28 janeiro 2010

Atlético de Madrid

Hoxe o celtismo volve ter de goleiro das súas ilusións ao Atlético de Madrid, equipo que patentou a imaxe mercadotécnica de "pupas" por riba doutros conxuntos máis merecentes dela, coma o noso.
As miñas primeiras lembranzas futbolísticas van asociadas ao Atlético de Madrid, principiando por unha semifinal da Copa de Europa contra o Celtic de Glasgow, e un árbitro turco, Babacan, expulsando a tres dos madrileños. Ou a final subseguinte contra o Bayern de Münich, o gol de Luis Aragonés na segunda parte da prórroga de falta directa, e o tiro lonxanísimo do central de difícil grafía, Schwarzenbeck, que se lle colou a Reina.
Máis adiante o Atlético púñase por medio do Celta: unha tarde de domingo, na derradeira xornada da Liga, o vello Balaídos case cheo, meus irmaos máis eu sentados na bancada de Marcador. Non axudaban as novas chegadas das Palmas, onde o equipo de Miguel Muñoz, outrora xogador celeste na final de Copa diante do Sevilla, perdía contra o Rayo Vallecano. E o Celta posuía a pelota sen profundidade, mentres que oAtlético en dous contragolpes, a súa arma favorita, puña o partido imposible. Ao remate, empate a dous e o Celta baixaba a segunda división.
A máis recente tamén causa doenzas aínda non recuperadas. Outra derradeira xornada de liga, daquela na que o Celta xogaba de marabilla na primeira temporada de Víctor Fernández. Pero o Celtiña chegou sen folgos ao treito final, e as lesións de Mazinho e Mostovoi deixaron orfo o xogo. A tarde empezou mal, cun autodenominado cantante -sen dúbida gafe- dando a volta ao estadio antes de principiar o partido. Despois o terror de Víctor Fernández a Valerón provocou que perdéramos medio tempo colocando a Óskar Vales de medio centro. E aínda que as cousas amañáronse bastante após o descanso coa entrada de Tomás e Jordy Cruyff, foron insuficientes para empatar o gol de Solari do primeiro tempo, a pesares dun penalti non sinalado por Díaz Vega (outro personaxe recorrente nos pesadelos célticos) por empurrón a Jordy e do tiro de Berges sacado baixo os paus xa no tempo de desconto. Quedamos sen Champions, cando tiñamos equipo e xogo para loitar por todo.
Hoxe volven a Balaídos os atléticos coas tornas cambiadas. Eles son agora os favoritos: de primeira, son equipo europeo e teñen a Agüero, a Forlán, a Reyes, a Simao. Se os colchoneiros vólvennos estragar a festa non será porque non teñan experiencia en facelo. Pero que ledicia tan grande encher Balaídos por ter a ilusión de ver a un Celta composto na maioría por galegos eliminar a un destes equipos, tan ricos, tan (pre)potentes.

Etiquetas:

26 janeiro 2010

Portada do Xornal de Galicia

Volvo recuperar o que escribín hai poucos meses, por mor da portada de hoxe de Xornal de Galicia.
Pouco a pouco imos vendo a luz. Licht, mehr Licht.

Etiquetas: ,

24 janeiro 2010

Shakespeare para ignorantes

Limiar: Shakespeare é un valor seguro cando falamos de teatro porque o bardo de Stratford on Avon é probablemente o escritor máis importante da historia da literatura universal, atendendo a audiencia conseguida, a influencia en escritores posteriores, e por suposto polas cualidades das súas obras. A súa dramaturxia vai percorrendo todos os xéneros, e en todos eles vai reflectindo con mestría a alma humana: subliñando as súas paixóns e mesquindades.
Ideas: Primeira: Que o representado sexan personaxes non moi coñecidos das obras menos populares de Shakespeare permite comprender a segunda parte do título e deixa liberdade ao director para afrontar o seu traballo sen hipotecas previas. Por outra parte, os temas son universais ergo non hai perda algunha por non escoller as obras canónicas. Segunda: Recóllese o mellor do elenco: o talento de Quico Cadaval para a palabra e a inmensa capacidade física de Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira para se transformar en segundos de mercenario a atractiva rapaza converténdose polo medio en play boy italiano ou príncipe danés.
Antecedentes: Cadaval ten dúas vertentes, e nas dúas, ao meu entender, está agora no cumio da súa arte. Segundo Manolo Rivas, Quico Cadaval é o mellor escritor galego da actualidade coa peculiariedade de que as verbas do carreirán fican no aire. Un día poderemos falar con vagar disto, da arte de narrar historias. Hoxe déitase apuntado.
A segunda vertente é a de director de teatro, e nesta faceta hoxe non ten no país rival en capacidades para suxeitar aos "histriónicos" e para darlle cancha aos "interiormente contidos".
Por outra banda, Cadaval é un clásico: probablemente o mellor especialista na nosa terra sobre Cunqueiro, Synge e, por suposto, Shakespeare, do cal dirixiu a última grande representación do CDG: a moi ben valorada "Noite de Reis". Semella, por tanto, a persoa axeitada para zugar acaídamente as ideas do inglés e transformalas en máis de hora e media de teatro.
Ambiente: O Centro Cultural Caixanova practicamente cheo é unha boa nova, e non só para o teatro. O público atento sempre (entre eles un crítico de teatro, un reputado blogueiro ou unha deputada en Madrid, sentados eles na zona onde eu estaba): pareceume moi representativa a ovación que acompañou á gargallada logo dunha pertinente alusión á Voz de Galicia.
Contido: Fago miñas as verbas precisas do grande Luis Cernuda ao comentar textos de André Gide, en relación ás mellores novelas de Dashiell Hammett: "(...) entretéñenos e recoñecemos que o conseguen pulcra e seriamente, sen concesións mercenarias ao gusto vulgar: á facilidade, á superficialidade, ao efectismo. Mais, unha vez lidas, e admitida a honestidade e o talento do seu autor, semella que a súa lectua aínda non chega a espertar a nosa simpatía fonda nin a nosa indubidada admiración. Lemos para nos diverter ou para aprender, quero dicir, para a nosa aprendizaxe intelectual, e pouco poderiamos aprender dunha lectura cando ésta, ademais de nos entreter, non consiga asociarnos intimamente con ela, non acorde en nos a emoción de compartillar unha experiencia excepcional, tanto intelectual coma humanamente."
Pois ben: na reflexión da descrición desa fina devasa que afasta a artesanía da obra de arte andaba eu cavilando ata que cheguei a conclusión que o visto onte, este Shakespeare para ignorantes, anda ben máis perto do segundo que do primeiro, e non só pola calidade dos textos comentados, senón que sobre todo, pola calidade escénica do espectáculo: frugal no decorado pero sobranceira no contido, abondoso nos requerimentos solicitados por Cernuda: "a visión da realidade debe ir entreverada de afecto e de ironía".
Conclusións: Altamente recomendable: excelente traballo dos tres homes no escenario, que conseguen un espectáculo onde saímos non só menos ignorantes senón tamén máis felices.

Etiquetas:

23 janeiro 2010

Ponte

Descoñezo todo de José Manuel Ponte, agás que é o pai dunha guapa modelo, e que escribe de marabilla. Un exemplo.
Causas para ler o Faro: Buscar os artigos deste Ponte, de Ferrín, de Millás e de Armando Álvarez (hai anos, os de Rolland); as esquelas (Deus, que vello me estou facendo) e os deportes. Ah, e Davila.

Etiquetas:

22 janeiro 2010

De bandeiras

Estiven onte no Obradoiro, engadindo a miña voz á protesta contra o rascuño de decreto contra o idioma galego. Cheguei cando xa a praza estaba chea e cruceina, con dificultades, ata a zona do palco na procura da familia (política).
Sobre a estupidez do goberno xa houbo moitos que falaron, e falaron ben. E tamén hai medios de comunicación que calan, e co seu silencio delátanse (aínda máis). Por iso destas cousas non quero falar.
O que si me presta comentar e a miña incómoda sensación ao ver tantas bandeiras iguais: CIG e BNG, e tan poucas dos outros sindicatos ou de outros partidos (nin estaba nin se agardaba a do P.P.). Porque o BNG debe intentar mellorar a cantidade de votos a favor, pero non gañar a guerra das bandeiras, sobre todo en temas tan sensibles como o da lingua, no que hai que ser moi delicados para ser inclusivos.
Nesta época onde proliferan as plataformas pro-língua, debemos todos ser moi coidadosos para non identificar o idioma de todos (de todos os que o amen, aínda que non o utilicen decote) cunha opción política específica, como fixo recentemente o estrafalario profesor Mejuto, ex-decano de Ciencias da Universidade de Vigo e posible candidato a Reitor.
En resumo: preferiría que houbera menos bandeiras, e de habelas, de contido máis repartido.

Etiquetas: ,

14 janeiro 2010

(In) fusión

Para facer unha infusión a auga ten que ferver, e a boa fe que arestora ferve. Dous estilos ben diferentes de xornalismo. Xornalismo? De tódolos xeitos, entre Roberto Blanco Valdés ( pódese trocar o nome por tantos outros do mesmo xornal) e Ceferino de Blas, prefiro a éste último. Prefiro que non me anden con disimulos nin que me tomen por tonto. Xa abondará a vida para demostralo.

Os tres partidos políticos metéronse nun lío polo asunto das caixas, e para poder saír sen moitos danos colaterais do barullo terán que afinar moi ben o relato a contar. Máis doado téñeno Losada e Caballero: independentemente do resultado final os concidadáns recoñeceranlles o esforzo.
Máis divertida e a desesperación da Voz de Galicia, que aposta todo á fusión das caixas galegas, a maior gloria de Alberto Núñez e coa complicidade estratexicamente absurda (en primeira ollada) de Guillerme. O outro Vázquez está desarbolado ante os lampións dos alcaldes, que no medio da treboada encárganse de avivar os lóstregos.

Falta o máis importante: os números reais das dúas entidades. E alguén independente e prestixioso que nolo explique. Mentres todo siga igual non termos máis que propaganda, eslogans e sentimentos primarios, como os que adoito escoitar polas rúas de Vigo, nun triste bucle que semella non ter fin.

Ian escribiu hai tempo sobre os lemmings e os galegos, en triste e realista comparanza, segundo manifesta a pegada do seu comentario na miña (mala) memoria. O decreto para resolver a imposición do galego (perdóame, Folerpa, por pedir presunción de inocencia a Anxo Lorenzo) e todo isto das caixas de aforro fan se cadra máis vixente a visión pesimista da historia do noso país, da nosa nación, de derrota en derrota ata o desastre final.

Remato cunha opinión persoal: non acho motivo algún (ata que mo expliquen con números) para fusión das caixas galegas. Do mesmo xeito penso se falamos de fusións ou alianzas con entidades alén o Padornelo. Prefiro que fiquen como están: polos traballadores das sucursais, pola obra social...

Etiquetas: , ,

13 janeiro 2010

María Z.

Non sei por qué me lembro tanto dela nestes días de inverno. Posiblemente porque xa van dez anos, creo. Entereime por casualidade, lendo as últimas páxinas do Faro na cafetería que está enfronte de Follas Novas, na esquina, perto da Praza Roxa, unha tarde antes de ir traballar. Nunha familia numerosísima era a irmá maior de E., e por iso foi vivir á Rúa de San Pedro con dúas amigas súas. Coñecina alí: pareceume guapísima cos pantalóns cinguidísimos ás coxas, co pelo nunha coleta, co sorriso amplísimo que alumeaba toda a faciana. Tiña un corpo delgado e flexible e un carácter aberto e positivo. Non esquezo súa face, súa risada, súa voz. Fixera Historia, e seica por motivos laborais viaxara a Portugal.
Hai un par de días atopei nun curruncho do disco duro da computadora unha base de datos coa maioría de partidas de xadrez que eu xoguei de xeito oficial na miña vida. Abraieime ao ver os nomes de rivais xa falecidos: algúns vellos, non poucos bastante novos. Estes días de nadal foron de pouco sono, anguriado por cuestións de "clima laboral". Ao lembrar os antigos rivais diante dun taboleiro, ao estares presente a atractiva cara de María Z. na miña cabeza, non quero deixar de pensar que a vida é moi curta e non debemos estropeala con absolutas menudencias.

Etiquetas: ,

12 janeiro 2010

Universidade de Vigo

Cando eu era mozo, ( non hai tanto tempo, creo) puxéranse de moda uns autocolantes nos cristais traseiros dos coches de Vigo que sobre un debuxo da Ponte de Rande dicían algo como: "por unha universidade para o Sur de Galicia". Dato importante: para o Sur de Galicia, enténdese para as provincias meridionais, sen capitalizar en ningunha cidade. Ese movemento que solicitaba a segregación da Universidade de Santiago aducía supostas razóns económicas... aínda que eu agora co paso do tempo tamén lle engado que lle faltaban razóns de experiencia vitais e académicas.
Eu non escoitara nada daquela sobre a necesidade de que A Coruña tamén demandaba unha universidade, e cando máis tarde, baixo o reitorado de Carlos Pajares e o goberno tripartito naceron as universidades de Vigo e Coruña pensei que esta última era a clásica resposta localista norteña a unha pretensión viguesa.
Repito que desde a distancia e a perspectiva do tempo pasado e co cariño que lle teño a estas cidades, coido que a única razón, certo que non pequena, para entender esa segregación foi a imposibilidade material de atender debidamente a case 100.000 alumnos dispersos en tantos campus coma cidades. Esa única razón é a causa que non estime que aquela decisión foi un disparate. Cualificativo que non dubido en exclamar cando me refiro á Cidade da Cultura, ao Porto exterior da Coruña, aos heliportos de Alvedro e Peinador, aos centos de polígonos industriais feitos no ermo.
O nacemento de aquelas dúas universidades foi explicado aludindo a unha necesaria cooperación entre elas, e mesmo a unha certa especialización, atendendo á racionalidade que debería presidir a impartición de coñecementos sobre materias que poideran ser aproveitadas polas industrias e servizos locais.
O caso e que naceron e foron medrando. E este ano hai eleicións de Reitor en Compostela e máis en Vigo. E hoxe préstame falar da de Vigo: Se os meus datos son correctos, preséntase un candidato continuista nunha plataforma chamada "Alternativa": curioso paradoxo. Máis aínda cando ata hai nove meses andaba a traballar na Xunta ( e cun resultado moi positivo, cóntanme quen sabe diso). Salustiano Mato chámase o candidato e probable vencedor, atendendo ao dictame do meu amigo Fernández, que di que terá a favor a inercia do equipo de goberno actual.
No outro lado do ring estará un amigo meu: Xaime Cabeza. Como foi leal amigo, excelente compañeiro e admirable estudiante non me sae ningunha verba negativa cando penso nel, pero o afecto non me impide apreciar que leva as de perder, aínda que so sexa por ser oposición e por conseguinte lonxe - supoño - dos grupos que crean opinión. Recoñezo que hai datos obxectivos favorables para Xaime: o esforzo en integrar persoas de diferentes sensibilidades, ou a toma de posición do Faro crítica ao actual Reitor. Pero non sei se abonda.
Eu non pertenzo a esa Universidade. Se poidera votar o meu amigo levaría meu voto.
Pero iso non é o problema real, o nome do capitán do barco, senón o barco en si: a que portos debe dirixirse, en que peiraos amarrar, que mercancía levar, que tamaño ter. E mentres non exista unha definición clara do que quere ser a Universidade de Vigo vai ter dificultades. Porque a carencia de financiamento co que está a ser castigado pola actual Xunta é unha continxencia dura, pero non poderá ser categoría. O que resulta imprescindible é achegar a Universidade á sociedade viguesa, pontevedresa e ourensá. E desde os cumios asolagados de Marcosende a cidade - e as súas necesidades - vese moi lonxe. A Universidade non ten a penas impacto na vida viguesa ( algo máis nos outros dous campus ): só é necesario comparar as novas reflectidas en cadanseu xornal local para nos decatar que no Faro hai días enteiros que semella non existir Universidade. E o que non sae no Faro, en Vigo non existe.
Que teña sorte na súa escolla, que a sorte da Universidade de Vigo tamén é a nosa, a dos galegos.

Etiquetas:

11 janeiro 2010

Conto de inverno

Entérome da morte de Eric Rohmer vía internet. (Para que logo digan que non é medio de comunicación). As súas películas parecíanme marabillosas polo sinxelas que parecían, pola humanidade que amosaban; e todos sabemos o difícil que resulta que unha obra artística semelle doada. Fican as súas películas.

Etiquetas: ,

06 janeiro 2010

Reis Magos

Como non debín ser demasiado malo o ano pasado os Reis Magos deixáronme unha mochila, dous pixamas, unha bonita camisola de Vicky o Vikingo, catro camisas azuis (mágoa de non seres iguais as catro) e cinco libros: un sobre técnicas do meu traballo, outro de Eduardo Galeano lido hai tempo (Las venas abiertas de América Latina), o de John Carlin co recendo a cacahuetes de Graham Green, outro do meu matemático favorito: John Nunn; e o que máis ilusión me fixo: Memorias dun ninguén, de Carlos Mella.
Unha ollada rapidísima a este libro foi suficiente para subliñar un parágrafo:
"A clase dirixente galega, engaiolada por outra cultura que considera superior non loita por mellorar a súa, senón que fai dimisión dela e amósase proclive ao desleixo do galego. A dirixencia galega, que non foi quen a cumprir a súa obriga histórica, disimula, mediante a queixa, a súa incompetencia. Esta queixa, inaceptábel eticamente, inviábel politicamente, aínda segue a ter practicantes e aínda segue a ser un dos maiores atrancos para o soerguer da autoestima galega. (...)
Os galegos, con todos os atrancos que se queira, cumpriron a súa obriga de traer o feito galego dende os cavorcos da Idade Media ata a modernidade. En troques, a dirixencia non foi quen de cumprir a súa obriga histórica de converter esa existencia en presenza política. En identidade. E antes e agora tenta tapar o seu crime cometendo outro aínda maior: botándolle aos galegos a culpa do que eles non souberon facer nin querían facer. Aceptaron, sen avergoñasrse e por propia comenencia, o seu triste papel de cómitres."

Etiquetas: ,