08 março 2012

Inzar

Aconteceu na autovía de Vigo a Ourense ao paso por Ribadavia. Conducía eu e meu pai ía ao meu carón. El xa pasaba dos oitenta anos e guiábame cara Velle porque me quería amosar - sen máis tardar - os seus predios. Eu levaba un GPS comodado por un cliente do despacho, piloto de aviación. A rentes da estrada, alí en Ribadavia, medraban, feraces, centos de acacias. Anoxábanlle e dixo: "Medra unha e inzan por centos".
Meu pai usaba con precisión o verbo inzar. Non falaba moito. Era severo. Entendín que a acacia non era a súa pranta favorita.

Este último fin de semana rematou o seu camiño a organización Inzar. Xesús Veiga Buxán explicou con sinxeleza e certeza as causas da disolución. Vendo as imaxes descubro que moitos dos presentes nese acto de despedida son coñecidos meus e mesmo algún amigo de vello. E recoñezo a veracidade das verbas de Veiga Buxán cando descrebe ao seu grupo como non sectario e con preferencia ás accións cooperativas fronte as competitivas.

Para min Inzar era algo máis: tamén a organización onde militaban as rapazas máis guapas - e riquiñas - das que ían polo Atlántico e Tarasca. Eu - que tamén fun riquiño (mesmo de máis) - ollo o video e xa sinto nostalxia.

Etiquetas: ,

09 junho 2011

Pérdense as que van polo aire

Nun periodo moi curto de tempo ( vitalmente falando ) acaecéronme tantas mudanzas que voltearon a vida ( mesmo 360 grados, curioso ) de tal xeito que teño que parar e ver onde estou.
Deixei unha profesión liberal para ter que voltar a ela en non moito tempo. No ínterin estiven tentando ( e conseguindo ) viabilizar economicamente un proxecto deportivo dunha das mais vellas institucións do país. Sufrín excesivamente: a estupidez allea dos pequenos coroneis corruptos de servizos á comunidade; a miseria e os sectarismos - neste último ano - dos que xogan á política e son necios na xestión. Aprendín moito: dereito laboral, protocolo... e coñecín xente estupenda.
En tres anos desapareceron, pechando o círculo, pai e nai e tío da infancia. Agora vexo medrar aos que decidín coidar. E mentres apaño as cereixas do chan penso que esa mesma terra foi a que lle deu alimento os meus devanceiros. Na procura de tempo para ler acho libros perdidos que agardaban por min. Atento, collo folgos. Volvín xogar ao xadrez despois de tantos anos, e non o fixen mal. Empezo a facer deporte, aproveito para ver películas. A vida segue e agora teño unha oportunidade.

Etiquetas: ,

13 julho 2009

Enriba do coche

A viaxe duraba dúas horas: saíase de Vigo pola Avenida de Madrid e subíase pola Acelerada ata o Meixueiro. No Porriño pasabamos por riba dunha ponte que deixaba abaixo ducias de caravanas. Antes de Fontefría pasábase polo medio da Lamosa, e xusto antes da Cañiza había ao fondo dunha recta e antes dunha curva á esquerda unha nave industrial cun telladiño de plástico verde que tiña por nome A Ponderosa, como o nome da finca daquela serie que tanto lle gostaba aos meus irmáns. O máis bonito era chegar a Ribadavia, e deter o 1.500 no paso a nivel porque ía pasar o tren.
Nas primeiras lembranzas que teño destas viaxes non iamos durmir a Ervedelo e dirixiamonos directamente a Velle, onde nas reviravoltas pasada A Loña meu pai trocaba a potencia dos focos segundo viñeran ou non coches de fronte noso. O Seat 1.500 tiña o cambio de marchas nunha palanca que lle saía do tronco do volante, o asento dianteiro era corrido e, sentíndoo moito, non son capaz de dizer máis nada de el.
De Velle gardo agora o recendo dos afumados do tío Nicanor, e o seu infinito cariño, que provoca que aínda hoxe, no supermercado, me achegue aos queixos San Simón; ou o cheiro estrano a palla húmida. No salón dábame medo o grande reloxio de parede, cos pesos detrás do cristal, que seica trouxo meu avó da Habana. Alí presidía a casa a foto do meu curmán, morto de súpeto na mocedade un ano antes de eu nacer; e un pergameo que lembraba ao meu tío morto en Grado, na Guerra Civil.
Na foto estou eu enriba do coche, no campo de Quintela. Non sei cantos anos podía ter, pero no fondo máis profundo da memoria fica unha lene pegada do intre no que me colocaron alí para tirar a fotografía.
Non pasou tanto tempo, ¿ou si?, pero aquela casa mudou por completo, por fora e por dentro. Xa non vive nin o tío nin o pai; o coche e o reloxio tamén desapareceron e a única probable pervivencia refírese as fotografías. A viaxe dura hoxe menos dunha hora.

Velle é o lugar das lembranzas da matanza e da vendima, do reencontro ledo das persoas que se querían e que alonxadas polo traballo voltaban á casa para colaborar no ben común. O ritmo da vida, hoxendía, xa non permite aquelas xuntanzas e xa non hai ocasión das festas agrícolas como as matanzas ou vendimas, debendo agardar a vodas ou funerais para as reunións familiares.

Non quero utilizar as lembranzas como dosificación da melancolía ou como dose da tristeza causada polo paraiso perdido que de certo nunca existiu. Quero ollar no pasado porque a memoria acompáñame na vida - de feito, somos a nosa "memoria" -, e para mirar adiante é util saber de onde partimos; máis se cadra no meu caso, fillo serodio e benxamín, sen xeración familiar onde me asentar.

Non quito ollo ao calendario a todas horas, e non vexo pasar o tempo que falta para chegar ao intre das vacacións. Estou absolutamente estafado despois dun ano intensísimo, esgotado mentalmente polo pouco traballo feito, polo moito que se deixou por facer, e polos sucesivos trocos - de marzo ata agora - que en nada beneficiaron o laboro meu. E nesta situación ao carón da resistencia física viro a cabeza atrás e volvo ver un neno subido a un coche no mesmo lugar no que os seus devanceiros viviron trescentos anos antes.

Etiquetas: ,

30 junho 2009

Final da Copa do Rei

Os celtistas - e menos eu - non esquecemos que hoxe hai oito anos o Celta perdeu a final da Copa do Rei contra o Zaragoza.
Seguindo unha penosa tradición, os equipos vigueses que chegan á final da Copa de España perden os encontros contra os rivais que vesten de branco: R. Madrid, Sevilla e Zaragoza (por dúas veces).
Lembro que hai oito anos ía calor. Eu pola mañá estivera nunha cerimonia relixiosa amenizada por un cuarteto de corda da Real Fhilarmonía (excelentes), e á hora do partido aínda estabamos no restaurante no que se celebraba a enchenta posterior á voda.
O noso amigo B. non puido ir porque preferiu estar embarcado na Cutty Sark.
Non valeu de nada o gol de Mostovoi... mágoa, aquel Celta fica para sempre na memoria pero camparíalle ben un trofeíño nas vitrinas.

Etiquetas: ,

19 março 2009

60 anos

O 19 de marzo de 1949, xusto 60 anos atrás, meus pais casaron na igrexa parroquial de Reza, ao carón de Ourense. Foi voda dupla, pois tamén casou a irmá maior da miña nai. Segundo escoitei eu algunha vez, de seguido marcharon os protagonistas dos casamentos e os seus convidados a xantar a casa familiar de Ervedelo. Non sei se a nai do historiador de Auria, veciña dos protagonistas daquel día, lembra, aínda que mociña, algo daquelo. Despois foi a lúa de mel, nova recollida seica en La Región, que consignaba a viaxe dos noivos "polo estranxeiro" aínda que non pasaron de Vigo.

Non hai ocasión hoxe de celebrar nada, xa que hai un par de anos morreu miña tía, e dende o verán pasado alá foron tamén meu pai e meu tío. A única sobrevivinte 60 anos despois leva algún tempo dándolle a razón a Shakespeare cando dicía aquilo de "vello dous veces neno" que, coido, escribira en Hamlet.

Aínda hoxe sigo sen asimilar a ausencia perpetua de pai e tío. O feito de non convivir fai menos aguda as dores da ausencia pero máis permanente no tempo os picores da incredulidade ante as consecuencias do paso do tempo, pois foron os moitos anos os que lles baixaron o telón.

Nestes últimos días tivemos varios aniversarios na familia. Por vez primeira, e por unhas horas, conseguín algo que nunca puiden facer co meu pai: que a miña idade fora xusto a metade da idade da miña nai. Tamén, estes días, un problemilla facial aconselloume non barbear, e cada vez que me ollo no espello do ascensor non podo máis que asombrarme ante as moitas e novedosas barbas brancas da miña cara que destacan entre as outras, máis loiriñas. "El tiempo pasa, y nos vamos poniendo viejos..."

O agobio do traballo cotiá non deixa tempo para pensar con tranquilidade, e moito menos para consignar eiquí algunha conclusión, se as houbera. Xaora digo, que non existindo causa de celebración por mor da ausencia de tres protagonistas no aniversario de casamentos, hai polo menos a necesidade de escribir no ar a lembranza da data, o recoñecemento do paso do tempo, e o propósito de escribir, con máis vagar, algún pensamento sobre as leas destes días: aborto, segregación nos aularios por causa do idioma, amnesia política.

E eu non digo nada.

Etiquetas:

12 março 2009

10 e 11 de marzo

Nestas datas, tódolos anos, ofrezo un regalo virtual.
Silvio Rodríguez recende a bacharelato, a primavera en Vigo, a ceos azuis.
Non son quen de o escoitar moitas veces seguidas porque, non sei ben a causa, vaime levando ao territorio da tristeza.
Pero de cando en vez está ben voltar ao tempo das ilusións, da rebeldía e da curiosidade pola vida.
Escoito, escoito...

Etiquetas:

29 dezembro 2008

Regalos no Nadal

Papá Noel deixou:
a) Os Bolechas
b) Os Barbanzóns
c) Pan e coitelo, do Bieito
d) Ca commence aujourd´hui, de Tavernier

Etiquetas:

18 dezembro 2008

Aniversario

Un día coma hoxe naceu hai cinco anos. Ten o problema de estar no medio: sofre ciumes pola pequena e non ten as prerrogativas do maior. É guapo coma eu fun na súa idade ( cunha perrera ao Johann Cruiff, que me campaba moi ben). Ten bo corazón e moi mala uva ( niso parécese á nai). Estou orgulloso del ( e do outro e da outra).
Moita sorte.

Etiquetas:

14 dezembro 2008

A paisaxe perdida.


Seis meses despois do seu pasamento (poderíase precisar, e maldicir aos médicos que xogan a ser deuses, pero hoxe non presta falar) volvo na tardiña a terra que o viu nacer hai oitenta e seis anos. Xunto o Miño penso nas paisaxes que meu pai viría de neno e decátome que de certo ten que ser ben distinta: sen Salto na Batundeira, con menos pontes en Ourense, con moitísimas menos casas.
O monte tamén sería distinto porque o que antes estaba coidado para dar alimentos ou leña ou estrume, agora está inzado de feraces acacias que todo o devoran.
Entrei polas Lagoas onde aínda fica en pe, malamente, a nave de Rogelio Fernández onde traballou de mozo, e de onde saliu un día por vez primeira para Vigo, na caixa do camión do Sr. Reverter - previamente reparado por el -, para ver unha semifinal de Copa entre o Celta e o Valencia de Mundo, Epi e Gorostiza.
Falaba pouco, pero nos últimos anos contaba como despois da guerra tivo que facer o servizo militar en Catro Ventos en Madrid, e a volta traballou para Fenosa no Encoro das Conchas e despois nos Peares. Falando da parroquia aledábase a cara lembrando o veciño máis popular, o Cuco, o os xogos no adrio da igrexa maxinados polo crego Gabriel Muñoz, que no tempo da guerra - contan - agachou aos que queimaran o templo.
Paseo polos lugares de Velle e a xente que nunca antes me vira recoñéceme pola faciana, acerta de quen son fillo e non poido evitar un calorciño de fachenda nas fazoulas, dun aprezo herdado.
Cada vez que volvo a Velle miro a liña dos montes contra o ceo e penso se será esa a que el vía hai tanto anos. E como o esforzo sen froito causa melancolía troco de pensamento de contado para non enguedellarme na nostalxia erma das lembranzas nas que só aparecen os bos recordos deixando de lado a realidade da pobreza da casa, do esforzo cotiá, do frío e da humidade.
Aproveito a viaxe para non esquecer de onde veño, para non ser un urbanita presumido, porque agora son dono indiviso dunhas presadas de terreo que non hai moito daban froitos dabondo para comer unha familia e para ir á praza, e porque naquelas terras descritas por Xocas cando meu pai era neno descansan para sempre moitas xeracións de antergos meus.

Etiquetas: ,

06 novembro 2008

Gulfariz


A finais do pasado agosto fun coa miña querida curmá a Gulfariz, na beira do Miño, na procura dos lugares onde moraron nosos avós. Alí vivín un emocionante momento "Kunta Kinte" cando o máis vello do lugar identificou a noso avó, e falou das tres fillas (nosas nais e tía), e contou como marcharon cara Ourense ao lugar de Ervedelo, en Reza... e como marchou tamén outro veciño de alí para o mesmo sitio, o Benxamin, o avó do proximamente ben homenaxeado historiador; e logo chegaron as preguntas e as coincidencias e antes o convite a un viño excelente.

Noso avó vivía en Gulfariz e ao casar coa avoa marchou dous kilómetros para arriba, a Mereixe, de onde era natural ela, un lugar onde hoxe só fican ruinas.

Esas bonitas terras da Peroxa están baleirándose de xente nova, que deixan o campo para estudar na cidade e após xa non voltar. Non hai a penas futuro no rural e por iso cada iniciativa que vai facendo a Consellaría de Medio Rural ten o meu silandeiro apoio porque aínda que non faga suficiente efecto, paga a pena loitar contra o definitivo esmorecemento das terras onde descansan a cal dos osos dos nosos antergos.

Etiquetas:

23 setembro 2008

Menina

Menina bonita não chora
Menina bonita não chora

Vem menina
Vem e deixe de chorar
Pois menina bonita não chora
e eu estou aqui para lhe consolar
O meu amor é forte
Você pode nele confiar
Se você está triste, feliz você será.
(Jorge Ben)

Hai hoxe un ano que está con nós. E ésta é a súa canción como "Mas que nada" e "O leaozinho" son as dos irmaos.
Parabéns pra você... nesta data querida...

Etiquetas:

31 maio 2008

Foto de familia.


Cuba: Feita esta foto - ano 1925 calculo eu - miña avoa enviouna cara Cuba, onde estaba o seu home. Recibida esta, meu avó mandou que lle tiraran outra foto onde estaba el pousando no seu colo a foto recibida: súa muller e catro fillos. ( Os dous últimos naceron despois do retorno a casa).

Mans: Enternéceme na foto a man do meu tío José asida a man da súa nai. José morreu o 1 de agosto de 1937 en Grado, Asturias, na Guerra Civil. ¡Qué desastre!

Causa: Este blog existe porque teño fillos. E por se eu un día non estou, para que se fagan unha idea ( mesmo lonxana ) de quen os quixo tanto. Só por iso debo escribir isto agora.

Meu pai: Na man unha trompeta. É a única foto que lle coñezo onde el non está calvo. Recoñézome na súa faciana de neno, do mesmo xeito que véndoo nesta foto identifico meus fillos. Supoño que a marca dos xenes.
A súa viaxe está chegando a porto. Aínda que doa - doe - hai que envexarlle a traxectoria: remata cos deberes feitos e tódolos fillos que tivo ao carón.

Futuro: Como nas cousas da xenética é mellor non entrar, e as habelencias do cerebro non se transmiten, polo menos quixera aprender del unha cousa allea ao sangue: Non falar mal de ninguén.

Agradezo a Raúl Gómez Pato, poeta de Velle e bisneto dos meus avós, que me enviara por correo electrónico esta foto hai quince días. No entanto estiven cavilando se amosarlla ao meu pai ou non, por se a emoción de se ver no comezo das vidas xunto a nai e irmáns lle ía afectar. Resolvín que non. Agora non hai marcha atrás e a emoción rebota en min.

Etiquetas:

Nostalxia da aldea

É posible ter nostalxia do frío que humedece a cama e aterece as mans? das pegadas dos ratos no faiado? do estrume? da leña apañada no monte para poder quentar o caldo?
Os urbanitas estamos adoitos a unha aldea de mentira, a das casas rurais, con calefacción e auga da traída. Con baño nas habitacións.
Como a memoria é selectiva, só fican nela os cariños da familia visitada, as festas recorrentes da vendima e a matanza, a festa da patrona...
Agora, nin aldeas quedan. E as paisaxes da infancia, se algunha vez existiron, van desaparecendo como desaparece o puño (de Sam Spade) cando se estarrican os dedos.

Etiquetas:

06 maio 2008

Futbolista británico

Hai un prototipo de futbolista británico porcentualmente escasísimo pero con pegada na memoria: O borrachuzas talentoso. Veño de ler na prensa a detención de Paul Gascoigne, probablemente o derradeiro artista maldito do balompé británico. Segue o ronsel de Paul Merson, aquel exquisito xogador do Aston Villa rival do Celta, cando os nosos facían que nós, os seus siareiros, tivéramos un xustificado rumbo. Gascoigen tamén herdeiro natural, pero sen chegar a súa altura, do inesquecíbel George Best, o quinto beatle, sen dúbida un dos mellores xogadores da historia do fútbol, co mérito engadido da súa pequena carreira no cumio.
Levo tempo querendo falar de Best e de Garrincha. Tan bos os dous, tan semellantes. Supoño que me atraen os perdedores máxicos, en lonxana reminiscencia scottfitzgeraldiana. Cando Manuel Summers foi cineasta deixara filmada tamén patéticas historias de xoguetes rotos, como a de Gorostiza, o extremo do Valencia que vira meu pai en Balaídos nunha semifinal de Copa do Generalísimo, a primeira vez que o avó do poeta viu o mar.
Volvo a Best e as súas lúcidas frases: "En 1969 deixei o alcohol e as mulleres... foron os peores vinte minutos da miña vida", "Gastei moitos cartos en alcohol, mulleres e coches... o resto dilapideino"

Etiquetas: ,

Poesía

"Son un detective bailarin
que solo toca el violin
soy un chico tonto que...
conduce un coche como un loco
soy el ratoncito perez...
que solo trae regalos a los...
niños que sele cay un diente
soy un chico roba poesias...
que he arrovado mi poesia aora
que ago yo sin mi poesia
soy el moco esta en una nariz
y quiero salir de esa nariz y como ago yo
si no puedo salir
soy la chica que toca la guitarra
y perdi la guitarra y aora
que ago yo sin mi guitarra"


Tendo en conta as faltas de ortografía e que a encomenda da profe era unha pequena poesía en galego, a calificación debería ser mala. Pero tendo en conta a súa idade e a rapidez da súa elaboración, só podo dicir que estou moi orgulloso del.
Ogallá cando el sexa maior ( cando eles sexan maiores) tamén esté(n) orgulloso(s) de min.

Etiquetas:

28 setembro 2007

Milagre

O pasado domingo fun testemuña directa por terceira - e probablemente derradeira - vez da milagre do nacemento dun bebé. Alí estaba: disciplinado, nervoso e tamén emocionado. Afortunadamente todo foi ben.
Deséxolle a ela, como aos seus dous irmáns maiores, aquilo que lles requiría Napoleón aos seus xenerais: Sorte na vida.

Etiquetas: