19 março 2009

60 anos

O 19 de marzo de 1949, xusto 60 anos atrás, meus pais casaron na igrexa parroquial de Reza, ao carón de Ourense. Foi voda dupla, pois tamén casou a irmá maior da miña nai. Segundo escoitei eu algunha vez, de seguido marcharon os protagonistas dos casamentos e os seus convidados a xantar a casa familiar de Ervedelo. Non sei se a nai do historiador de Auria, veciña dos protagonistas daquel día, lembra, aínda que mociña, algo daquelo. Despois foi a lúa de mel, nova recollida seica en La Región, que consignaba a viaxe dos noivos "polo estranxeiro" aínda que non pasaron de Vigo.

Non hai ocasión hoxe de celebrar nada, xa que hai un par de anos morreu miña tía, e dende o verán pasado alá foron tamén meu pai e meu tío. A única sobrevivinte 60 anos despois leva algún tempo dándolle a razón a Shakespeare cando dicía aquilo de "vello dous veces neno" que, coido, escribira en Hamlet.

Aínda hoxe sigo sen asimilar a ausencia perpetua de pai e tío. O feito de non convivir fai menos aguda as dores da ausencia pero máis permanente no tempo os picores da incredulidade ante as consecuencias do paso do tempo, pois foron os moitos anos os que lles baixaron o telón.

Nestes últimos días tivemos varios aniversarios na familia. Por vez primeira, e por unhas horas, conseguín algo que nunca puiden facer co meu pai: que a miña idade fora xusto a metade da idade da miña nai. Tamén, estes días, un problemilla facial aconselloume non barbear, e cada vez que me ollo no espello do ascensor non podo máis que asombrarme ante as moitas e novedosas barbas brancas da miña cara que destacan entre as outras, máis loiriñas. "El tiempo pasa, y nos vamos poniendo viejos..."

O agobio do traballo cotiá non deixa tempo para pensar con tranquilidade, e moito menos para consignar eiquí algunha conclusión, se as houbera. Xaora digo, que non existindo causa de celebración por mor da ausencia de tres protagonistas no aniversario de casamentos, hai polo menos a necesidade de escribir no ar a lembranza da data, o recoñecemento do paso do tempo, e o propósito de escribir, con máis vagar, algún pensamento sobre as leas destes días: aborto, segregación nos aularios por causa do idioma, amnesia política.

E eu non digo nada.

Etiquetas: