30 janeiro 2008

Na morte de Fischer 2.

Robert James Fischer conseguiu algo fundamental: sacar o xadrez das escuras esquinas dos liceos e convertelo nun xogo moi popular. Antes da súa irrupción o xadrez era una afección para especialistas. No ano 1972 trocaron o signo das cousas, ao se converter Reijkyavik na capital da guerra fría, tan fría que a batalla dilucidábase, afortunamente, en sesenta e catro escaques; substituindo os reis, damas e bispos ás pelotas de tenis de mesa.

Unha das miñas poucas lembranzas da miña infancia pre-escolar sitúame vendo como os meus dous irmáns xogan unha partida co xadrez recén mercado mentres un di: "Spassky" e o outro resposta "Fischer". Eu aprendín a xogar vendo como xogaban eles dous. Son debedor, por tanto, de Fischer, de algo que foi moi importante na miña vida, tanto no aspecto económico, como sobre todo no de formación da personalidade.

Fischer tivo un estilo xadrecístico moi ecléctico: foi un loitador, non lle gostaban as táboas sen loita, e seguía as partidas ata que quedaran prácticamente os dous reis nús. Esa característica súa foi consecuencia dunha poderosa forza de vontade unida a unha moi desenvolta intelixencia práctica, pero dunha soa face: a xadrecística.

Tivo a coraxe e a afouteza de loitar, e despois vencer, aos mellores xogadores da súa época, os soviéticos, que tiñan aquilo do que el carecía: medios para o estudo, adestradores e a formación dun equipo que priorizaba as estratexias. Quero dicir, os soviéticos podían programar, vendo a evolución dos torneos, en que quendas sería conveniente descansar facendo táboas rápidas, ou onde situar as novidades de laboratorio, etc... Pola contra, doutro lado, estaba Fischer contra o mundo.

A victoria de Fischer no ano 72 tivo, xa que logo, un grande valor en canto consecución final, despois dun ímprobo esforzo, do resultado desexado dende a nenez: ser campión do mundo. Para acadar iso apalizou sucesivamente a Larsen e a Taimanov, venceu con holgura ao ex-campión armenio Tigran Petrosián ( foi máis avultado o resultado que o xogo amosado entre eles dous) para despois iniciar o famosísimo combate de Islandia.


Fischer xadrecista está dito case todo. A min interésame máis en canto modelo a non seguir. De nada vale, penso eu, ser campión do mundo do que sexa se a túa vida é un desastre. Se non eres feliz e non fas feliz aos teus.

O xadrez é unha poderosísima ferramenta educativa, que contribúe moi positivamente á formación intelectual e humana das persoas: Favorece a intelixencia, a memoria, a vontade, a toma de decisións, a atención, o cálculo matemático. Esas cualidades están recoñecidas públicamente pola Unesco. O xadrez é un medio magnífico se está ben utilizado. Un desastre, mesmo en persoas de tan alto cocente intelectual como Fischer, se non vai engadido dunha formación integral da persoa.

Eu penso que debería ser obrigatoria a ensinanza dun xadrez moi básico na escola para os cativos de seis ou sete anos. E logo de dous anos, convertila en optativa. E utilizar o xadrez como materia transversal nas asignaturas. Os experimentos feitos nese senso avalan os bos resultados da rapazalería que aprenderon o nobre xogo. En Galicia tivemos unha ocasión de demostralo
co Proxecto Xaque, realizado hai tempo no Colexio Público de Trazo e no que se experimentaba a integración do xadrez no proxecto curricular, con ese xeito de transversalidade.

O Proxecto Xaque foi dirixido a comezos dos ano 90 polo mestre Jesús Lojo Dávila, e estiveron ao seu carón no deseño, investigación e aplicación María do Rosario Palacio Sánchez e Ángeles Castiñeiras Piñeiro, ademáis do resto de colaboradores do CP de Trazo: Mercedes Rico Caulonga, Jose Luis Paradela, Isabel Sánchez Manso, María José Cedillo Pombo, Miriam Morán Sacristán e Paula López Fidalgo.

Quero deixar constancia das súas conclusións:

"A vista dos resultados da investigación concluimos que a aplicación do xogo do xadrez no grupo experimental do C.P. de Trazo, a traverso do método interdisciplinar foi altamente positivo en canto a: a) Intelixencia xeral b) Coordinación psico-motriz c) Habilidades e destreza manuais d) A propia dinámica do xogo do xadrez e) Coordinación didáctica entre os membros do profesorado. A nivel didáctico a integración do xadrez no Curriculum levouse a cabo gradualmente nas distintas disciplinas, aplicando o principio de interdisciplinariedade, con resultados igualmente satisfactorios: a) Autovaloración positiva da lingua galega como vehículo da cultura propia. b) Interiorizacióin dos conceptos da área de Ciencias (cálculo, xeometría, anatomía,...) c) Enriquecemento do vocabulario, composición e estudio das estructuras lingüísticas, obras, e autores literarios. d) Interiorización dos conceptos xeográficos establecidos. e) Desenrolo das habilidades e destrezas manuais, e potenciación dos valores estéticos a traverso do deseño e posterior construcción. f) Mellora das aptitudes psico-motrices e da propia orientación no espacio. g) Potenciación dos valores cívicos de convivencia."

A foto da tumba de Fischer saqueina de Chessbase.

Etiquetas:

5 Comentarios:

Blogger Cesare said...

Bueno.
A verdade é que esperaba unha treboada de imaxes como a de seus irmáns xogando o xadrez... pero... non, non me desilusionou.
:)

8:55 da tarde  
Blogger bouzafria said...

Se quere fágolle nun días un exame minucioso do xogo de Fischer.
As imaxes dos irmaos: Daquela non había fotos senón daguerotipos.

8:59 da tarde  
Blogger Cesare said...

Non teño demasiada idea de xadrez (o pack fundamental; hai moitos anos que non xogo). Pero lelo a vostede, sobre iso ou sobre outra cousa será un pracer.

9:12 da tarde  
Blogger bouzafria said...

Home, moitas gracias. De tódolos xeitos, o venres, á volta dunha viaxe á "Villa y Corte" presentareime a Daniel Pizá e convidareino a que utilice estas páxinas virtuais para que nos de á súa opinión.

9:23 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

Non comparto a súa opinión señor...

http://docs.google.com/Doc?docid=dgwk2fmj_11fvkkqvzm&hl=en

:-D s2

2:48 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home