31 maio 2008

Foto de familia.


Cuba: Feita esta foto - ano 1925 calculo eu - miña avoa enviouna cara Cuba, onde estaba o seu home. Recibida esta, meu avó mandou que lle tiraran outra foto onde estaba el pousando no seu colo a foto recibida: súa muller e catro fillos. ( Os dous últimos naceron despois do retorno a casa).

Mans: Enternéceme na foto a man do meu tío José asida a man da súa nai. José morreu o 1 de agosto de 1937 en Grado, Asturias, na Guerra Civil. ¡Qué desastre!

Causa: Este blog existe porque teño fillos. E por se eu un día non estou, para que se fagan unha idea ( mesmo lonxana ) de quen os quixo tanto. Só por iso debo escribir isto agora.

Meu pai: Na man unha trompeta. É a única foto que lle coñezo onde el non está calvo. Recoñézome na súa faciana de neno, do mesmo xeito que véndoo nesta foto identifico meus fillos. Supoño que a marca dos xenes.
A súa viaxe está chegando a porto. Aínda que doa - doe - hai que envexarlle a traxectoria: remata cos deberes feitos e tódolos fillos que tivo ao carón.

Futuro: Como nas cousas da xenética é mellor non entrar, e as habelencias do cerebro non se transmiten, polo menos quixera aprender del unha cousa allea ao sangue: Non falar mal de ninguén.

Agradezo a Raúl Gómez Pato, poeta de Velle e bisneto dos meus avós, que me enviara por correo electrónico esta foto hai quince días. No entanto estiven cavilando se amosarlla ao meu pai ou non, por se a emoción de se ver no comezo das vidas xunto a nai e irmáns lle ía afectar. Resolvín que non. Agora non hai marcha atrás e a emoción rebota en min.

Etiquetas:

4 Comentarios:

Blogger Hipatia said...

Non estou dacordo no de non falar mal de ninguén. Recórdame aquela anécdota na que Carandell lle chamou a atención a Alfonso Ortuño por falar mal de Pedro J. Ramírez, decíndolle que os cabaleiros non falaban das persoas. Ao que o meu admirado Ortuño respondeulle “- Bueno, pois falemos logo do cú de Pedro J.”. Con frecuencia olvidamos a nosa condición animal vaísenos o santo ó ceo e cun sorriso na faciana subimos a ese mundo das ideas platónico que tanto dano fixo e fai aos nosos corruptibles corpos -que non todos somos como Sta. Teresa-. ¿Non falar mal dos demáis supón non pensar mal dos demáis? Non o creo. Ese xen non chegaría a nós, sucumbiría na dura loita evolutiva ou social.. E se pensamos mal e non o verbalizamos o suposto mérito dividese por dez. Arrostrar a totalidade da natureza humana, amar ao home, amar ao home con indepenndencia das súas circunstancias, ese revolucionario mensaxe de cristo non debe ser nada fácil de acadar, e sobre todo na útil na dura loita da supervivencia.

Sinto moito a enfermidade do seu pai, señor. Eu teño unha foto similar de 1920 tamén enviada pola miña avoa a cuba, ao seu home. Sempre me gustou esta poesía de Rilke das Elexias de Duino, pero desde fai pouco ten para min novo sentido:

"Tú, a quien en mí la vida
supo tan amarga, cuando probaste la mía, padre,
la primera infusión turbia de mi deber;
conforme yo crecí seguiste probándola, y todavía
ocupado en el regusto de un futuro tan extraño,
examinabas mi mirada empañada; tú, padre mío, desde
que estás muerto, dentro de mí, en mi esperanza,
con frecuencia tienes miedo, y me envías serenidad,
como la tienen los muertos, reinos de serenidad,
para mi pizca de destino..."

En calquera caso deséxolle o mellor para vostede e a súa familia… e gracias polo seu blog.

2:46 da tarde  
Blogger Ian said...

George Steiner dixo que «a atrofia da memoria é [era] o trazo dominante da educación e a cultura da
metade e das postrimerías do século XX», quizais tamén de comezos do XXI, por iso son tan de agradecer os esforzos de recuperación como os que vostede practica. Coidese e lembre non hai mellor vacina contra a desesperanza. Apertas.

6:50 da tarde  
Blogger R.R. said...

Fermosísimo post, aínda que doia (ou por iso).

Un abrazo moi moi moi forte.

10:41 da tarde  
Blogger paideleo said...

Por escritos así paga a pena manter un blogo. Eu tamén escribo o meu para cando me falle a memoria e para que o meu fillo ría un pouco dentro duns anos.

1:15 da manhã  

Enviar um comentário

<< Home