal carácter dentro dos vestiarios.
Cañizares: Bispo: Movementos diagonais, ergo sempre en casillas da mesma cor.

O Bispo di: a sociedade está enferma: aborto, eutanasia, experimentación con embrións.
Eu (peón) digo: a sociedade está enferma: cobiza de riquezas, ecoloxía, pobreza.

Etiquetas:

Calamitá

O valor dun til

Etiquetas: ,

25 novembro 2008

Marcos Valcárcel



Non é posible imaxinar unha homenaxe máis merecida que a que recibirá na noitiña do vindeiro sábado o historiador Marcos Valcárcel en Ourense. Como son unánimes as loubanzas ao seu rigor profesional e a súa bonhomía pouco podo engadir eu. Meu modesto gran de area non será máis que a miña probable presenza o sábado e o agasallo desta imaxe que principia o presente comentario: unha vista panorámica da súa cidade desde a esquina onde Benxamín e Carmen, José e Josefa ollaban Auria.

Etiquetas: ,

23 novembro 2008

William Holden

Sempre tiven predileción por este actor: autenticidade, coñecemento, complexidade. Especialmente brilante cando interpretaba personaxes perdedores pero cun innegociable sentido da dignidade, ou tamén cando era un cínico veraz e lúcido: Grupo salvaxe, Picnic, Wild Rogers; Sunset Boulevard, A ponte sobre o río Kway.
Traballou para os máis grandes: Ford, Wilder, Lean, Peckinpah, Logan, Edwards, Preminger, Robson, Wise, Sturges; e sempre ben.







Etiquetas:

20 novembro 2008

Crónicas gastronómicas. 2ª. Piazetta. Barajas T2.

O self-service Piazetta, sito na Terminal 2 do Aeroporto de Barajas de Madrid, presenta unha notable diferenza cos seus homólogos do mesmo lugar: éste ten un agradable aspecto externo, con mesas e sillas de madeira e unha frugal decoración que representan os máis sobados tópicos italianos. A carta pendurada é desconcertante xa que as existencias do self service a penas chegan ao 10 % do alí escrito. Iso si, os manxares expostos levan a xentileza de ter engadido un pequeno carteliño co prezo, o que me provoca a automaldición por non ter ceado en Madrid antes de coller o Metro.
Despois dun par de voltas polo lugar recabando información visual previa á escolla, decídome por un cachiño de Pizza 4 estacións e un cola cao. A bebida non foi mala de todo: quentiña nun vaso plástico mediano. O leite é Clesa. A mini Pizza tiña dúas características salientabeis: indecentemente picante e a codia chamuscada.
Consólome ao pensar que de ter ido á competencia estaría sentado sobre plástico e non nunha silla de madeira.
Prezo total: 5,95 euros.
Relación calidade/prezo: Moi deficiente.
Relació cantidade/prezo: Deficiente.

Etiquetas:

Crónicas gastronómicas. 1ª La romántica. Ourense.

La Romántica está ao carón do Miño, onde empeza a Ponte Nova (que de nova ten pouco, sendo como é a segunda máis vella, trala románica, das sete da cidade). Como teño boas lembranzas do sitio - realmente da sede anterior, nun local pegadiño ao actual - probablemente non sexa moi imparcial, pero qué importa, o que garanto é sinceiridade.
As lembranzas veñen da época cando era xogador de xadrez e ía xantar e cear alí durante as primeiras edicións do torneo Cidade das Burgas, do que fun fiel participante.
Volvo ao remozado restorán e todo sigue sendo moi semellante. Sen decoración nen adornos nen falta que fan. Moitas mesas simples, que a petición dos clientes vanse sumando convértendose en mesas para catro, ou para seis ou para oito. En horas puntas a ringleira de agarda divide a beirarrúa.
A carta é simple: algo de peixe, algo de carne, algo de pasta e bastantes pizzas. Escollo o máis caro con diferenza: solombo de vitela: 11,50 euros. Solicito ao solícito camareiro o pequeno troco de mudar a prebe de pementa branca por mollo de champiñón. Como teño que conducir pido auga: 0,80 o botellín.
Mentras agardo realízase o vello costume do lugar: obsequian cunha fontiña de ensalada: leituga, tomate e cebola xa aliñada. O pan tamén é de balde: anaquiños de barra, calidade moi discreta.
No entanto ollo ao meu redor: aforo cheo case ás tres da tarde. Clientes: parellas de traballadores manuais, parellas de namorados, un matrimonio vello coa súa filla e dúas netas, bastantes grupiños de rapazolos supoño que saídos das facultades próximas, parellas de mediana edade chegados de vilas da provincia que aproveitan a viaxe á capital (á Residencia, á Deputación, ao INSS) para comer alí.
Coa ensalada e o pan apareceu tamén a botella de auga: botellín de augas de Sousas, de Verín. Supoño que foi ao chou xa que na mesa da esquerda entregan botellíns de Cabreiroá, e na de enfronte tamén levan Sousas. Fago unha reflexión sobre o deseño das cousas: a botella de Cabreiroá e a súa etiquetaxe é moi moderna, resulta agradable, da boas sensacións. A de Sousas parece ser a mesma de hai trinta anos. Non fago comparanzas no sabor, quero pensar que a ambrosía será semellante, pero deduzo que a botella de Cabreiroá é máis cara, pero tamén que se venderá moito mellor, e que os consumidores pararanse máis con esta. Conclusión: a calidade, aínda que sexa nos continentes, paga a pena.
Miro ás mesas veciñas: mantense intacta unha característica galega pero aínda máis acusada en Ourense: as racións son enormes.
Dez minutos despois chega o solombo: Dous pedazos grandes, con cada un deles farían catro pratos nalgún restorán de dúas estrelas michelín. O mollo rico. Engádese unha fonte de patacas fritidas, normaliñas de todo, probablemente pre conxeladas. A primeira impresión é de que non vai ser posible acabar o manxar, pero a modiño, aproveitando a suavidade da carne, e o gorentoso sabor, a cantidade diminúe a eito. Ao cabo o prato quedou baleiro.
De sobremesa tamén a especialidade máis cara do menú: crema catalana xeada: 3,00 euros. Rica tamén.
Salín dalí con gañas de me deitar para facer a sesta, e satisfeito pola calidade da carne.
Prezo total: 15,30 euros. Relación calidade/prezo: Notable. Relación Cantidade/prezo: Matrícula de Honra.

Etiquetas:

20-N

Hoxe é xoves, como hai xusto 33 anos.
A noite anterior suspenderan a programación habitual de TVE ante o agravamento no estado de saúde de "Su Excelencia El Jefe del Estado" para emitir unha película: "Objetivo Birmania", de Raoul Walsh con Errol Flinn. Durante os días anteriores fóronnos acostumando á letanía normal nestes casos: "Firmado: El equipo médico habitual". Houbo verbas que ecoaron por vez primeira nos ouvidos da xente común: "tromboflebitis, heces en forma de melena, parkinson". Parecía que "la cuestión biológica" ía formalizarse, a pesares da presenza de reliquias varias ao pe da cama do agonizante. Nos medios de comunicación escritos empezou a saír decote a perrera que anunciaba a faciana do Director da Residencia Sanitaria "La Paz", que aos poucos anos fíxose moi popular por motivos realmente importantes (presidente dun club de fútbol). Tamén andaba por aí, embutido nunha elegante bata branca, o xenro do Generalísimo e émulo do Dr. Barnard.
Nun país exótico, é dicir, no estranxeiro, aqueles días íase celebrar un magno acontecemento: a eleición de Miss Mundo, e a representante española, Amparo Muñoz, semellaba ser unha das favoritas. No Barcelona xa xogaba Cruiff, e o Celtiña ía empezar en pouco tempo a súa fase de equipo ascensor.
Acordaría eu sobre as seis ou sete e meu irmán desde a cama do lado e coa radio posta confirmou que aquela mañá non tiña que ir ao colexio. Pouco despois prendimos a vella tele en branco e negro, cun adaptador de corrente xunto ao interruptor, para ollar ao Presidente do Goberno saloucar mentres lía o testamento político do defunto.
Eu era un neno que empezaba a ter curiosidade polo que pasaba ao redor, e aqueles tempos foron vizosos en estímulos: o venres moreas de xentes pasando diante do túmulo, o sábado coroación de El-Rei, o domingo enterro. Unha semana despois misa solemne oficiada por un Cardeal con mala reputación entre os do búnker, que lle facían pareados co apelido. Tempos expectantes. Problemas económicos. Viaxes ao estranxeiro do novo Xefe do Estado. Declaracións en Nova Iorque póndo podre a Arias Navarro "desastre sin paliativos". En xuño ou xullo, eu estaba en Ervedelo, nomeamento sorpresa dun novo Presidente do Goberno, "que error, que inmenso error".
Leas na rúa. Citröens dous cabalos no medio da estrada facendo barricada. Os grises entran na casa duns veciños e confiscan libros do fillo a quen lle dan unha malleira. Manifestacións. Carrillo con perruca. Asasinatos de avogados na rúa Atocha. No Sábado Santo Alejo García, estafado de correr escaleiras arriba, anuncia a legalización do Partido Comunista. Demisión subseguinte de Pita da Veiga. Fago a Primeira Comunión: o curmá da miña nai, cámara da TVE en Galicia, regálame unha Parker. Eleicións xerais o 15 de xuño. Nomes de políticos: Adolfo Suárez, Felipe González, Santiago Carrillo, Manuel Fraga, Miquel Roca, Marcos Vizcaya, Juan María Bandrés. Nomes de xornalistas: Emilio Romero, Pedro Rodríguez, Cirilo Rodríguez, Lalo Azcona, José Antonio Plaza, Jesús Hermida, Alfredo Amestoy, Juan Luis Cebrián, José María García, Cándido, José Luis Balbín, Tico Medina. Nomes de deportistas: Mariano Haro, Santiago Esteva, José Manuel Fuente, Ángel Nieto, Iríbar, Perramón, Emiliano, Buscató, Manuel Orantes.
Daquela, cando morreu "el anterior Jefe del Estado", Baltasar Garzón tiña 20 anos.

Etiquetas:

16 novembro 2008

Flis-fli-ris-flás

O Auditorio do Centro Cultural Caixanova estaba esta tarde tan ateigado que houbo bastante xente que tivo que estar nos pasillos, os nenos sentados no chan, os pais ao carón das columnas. É certo que era de balde, pero non creo que o prezo da entrada para ver unha obra de teatro infantil que se publicita como unha convocatoria da "campaña de fomento da língua galega e da lectura no ámbito familiar", unha tarde de ceo limpo, temperatura agradable, Samil a dez minutos e o Celtiña en Balaidos ao tempo, repito, o prezo, poida ser un factor decisivo no abarrote do teatro.

Os nenos van ver teatro independentemente do idioma da trama, ou mesmo da carencia de idioma como comprobei na Feira do Teatro de Ribadavia hai dous veráns. Pode ollar tamén un observador desprexuízado que a rapazada comprende perfectamente o que se lle conta, sexa no idioma do Imperio pequeno ou no idioma da Nazón de Breogán.

E os proxenitores? Polo que puiden eu escoitar hoxe, a meirande parte dos adultos acompañantes falaban castelán entre eles. Pero, dende logo, a súa presenza alí amosaba unha sensibilidade interesante para co proxecto partillado pola Xunta e pola Editorial Galaxia: "quixeramos contribuír a fomentar o uso da língua galega no voso fogar", di o tríptico.

En canto a obra en si: Moi ben, moi ben os actores e os efectos visuais, notable o texto de Araceli Gonda, moi boa a música e cancións, e sobresaínte a dirección de Jorge Coira - agradablemente sorprendido pola resposta do público-, e especialmente escrupuloso nunha cuestión que non deben esquecer os que traballan para nenos: o tempo. Hoxe foron non máis de cincoenta minutos soberbiamente aproveitados. Non faltou nada, calquera minuto máis sobraría.

A excelente asistencia á sesión desta tarde e a normalidade absoluta (como non podía ser de outro xeito, engado) na que se desenvolven estas iniciativas lévame a trocar a miña reflexión a aspectos exclusivamente políticos.

Porque se o idioma do país é un problema, porque se podemos constatar que hai galegos que non poden desenvolver a súa vida cotiá no seu idioma, iso é unha cuestión política. Concretando, está sendo e foi un problema da estratexia política dos principais partidos da nación.

Que o Bloque Nacionalista Galego faga honra ao idioma da súa circunscripción electoral é o mínimo que se lle pode pedir. A coherencia do seu discurso non permite outra posibilidade... nin sequera se lles pasaría pola cabeza aos seus militantes. Porén, deberían facer un esforzo para se achegar ás persoas que como as que hoxe ateigaron un grande teatro, falan de cotío castelán pero non teñen nada contra o idioma de Galicia. Cómo ser unha forza politica atractiva para o votante urbanita que pode concordar cunha vision do mundo pero que non a expresa no idioma vehicular do partido é unha cuestión a resolver.

O PSOE ten outra historia e outra realidade. Na procura da substitución da maioría social que lle foi tan fiel a Fraga, e en consonancia cun segmento da sociedade que ve ao galego coa incomodidade dos estereotipos gravados a lume nos anos grises, os socialistas non poden matar de morte matada ao idioma da terra, pero non teñen - nin queren - azos dabondo para colocar a fala no seu sitio. Lonxe ficaron os tempos de Ceferino Díaz, mesmo o desembarco da intelectualidade nos anos incertos: Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Alfredo Conde. O PSOE xoga a defensiva, contra un desnortado P.P. a cal todo lle parece moito, e contra as esixencias do BNG que denuncia timidez nas políticas do idioma. A fin de contas, a Secetaría Xeral de Política Lingüística é competencia socialista, expresamente solicitada por eles (xa sabemos, por outra banda, por qué).
Ao PSOE galego (de existires, que esa é outra) camparíalle ben definirse no que quere ser de maior: semellante aos homólogos cataláns ou semellante ao Embaixador no Vaticano; e esa definición non debe tardar moito, porque o que dubida moito tempo entre dous pretendentes remata sen casar.

O P.P é outra máis difícil cuestión: O que se supón partido máis implantado no noso país, cun maior número de militantes, de cargos públicos, que gobernou a terra durante tantos anos, semella estar falto dun mínimo gabinete estratéxico desde os tempos de Barreiro Rivas, e xa choveu.
Podémonos cuestionar mesmo se realmente estamos diante dun partido ao uso. Moitas veces parecía que coincidían baixo as mesmas siglas persoas que só tiñan en común os seus anceios de manter o seu poder, por pequerrechiño que éste fora. E con sensibilidades cara ao idioma de seu absolutamente opostas en moitas ocasións: Ao vicepresidente Barreiro Rivas sucedeuno o xovencísimo vicepresidente Mariano Rajoy; o grupo do birrete contra o grupo da boina, o dominio nas cidades e o control no rural.

Esa indefinición tamén a van pagar os conservadores, porque a transversalidade da estupidez e da mentira repetida tranformada nos segregadores da Galicia Bífida - en feliz achado do Fuco -, vai levar rendemento tanto nos xacobinos pijos do PSOE coma nos caladeiros neoconservadores dos populares.

Porque o idioma galego é de todos eu lamento moitísimo a falta de intelixencia dos dous principais partidos estatais con intereses en Galicia na súa defensa. Defensa sen prexuízos porque o noso idioma é tan digno como calquer outro. Defensa que se podería ter iniciado cunha alianza estratéxica cos nacionalistas na normalización lingüística, acadando sen dúbidas dúas grandísimas vantaxes sobre a situación actual: o idioma galego estaría máis perto de poder ser utilizado con normalidade por aquelas persoas que así o desexaran, e porque se lle quitaría ao BNG, e aos outros grupos nacionalistas de menor implantación, a sensación (real nestes intres) de ser os únicos que se preocupan pola saúde do vello compañeiro. Particularmente a min gostariame nunha faceta práctica, consecuencia do anterior: os que queremos falar galego decote, deixariamos de ser calificados políticamente por causa do idioma se a túa práctica a fas nunha das cidades do país. E o idioma non é patrimonio de ninguén en particular, pero non está abandonado, os donos somos todos, e todos o podemos utilizar - e debemos coñecer - sen depender de ideoloxía, raza, sexo, extracción social, vecindade...

Recoñezo o meu fastidio cando polo feito de falar galego en Vigo a xente pense que dou meu voto a determinada opción política, no canto de pensar que se eu falo galego aos meus fillos é porque ese é o meu idioma e o viña sendo da miña familia dende tempo inmemorial e desexaría que no meu casar non morrera comigo. Gostariame que a xente que me coñece deducira miña papeleta cada catro anos polas miñas ideas en economía, cultura, relacións internacionais, sanidade, educación ou forzas armadas, e non por exercer un dereito é un coñecemento que me foi imposto na escola, e ben agradecido que estou, porque non só fun obrigado a aprender matemáticas ou literatura ou ciencias naturais, senón tamén galego, porque admitamos que o que un escoita na casa non é dabondo.

Resulta democraticamente lexitimo que existan opcións que avoguen pola inalterabilidade actual do Estado español, desexando a homoxeneidade dos territorios que o compoñen, en esclarecedoras verbas de Carlos Ruiz Miguel, profesor da USC. Os enemigos naturais destes homoxeneizadores son os partidos nacionalistas periféricos. Un elemento común a CiU, ERC, PNV, EA, ou BNG é a defensa de cadanseu idioma propio. Por conseguinte é moi fácil destacar no mercado da información política para unha forza que vai nacendo se as súas diatribas teñen como destinatario aquelo que equipara aos adversarios: o idioma. Eis a campaña nas Catalanas, ou agora eiquí entre nós, polos seus alborotadores bífidos. A consecuencia non serán baixas nos votos dos contrincantes, pero si nos resultados dos compañeiros ideolóxicos, víctimas agora da molicie e falta de compromiso co idioma e escasez de pensamento estratéxico.

As solucións non son doadas, pero hainas. En todo caso, mellor lle irían as cousas aos dous grandes partidos do Estado se eiquí defenderan con convicción ao idioma que leva o nome da terra. Porque no é só cuestión de xustiza e de autorrespecto senón tamén de intelixencia electoral a medio prazo.

Etiquetas: ,

14 novembro 2008

O Marqués da Ensenada en Velle

No rebumbio da mudanza pérdense obxectos pero tamén áchanse documentos que xa contabamos definitivamente perdidos. Eis o caso dos meus apuntes tomados hai uns anos sobre o Catastro do Marqués da Ensenada feito en Velle, datado o 26 de marzo de 1753.
O que está escrito nos folios é o seguinte

“Interrogatorio a que han de satisfacer, bajo de Juramento, las Justicias, y demás Personas, que harán comparecer los Intendentes en cada Pueblo”
Pregunta 1. Como fe llama la Población
“Santta Martta de Velle, entro da cal ay una Casería ou Alquería que llaman Batundeira”.
Pregunta 2. Si es de Realengo, ú de Señorío: á quien pertenece: qué derechos percibe, y quanto producen.
“Señorío del Monasterio de S Salvador de Zelanova, Horden de Nuestro Padre San Venito- y la Casaría da Batundeira de D Luis Jacinto de Layseca (encomendador de la Real de Alcántara).”
Pregunta 11. Qué efcepies d Frutos fe cogen en el Termino
“Vino, centeno, trigo, maíz, castañas y todo genero de hortalizas del Pais en las huertas, como berzas, zevollas, calabazas, hajos, guisantes y otras legumbres, estrume en los montes vajos, leña en las deesas, hierva en los prazos.
Pregunta 15. Qué derechos fe hallan impueftos fobre las Tierras del Termino como Diezmo, Primicia, Tercio-Diezmo, ú otros, y a quien pertenecen.
“Diezmo, Primicia y Bozo del Señor Santiago”
Pregunta 21. De qué numero de Vecinos fe compone la Poblacion, y quantos en las Cafas de Campo, ó Alquerías.
“52 mas 1 en caserío en Batundeira”
Pregunta 22. Quantas Cafas habrá en el Pueblo, qué numero de inhabitables, quantas arruinadas: y fi es de Señorío, explicar fi tienen cada una alguna carga, que pague al Dueño, por el eftablecimiento del fuelo, y quanto”
“Tantas casas como vecinos, mas 110 que sirven de bodegas, cortes, corrales.
Inhabitables-arruinadas 3, mas 11 solares con solo los zimientos”
Preguntas 33 a 35: Que ocupaciones de artes mecanicas, albañiles, herreros, sogueros, zapateros, sastres, texedores…numero de jornaleros que hay y como se paga el jornal diario”
“Francisco Fernández, hijo de Matias; Ambrosio Villasante, hierno de Thomasa Basquez; Benito de Prado: Sastre la mitad del año, la otra mitad labradores.
Jose Gomez, hijo de Juan Gomez: herrero
Juan Sandoval: carpintero
Antonio de Prado, hijo de Benito: oficial de carpintero
Francisco Tavoada, hijo e Magdalena Carral: cortador de carne
Eugenio Perez, hierno de Juan Rebollo: herrero
Rodrigo Perez: estanquillero
Ana Salgado, hija de Catralina Belmonte: tejedora
Magdalena de Bouzas, cuñada de Maria Carvallo, Inés Rodriguez, hija de Ismael de Castro, Theresa de Martiñá: costureras
Clemente Feijo, Francisco Lopez, Esteban Libizes, jornaleros
Pregunta 36. Pobres de solemnidad
“Uno”
Pregunta 37. Si hay individuos con embarcaciones
“Joseph Vallejo, Francisco Perez, hijo de Maria de Agrajan y Francisco Salgado hijo de Catalina Belmonte son pescadores de truhas, angulas o pezes en el rio Miño, tiene cada uno de ellos su barquichuelo.
“Pregunta 38. Clerigos.
“dos curas, un abad”

Etiquetas: ,

08 novembro 2008

Johnny Guitar

Johnny Guitar

Etiquetas:

06 novembro 2008

Gulfariz


A finais do pasado agosto fun coa miña querida curmá a Gulfariz, na beira do Miño, na procura dos lugares onde moraron nosos avós. Alí vivín un emocionante momento "Kunta Kinte" cando o máis vello do lugar identificou a noso avó, e falou das tres fillas (nosas nais e tía), e contou como marcharon cara Ourense ao lugar de Ervedelo, en Reza... e como marchou tamén outro veciño de alí para o mesmo sitio, o Benxamin, o avó do proximamente ben homenaxeado historiador; e logo chegaron as preguntas e as coincidencias e antes o convite a un viño excelente.

Noso avó vivía en Gulfariz e ao casar coa avoa marchou dous kilómetros para arriba, a Mereixe, de onde era natural ela, un lugar onde hoxe só fican ruinas.

Esas bonitas terras da Peroxa están baleirándose de xente nova, que deixan o campo para estudar na cidade e após xa non voltar. Non hai a penas futuro no rural e por iso cada iniciativa que vai facendo a Consellaría de Medio Rural ten o meu silandeiro apoio porque aínda que non faga suficiente efecto, paga a pena loitar contra o definitivo esmorecemento das terras onde descansan a cal dos osos dos nosos antergos.

Etiquetas:

Paisaxes na cidade

Ademáis do skyline das cidades; que tan ben se poden ollar ás chegadas a elas, dende a autoestrada cara Compostela, dende Puxeiros cara Vigo, dende O Viso cara Ourense; e ademáis da textura das rúas e das zonas verdes de cada urbe, unha característica importantísima de cada cidade son as súas xentes.
Hai persoas que pola súa importancia social ou ben o seu cotiá estar na rúa, son parte mesma da cidade, e cando eles faltan, sofre o entorno coa ausencia.
As rúas de Compostela non son as mesmas desde que xa non pisa nelas o xornalista Diego Bernal, ou Guillermo Domínguez ou Constantino García, que nos deixou para sempre hai ben pouco.
Collín e volvín ler "Peneirando palabras" cando souben do seu pasamento, en pequena homenaxe a quen tivo a vocación de ensinar o que sabía.
Non volveremos atopar no Franco a Bernal, nin nas librarías ou xogando ao tenis a Guillermo, nin a D. Constantino polo Campus adiante, e todo vai sendo cada vez máis estrano, menos recoñecible, porque habendo xente nova que ocupa espazos baleiros antes cubertos, nunca se substituen aqueles que foron indo para alá.

Etiquetas:

05 novembro 2008

Amigos e enemigos

Laura Caveiro é unha escritora en lingua galega. Cando tiña dezasete anos era a única persoa da súa clase de COU que falaba decote en galego, e facíao ao seu xesto, con humildade pero cunha pacífica férrea convicción.

Hai unha avogada en Compostela que fisicamente ten notable semellanza coa Laura Caveiro avogada en Vigo, se ben a de Santiago é máis xoven e dez centímetros máis alta. Ésta última en compaña do seu xefe de bufete, ben pensado máis valería dicir socio, estiveron a piques de estafar a un pobriño colega na venta dun piso con defectos estructurais. E iso que o pobriño colega - eu - tiña boa relación con ela, ata chegáramos a coincidir en reunións do COSAL. Salveime do inferno no día da escritura perante o Notario, e gracias aos consellos non só do fedatario público senón tamén do director da sucursal bancaria que nos ía dar a hipoteca, e que viron o percal. Houbo moitas testemuñas da absurda situación. Perdoo, pero non esquezo. Tres meses despois coñecín ao arquitecto que fixo o edificio, e felicitoume pola miña decisión.

Antonte cruceime na rúa coa taimada avogada. Eu sorrín e saudei, ela demudou a cor da faciana, mirou ao chan e marmurou algo, un saúdo cecais, ou non. Que máis da. Ao mellor estaría indignada comigo porque me neguei a asinar unha compra ata estares o piso en condicións de habitabilidade, ou ao mellor estaba avergoñada de nos mentir e tentar estafar. Alá ela.

(Estafar, estafar, verbo que asocio a estar canso, pero que non sei substituir polo pertinente en cuestión penal)

A xenuina Laura Caveiro tiña como nota mínima nos seus estudios o notable, adoitando estar o seu nivel no sobresaínte. Éu, que compartín con ela non só COU senón tamén algúns anos na Facultade, só lembro que suspendera unha vez. Asignatura: Historia do dereito español, que impartía o inclasificable xenro de Carl Schmitt, feito tal que demostraba sen lugar a dúbidas que a sona de Otero Varela - de aprobar e suspender á xente ao chou - era merecida.

Aquel verán corría o ruxe-ruxe de que se Alemaña gañaba o campionato do mundo de fútbol, o profesor, en homenaxe ao recén desaparecido sogro, daría aprobado xeral. Maradona encargouse de impedir a comprobación da hipótese.

Tralo simulacro de saúdo de antonte pensei na clásica teoría de Schmitt sobre os amigos e os enemigos. Supoño que haberá que combater as ideas e non ás persoas e que da xente con ideas máis reaccionarias se poden sacar ensinanzas. Di Schmitt que de non haber enemigos acabaríase a política... e acabaríase a avogacía engado eu. Certamente, que mundo tan feliz.

Etiquetas: , ,

04 novembro 2008

Supermartes

Hai xusto oito anos, o mércores posterior ao primeiro luns de novembro, ao mediodía, collín un autobús pola banda de Conxo. Na Praza de Galicia entraron dous homes de mediana idade que sentaron xusto diante de min. Falaban en voz alta, e tanto pola melíflua voz coma pola indumentaria, souben de vez que eran cregos. Na radio falaban do empate entre George Bush Jr. e máis Al Gore, e un lle dixo ao outro: "Da igual quien gane, los dos están a favor de la pena de muerte." Cando na radio soaron os pitidos das 12:00 horas o máis falador suxiriu o rezo do Ánxelus, cuestión que fixeron de seguido e que me retrotraeu aos tempos de Eduardo Sotillos na Radio Nacional de España. Ao chegarmos a San Roque os tres baixamos do autobús, pero eu tomei un camiño distinto ( e non só aquel día).
Hoxe está a piques de acabar na Galiza o día de San Carlos Borromeo, patrón dos banqueiros, e os ollos dos súbditos do imperio están voltos para saber quen vai ser o novo dono, nominal, do mundo.

Din que vai perder McCain, e eu síntoo. Esencialmente por motivos femininos: Non só pola súa loira muller, ten o seu morbo, senón sobre todo por non ter a Sarah Palin de vicepresidenta. Retórzome de pracer só de pensar en Palin como Presidenta de se dar algunha das "previsións sucesorias".

Etiquetas: