22 abril 2010

Inmunda escoria

En pouco tempo este libro de Ricardo Gurriarán converterase en imprescindíbel para aqueles que queiran coñecer a intrahistoria universitaria galega nos anos do franquismo. Ben narrado e mellor documentado, é o complemento necesario do catálogo da exposición "Do Gaudeamus Igitur ao Venceremos Nós" que o propio Gurriarán comisariou, haberá ano e medio, organizado pola Vicerreitoría de Cultura da USC.
Hai poucos libros sobre este tema concreto - a pesares da bibliografía que exhibe Gurriarán -, e corremos o risco de que un asunto tan interesante como este ( interesante porque as loitas estudiantís que se descreben eran pioneiras no Estado, interesante polas consecuencias que sufriron os seus protagonistas ) esmoreza definitivamente na xa decote feble memoria colectiva galega.
Eu teño un interese engadido. Débolle ao deporte do xadrez moito máis do que na miña vida lle poderei devolver: ensinoume unha filosofía da vida moi precisa e práctica, adestroume nos procesos de pensamento sistemático e anticipatorios, viaxoume por España adiante, e last but not least, foi o meu medio de vida durante non poucos anos. Durante eses anos xadrecísticos coñecín moita xente interesante, algúns agora en idade perta da xubilación, e que ante a miña sorpresa aparecen agora no libro de Ricardo Gurriarán.
Porque para min eran xogadores de certo nivel aínda que non competitivos, cos que coincidía nalgún torneo ou directamente porque acudían ás nosas clases. E agora, de súpeto, descubro os seus nomes en Inmunda Escoria como protagonistas daqueles acontecementos:
Falta no libro o ex compañeiro de Instituto de Gurriarán, o prematuramente falecido Guillermo Domínguez Santos ( con quen tantas risadas compartillamos ), pero iso é debido a que as loitas nas que el participaba desenvolvíanse en Madrid. Sei que andivo presente nesa época e naqueles acontecementos Francisco Rey, hoxe no Hospital Xeral de Vigo, porque me ten contado historias de José Guerra Campos, mais non debeu ser protagonista pois non é nomeado. Pero fican presentes Luis Gonzales "Foz", Xosé Manteiga, Federico Ordax ou Fraga Bermúdez, e xa na memoria D. Enrique Vidal Abascal, quen con tanta dignidade soubo empatizar co estudantado.
Esas persoas antes citadas trasládanme a espazos xadrecísticos composteláns que asocio a cada un deles: ao Atlántico, ao Nemenzo, ao Miami; á aula da Piscina Universitaria ou o Casino. No Atlántico dos primeiros torneos de xadrez hai vinte anos, do Nemenzo onde xogaba con Foz e Guillermo, do Miami onde aparecían como espectadores opinantes Vidal Abascal e Fraga Bermúdez, na aula da Piscina onde estaban fillos dos anteriores e despois eles mesmos, ou o Casino onde no derradeiro Torneo do Burgo das Nacións compartiu Manteiga o seu tempo comigo.
Foi un gozo a primeira rápida lectura deste libro. Tocarame despois ir con máis vagar, aproveitando o gorentoso arrecedendo desta historia non tan lonxana no tempo pero si na memoria.

Etiquetas: ,

30 abril 2009

Referente moral

Nun descanso durante as xornadas que se están a desenvolver periodicamente e ata maio na Universidade de Santiago de Compostela sobre o xadrez como recurso didáctico e pedagóxico, ideadas e desenvolvidas polo maior mestre que temos en Galiza deste deporte, o vagalumeiro Veiga Goy, coñecín a un ponente arxentino que - falando galego! - fixo un rápido exercicio de memoria sobre a súa infancia nos Bos Aires de hai trinta anos e a súa amizade con Arturo Cuadrado.
Hoxe, na edición galega de El País, unha reportaxe de José Luis Estévez volve reincidir naquilo que eu escoitei hai unha semana: os galegos, na Arxentina, van aparecendo como referentes morais. O xadrecista deume un dato: a relación entre políticos honrados e demócratas descendentes de galegos: Alfonsín; fronte aos descendentes dos italianos exiliados após a caída do Duce convertidos en militares igualmente fascistas: Massera, Viola, Galtieri, Lambruschini, Graffigna...
Descoñezo o grao de acerto desa idea; supoño que persoas como torredebabel poderían ter máis datos e mellores sensacións sobre esa evolución da imaxe dos galegos alá ao lonxe, pero tal e como mo dixeron cóntoo.

Etiquetas: , ,

08 abril 2009

Arcaico o tempo. Paulino Vázquez



Saio da Praza do Toural cun agasallo na man, xentileza de Fausto Isorna. Trátase do libro editado por Galaxia: "Arcaico o tempo que respira", poemario do amigo Paulino Vázquez.
Na casa, polo serán, escollo ao chou un poema, e a ouvinte exclama: Qué bonito!
Coñezo a Paulino dende hai moito tempo, temos en común unha aproximación respectuosa polo xadrez e a min, a maiores, atráeme da súa figura, do seu personaxe, unha extravagancia peculiar pero moi auténtica, de seres un home con ideas propias e razoadas, aínda que a min me parezan contrapostas. Supoño que ten máis cousas en común con Otero Pedrayo das que él pensa, e non só a paisanaxe ourensá. Fanático de Sterne e de Elliot, moitas noites chegaba ao Atlántico co volume de Tristran Shandy para reler mentres agardaba a súa quenda de entrar a xogar a partida rápida de xadrez.
Na foto pódese ollar a Paulino interesándose polas explicacións que imparte o xenial Ljubomir Ljubojevic recén terminada a súa partida - con derrota - contra o holandés Jan Timman do torneo de Linares do ano 1992.

Etiquetas: ,

24 janeiro 2009

Simultáneas no Xelmírez


Pasaron xa algúns anos. Coordinados, como sempre, polo recente premio Vagalume Xosé Luis Veiga, e co apoio de Maurice, da Academia EuroStudio, trouxemos a Compostela un excelente espectáculo xadrecístico. O mellor xogador español do momento, Miguel Illescas, daría unhas simultáneas con reloxio contra dez dos mellores xadrecistas galegos, mentres mestres internacionais radicados no país como Boris Zlotnik e Daniel Rivera medían forzas con afeccionados locais.
Escollimos como local de xogo o pavillón do Instituto Xelmírez I coa complicidade do director, Manolo Portas, e do profesorado: Guillermo Domínguez, Foz, Xerardo.
Na foto podemos recoñecer a Antonio Míguez ( hoxe historiador ), a Brandán (publicista), máis para a esquerda a Lamas, Rozas, Agustín Sánchez. De pe semellan estar Eduardo García ( de Ribeira ) e Carlos Permuy, moitas veces campión galego. Creo entrever ao lonxe e lendo un xornal ao articulista Fernando González Macías, talvez tivera un fillo alí a xogar.
A esquerda, na esquina, inconfudible a testa de Guillermo Domínguez.

Aquel tempo non volverá pois a chegada da informática ao xadrez trocou de tal xeito a forma de adestrar que converte as lembranzas daqueles tempos en reliquias. Hoxe, a pantalla da computadora reflicte en segundos o que antes tardábase meses en achar. Como o río de Heráclito: mesmo xogo pero xa nunca o mesmo.

Etiquetas: ,

03 outubro 2008

David Lariño

Lembra o mellor escritor galego vivo, ( segundo a opinión do Rivas , que engadía que as súas verbas ficaban escritas no vento ) cando nos últimos anos do franquismo chegou ao porto de Ribeira un mercante ruso: o Vassili Poliakov ( se a miña memoria non é mala ). E conta como o seu amigo Manolo Barros saiu correndo cara o barco, cunha caixa e un taboleiro de xadrez nas mans berrando "chess, chess". Seica Manolo e o capitán do barco remataron empatados a un, pero no partido de fútbol entre o equipo local e os mariñeiros rusos a victoria foi para os galegos, a cal foi a portada do día seguinte no xornal: Ribeira 5 - Rusia 1.

Mañá, David Lariño, un rapazote galego de Esteiro, con só dezanove anos, pódese converter en Campión de España absoluto de xadrez. Supoño os nervos agora de Manolo Barros en Ribeira, o seu primeiro adestrador, cando David era un neniño ben pequerrecho.
Moita sorte.

Etiquetas:

09 julho 2008

Enrique Vidal Abascal. 1

Na porta da Facultade de Matemáticas hai hoxe un cartaz que conmemora o centenario do nacemento de D. Enrique Vidal Abascal, ao tempo que anuncia un congreso matemático na súa honra.
Cando me interesei hai ben anos de sitios en Compostela onde se xogaba ao xadrez, contéstaronme aconsellándome dous sitios: o Nemenzo na zona vella, e o Miami en Doutor Teixeiro - o Atlántico daquela aínda non entrara nas nosas vidas-. Alí, no Miami, nas mesas do medio, efectivamente xogábase ao xadrez polas tardes, e de calados miróns sempre estaban dous anciáns. Un chamábase Javier, e dicía que fora testemuña presencial e ben pertiña do incendio que asolara o teatro Rosalía de Castro en Vigo. O outro ancián parecía algo maior, posiblemente motivado por un pequeno tremor nas mans e na faciana: un home elegante, con garabata.
Ao remate de cada partida, Xosé Luis Veiga, o home que máis sabe de xadrez en Galicia, virábase para comentarlle aos anciáns as incidencias de cada partida, os cales asentían con acenos que significaban que entendían a explicación. O Sr. Javier aínda falaba - e moito - entre partida e partida; o home elegante: D. Enrique Vidal Abascal adoitaba calar, e cando falaba todos escoitaban.
Para un recén chegado coma min, que non coñecía a ninguén dos alí presentes, mozos e vellos, resultaba un chisco emocionante ollar qué tremendo respecto se lle gardaba a aquel señor de exquisitos modais. Ata moitos anos despois non souben por qué.
D. Enrique debía aparecer polo Miami tódalas tardes de luns a venres contra as 17:30 horas, e non se ía ata que o recollía un fillo seu non máis alá das 19:30. Como me pasou con outros persoeiros da vida política galega de finais dos anos 60, Foz ou Federico Ordax, a miña relación con eles naceu e desenvolveuse ao redor de 64 escaques, sen falar xamáis de política.

Etiquetas: , ,

28 fevereiro 2008

A febre do xadrez

Agradezo a Hipatia a ligazón que me levou a ver por vez primeira a película de Pudovkin "A febre do xadrez". Nela participa activamente D. José, o xenio do xadrez: o cubano Capablanca.
Por certo, qué cara de felicidade leva a rapaza despois de saír do coche do primeiro play-boy xadrecista ( Contan as lendas que a súa querencia pola noite e as rapazas bonitas foi a causa da súa derrota contra o ruso Alekhine en Bos Aires).





Etiquetas: ,

26 fevereiro 2008

Fresh: Ataque fegatello.

Excelente película.



Bonito ataque Fegatello entre F. Murray Abraham e Sean Nelson, ollados de lonxe por Samuel L. Jackson.

Etiquetas: ,

30 janeiro 2008

Na morte de Fischer 2.

Robert James Fischer conseguiu algo fundamental: sacar o xadrez das escuras esquinas dos liceos e convertelo nun xogo moi popular. Antes da súa irrupción o xadrez era una afección para especialistas. No ano 1972 trocaron o signo das cousas, ao se converter Reijkyavik na capital da guerra fría, tan fría que a batalla dilucidábase, afortunamente, en sesenta e catro escaques; substituindo os reis, damas e bispos ás pelotas de tenis de mesa.

Unha das miñas poucas lembranzas da miña infancia pre-escolar sitúame vendo como os meus dous irmáns xogan unha partida co xadrez recén mercado mentres un di: "Spassky" e o outro resposta "Fischer". Eu aprendín a xogar vendo como xogaban eles dous. Son debedor, por tanto, de Fischer, de algo que foi moi importante na miña vida, tanto no aspecto económico, como sobre todo no de formación da personalidade.

Fischer tivo un estilo xadrecístico moi ecléctico: foi un loitador, non lle gostaban as táboas sen loita, e seguía as partidas ata que quedaran prácticamente os dous reis nús. Esa característica súa foi consecuencia dunha poderosa forza de vontade unida a unha moi desenvolta intelixencia práctica, pero dunha soa face: a xadrecística.

Tivo a coraxe e a afouteza de loitar, e despois vencer, aos mellores xogadores da súa época, os soviéticos, que tiñan aquilo do que el carecía: medios para o estudo, adestradores e a formación dun equipo que priorizaba as estratexias. Quero dicir, os soviéticos podían programar, vendo a evolución dos torneos, en que quendas sería conveniente descansar facendo táboas rápidas, ou onde situar as novidades de laboratorio, etc... Pola contra, doutro lado, estaba Fischer contra o mundo.

A victoria de Fischer no ano 72 tivo, xa que logo, un grande valor en canto consecución final, despois dun ímprobo esforzo, do resultado desexado dende a nenez: ser campión do mundo. Para acadar iso apalizou sucesivamente a Larsen e a Taimanov, venceu con holgura ao ex-campión armenio Tigran Petrosián ( foi máis avultado o resultado que o xogo amosado entre eles dous) para despois iniciar o famosísimo combate de Islandia.


Fischer xadrecista está dito case todo. A min interésame máis en canto modelo a non seguir. De nada vale, penso eu, ser campión do mundo do que sexa se a túa vida é un desastre. Se non eres feliz e non fas feliz aos teus.

O xadrez é unha poderosísima ferramenta educativa, que contribúe moi positivamente á formación intelectual e humana das persoas: Favorece a intelixencia, a memoria, a vontade, a toma de decisións, a atención, o cálculo matemático. Esas cualidades están recoñecidas públicamente pola Unesco. O xadrez é un medio magnífico se está ben utilizado. Un desastre, mesmo en persoas de tan alto cocente intelectual como Fischer, se non vai engadido dunha formación integral da persoa.

Eu penso que debería ser obrigatoria a ensinanza dun xadrez moi básico na escola para os cativos de seis ou sete anos. E logo de dous anos, convertila en optativa. E utilizar o xadrez como materia transversal nas asignaturas. Os experimentos feitos nese senso avalan os bos resultados da rapazalería que aprenderon o nobre xogo. En Galicia tivemos unha ocasión de demostralo
co Proxecto Xaque, realizado hai tempo no Colexio Público de Trazo e no que se experimentaba a integración do xadrez no proxecto curricular, con ese xeito de transversalidade.

O Proxecto Xaque foi dirixido a comezos dos ano 90 polo mestre Jesús Lojo Dávila, e estiveron ao seu carón no deseño, investigación e aplicación María do Rosario Palacio Sánchez e Ángeles Castiñeiras Piñeiro, ademáis do resto de colaboradores do CP de Trazo: Mercedes Rico Caulonga, Jose Luis Paradela, Isabel Sánchez Manso, María José Cedillo Pombo, Miriam Morán Sacristán e Paula López Fidalgo.

Quero deixar constancia das súas conclusións:

"A vista dos resultados da investigación concluimos que a aplicación do xogo do xadrez no grupo experimental do C.P. de Trazo, a traverso do método interdisciplinar foi altamente positivo en canto a: a) Intelixencia xeral b) Coordinación psico-motriz c) Habilidades e destreza manuais d) A propia dinámica do xogo do xadrez e) Coordinación didáctica entre os membros do profesorado. A nivel didáctico a integración do xadrez no Curriculum levouse a cabo gradualmente nas distintas disciplinas, aplicando o principio de interdisciplinariedade, con resultados igualmente satisfactorios: a) Autovaloración positiva da lingua galega como vehículo da cultura propia. b) Interiorizacióin dos conceptos da área de Ciencias (cálculo, xeometría, anatomía,...) c) Enriquecemento do vocabulario, composición e estudio das estructuras lingüísticas, obras, e autores literarios. d) Interiorización dos conceptos xeográficos establecidos. e) Desenrolo das habilidades e destrezas manuais, e potenciación dos valores estéticos a traverso do deseño e posterior construcción. f) Mellora das aptitudes psico-motrices e da propia orientación no espacio. g) Potenciación dos valores cívicos de convivencia."

A foto da tumba de Fischer saqueina de Chessbase.

Etiquetas:

22 janeiro 2008

Na morte de Bobby Fischer 1.

Dende o pasado venres, cando soubemos da morte de Bobby Fischer, moitos artigos foron saíndo destacando os caracteres máis salientabeis da súa peculiar personalidade.
Neste blog fixéramos non hai moito unha reseña ao capítulo que lle adicara Garry Kaspárov na sua monumental obra verso os anteriores campións do mundo.
Máis coronoume hoxe ver nas páxinas de "El País" unha emotiva carta ao director asinada por Daniel Pizá, unha persoa excepcional e un fenomenal xadrecista, a quen eu tanto lle debo a nivel persoal, e que moito lamento o afastamento dos kilómetros ( e do tempo ) que agora nos separan - que non do cariño que lle profeso.

Velaí esta carta do maior especialista do mundo dos Beatles, e asemade o único arxentino a quen non lle gosta o fútbol.

Aínda que non saibas da existencia desta páxina, irmán Daniel, notarás unha aperta virtual.

Etiquetas:

19 dezembro 2007

V Memorial Guillermo Domínguez Santos



Fago miñas as verbas de Manuel Portas, desde "El Correo Gallego":


O memorial de xadrez Guillermo Domínguez

MANUEL PORTAS. PROFESOR

Os que tivemos o pracer de convivir con Guillermo Domínguez, de desfrutar da súa sutil intelixencia, do seu críptico humor, sabemos que era moi pouco dado aos formalismos, ás celebracións pomposas ou ás conmemoracións protocolares. Mais se a algo concedería a licenza de pór o seu nome sería só a unha competición de xadrez. Lembro ben que, non hai tanto tempo, sempre había na Sala de Profesores do Instituto Xelmírez un par de taboleiros de xadrez. Non era difícil ver partidas a medio acabar, que ficaban interrompidas á espera da nosa saída das aulas. Guillermo nunca andaba lonxe daqueles taboleiros. Ou ben xogaba, ou ben comentaba, mais nunca permanecia indiferente aos movementos das pezas. Desa querencia colectiva polo xadrez, capitaneada por Guillermo, nacían as competicións internas no centro na celebración das Semanas Culturais. Dese gusto polo xadrez foi que naceu tamén a idea da creación dun club, o Club de Xadrez Nemenzo, que mantén aínda viva a súa actividade.

É pois de xustiza que o mundo do xadrez compostelán lle renda homenaxe a Guillermo Domínguez, colaborador que foi tamén de El Correo Gallego, coa celebración dun memorial que lembra a súa figura todos os anos. O pasado sábado, día 15 de decembro, e no inmellorábel marco da Casa de Europa, os clubs composteláns Nemenzo, Algalia e Universidade de Santiago, organizaron o V Torneo de Xadrez Memorial Guillermo Domínguez.

Nesta edición, en que participaron preto de duas ducias de xogadores e xogadoras, as partidas tiveron unha duración de 15 minutos para cada participante, xogándose segundo o sistema suízo, a sete roldas. As persoas que competiron puideron facelo individualmente ou en remudas; é dicir, para completar as sete partidas, puideron sucederse sete xogadores, que tiñan que comunicar a circunstancia no momento de dar o resultado. De acordo coa idea xurdida do propio Guillermo Domínguez, neste torneo está permitido desenrocar e, logo de o facer, enrocar para o lado contrario. No sistema de desempate, ten sempre prioridade o número de desenroques realizados. Como non podía ser doutra maneira, para un torneo tan singular, os premios foron tamén especiais: dez baños no Balneario do Tremo, en Brión, e varios libros cedidos pola editorial Toxosoutos.

Entre os xogadores máis destacados que participaron, compre salientar a Diego Suárez Pousa, cun nivel que o vai converter axiña en mestre internacional, a Dan Cruz Álvarez de Ron e a Carlos Pena, xogadores da categoría preferente de Galiza, do Club Universitario de Xadrez e do Club Algalia, a Cristina Filgueira, unha das xadrecistas galegas máis destacadas, tamén do Universitario, e a Xosé Luís Veiga, tamén do Universitario, que resultou ser o primeiro clasificado, sendo como é o maior impulsor do xadrez compostelán e galego desde hai máis de dúas décadas.

Seguro que Guillermo, co seu eterno Davidoff pendurado dos labios, non perdeu ningún dos movementos das partidas do sábado.

Etiquetas:

28 novembro 2007

Kaspárov na cadea

Garry Kaspárov leva tempo indo sempre en contra de quen goberna Rusia: Gorbachov, Yeltsin, agora Putin. Deixou o taboleiro escaqueado para se meter na perigosa vida política rusa. Agora está na cadea.
Mentres habita as mazmorras eu recomendo encarecidamente a lectura do libro que presentou por estas latitudes haberá un mes: "Como a vida imita ao xadrez", con especial utilidade para empresarios e políticos.

Etiquetas: ,

11 julho 2007

Escudeiro: Campión de España xuvenil da ONCE

Vía páxina web da Federación Galega de Xadrez damos conta que por terceiro ano consecutivo, Ramón Escudeiro, do clube Escola de Xadrez de Pontevedra, ven de se proclamar Campión de España Xuvenil da ONCE, o cal volve demostrar a súa valía que lle fixo merecedor no ano 2005 do Premio Galiza Deporte ao mellor deportista galego con discapacidade.
Unha das evidentes cousas boas que ten o xadrez é que permite o seu achegamento e posterior excelencia a toda clase de persoas sen facer discriminación algunha por razón de sexo, idade, capacidades de mobilidade ou mesmo sensoriais, como é o feliz caso que nos ocupa.
Parabéns.

Etiquetas:

23 março 2007

Campionato galego universitario de xadrez




Estase a celebrar arestora no Centro de Estudios Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela ( que dirixe Félix Vidal, fillo de D. Enrique Vidal Abascal, matemático e xadrecista que foi) o Campionato Universitario galego de xadrez, no que participan universitarios das tres universidades galegas. A semana que ven publicarei os resultados.

Etiquetas:

05 março 2007

As mulleres e o xadrez. Capítulo III

Os datos de afiliación son interesantes, pero agocha outra realidade: moitas veces as mulleres son inscritas de recheo, e a porcentaxe das xogadoras efectivas aínda míngua: Na xornada do Campionato por Equipos do pasado sábado, e segundo a páxina web da Federación, e arestora, cando quedan por contabilizar algunhas actas, podémonos achegar a ollar cantas mulleres xogaron.
No momento desta escrita constan que o pasado sábado 408 xogadores disputaron a súa partida, pero só 14 deses eran mulleres.

Etiquetas:

28 fevereiro 2007

As mulleres e o xadrez. Capítulo II

Segundo os datos da Federación Galega de Xadrez, este ano 2007 afiliáronse os seguintes xogadores:

División de Honra: 123 xogadores, dos cales 7 son mulleres.
Primeira División: 212 xogadores, dos cales 14 son mulleres.
Segunda División: 401 xogadores, dos cales 16 son mulleres.
Terceira División: 850 xogadores, dos cales 82 son mulleres.
Cuarta División: 183 xogadores, dos cales 46 son mulleres.


Totais: 1.769 xogadores federados, dos cales 165 son mulleres.

Etiquetas:

22 fevereiro 2007

As mulleres e o xadrez. Capítulo I

Limiar:
¿Por qué hai tan poucas mulleres xogando ao xadrez? ¿Por qué o resultado destas é inferior ao dos homes?
Unha das claves podería estar na pregunta que unha nai dun colexio público compostelán dixo hai poucos anos ao enterarse que para o seguinte curso ían ofertar só xadrez como nova actividade extraescolar: "e logo ¿ non van poñer actividades para as rapazas?"

O problema volveu aparecer hai poucos días na rede grazas a Chessbase.
Tamén podemos ollar as interesantes reflexións que fai do tema un dos mellores xadrecistas galegos: Carlos Abella.

Etiquetas:

30 janeiro 2007

BORIS X

Lembro as verbas do gran Kaspárov referíndose ao décimo campión do mundo:
" A carreira de Spassky non é moi típica dun campión do mundo, porque abunda en intensas ascensións e incribles caídas. O seu comezo foi, cecais, un dos máis brilantes. Aos 10 anos, Boris encetou a estudar co coñecido adestrador Vladimir Zak. Aos 15 participou no Campionato adulto de Leningrado (1.Taimanov; 2.Spassky; 3.Levenfish; 4.Korchnoi...), e aos 16 tivo unha extraordinaria actuación no torneo internacional de Bucarest (1953), onde conqueriu unha memorable victoria sobre Smyslov na primeira rolda, acadando ao remate do torneo o título de mestre internacional.
"É divertido: axudáronme as autoridades soviéticas" - lembra Spassky. "O torneo comezou cos xogadores soviéticos quitándose puntos uns a outros, e por conseguinte, o húngaro Laszlo Szabo tomou a cabeza. Entón chegou un telegrama de Moscova: - Basta con este escándalo. ¡ escomenzen a facer táboas entre vostedes !-. Por suposto, era bo que eu xa tivera gañado un punto contra Smyslov, pero creo que non me sería doado, dada a miña inexperiencia, facer táboas con Boleslavsky e Petrosian. Porén, dadas as circunstancias, sometímonos ás ordes do Kremlin".

Etiquetas:

26 janeiro 2007

Boris Spassky

Na primeira lembranza que teño dos meus irmaos están os dous xogando ao xadrez ao tempo que un dicía "eu son Bobby Fischer" e o outro respostaba "e eu Boris Spassky".
Boris Spassky, que nome tan bonito, tan eufónico. Despois, o ir lendo cousas sobre a vida do ruso, sobre o seu comportamento naqueles días islandeses de 1972, e coñecendo o seu xeito de xogar, a miña admiración por el multiplicouse xeometricamente. A semana que ven vai cumprir setenta moi ben levados anos.
Da vella garda dos campións do xadrez clásico só fica vivo Vasily Smyslov, e temos a Boris Spassky como o chanzo que xunta ao clasicismo co xadrez moderno, que se albiscaba co peculiar Fischer.
Spassky facíao todo ben, era un xogador de estilo universal, extraordinariamente harmónico, pero inspirado no ataque. Despois de perder con Fischer foi represaliado na Unión Soviética e decidiu exiliarse en París, onde volveu casar ( referíndose á primeira muller deixou unha frase gloriosa: "Éramos como dous bispos de diferente cor").
Pasado o tempo convertiuse nun nugallán, o máis representativo xogador abúlico. Non lle interesaba a competición, e ás poucas xogadas de principiar a partida solicitaba táboas ao seu rival de vez, o cal, atendendo ao prestixio do ex-campión, outorgáballas.
Na quenda final da Copa do Mundo, creo que do ano 1988, Beliavsky e Kaspárov ían empatados a puntos. Nesa rolda Kaspárov xogaba contra Artur Yusúpov e Beliavsky contra Spassky ( que levaba empatadas an catorce partidas anteriores). Nada máis encetar o xogo, Spassky propúxolle táboas ao ucraíno, que as rexeitou. Obrigado a xogar Spassky convertiuse nun furacán que arrasou ao pobre Beliavsky. Contan as narracións que Kaspárov colleu a súa silla e sentou ao carón de Spassky para calcular se aquel ataque furibundo do vello Boris era correcto. Ao cabo de vinte minutos Kaspárov ergueu a cabeza, e pediulle táboas a un perplexo Yusúpov, que aceptou encantado. Beliavsky rendiuse cinco xogadas despois.

Etiquetas: