16 novembro 2008

Flis-fli-ris-flás

O Auditorio do Centro Cultural Caixanova estaba esta tarde tan ateigado que houbo bastante xente que tivo que estar nos pasillos, os nenos sentados no chan, os pais ao carón das columnas. É certo que era de balde, pero non creo que o prezo da entrada para ver unha obra de teatro infantil que se publicita como unha convocatoria da "campaña de fomento da língua galega e da lectura no ámbito familiar", unha tarde de ceo limpo, temperatura agradable, Samil a dez minutos e o Celtiña en Balaidos ao tempo, repito, o prezo, poida ser un factor decisivo no abarrote do teatro.

Os nenos van ver teatro independentemente do idioma da trama, ou mesmo da carencia de idioma como comprobei na Feira do Teatro de Ribadavia hai dous veráns. Pode ollar tamén un observador desprexuízado que a rapazada comprende perfectamente o que se lle conta, sexa no idioma do Imperio pequeno ou no idioma da Nazón de Breogán.

E os proxenitores? Polo que puiden eu escoitar hoxe, a meirande parte dos adultos acompañantes falaban castelán entre eles. Pero, dende logo, a súa presenza alí amosaba unha sensibilidade interesante para co proxecto partillado pola Xunta e pola Editorial Galaxia: "quixeramos contribuír a fomentar o uso da língua galega no voso fogar", di o tríptico.

En canto a obra en si: Moi ben, moi ben os actores e os efectos visuais, notable o texto de Araceli Gonda, moi boa a música e cancións, e sobresaínte a dirección de Jorge Coira - agradablemente sorprendido pola resposta do público-, e especialmente escrupuloso nunha cuestión que non deben esquecer os que traballan para nenos: o tempo. Hoxe foron non máis de cincoenta minutos soberbiamente aproveitados. Non faltou nada, calquera minuto máis sobraría.

A excelente asistencia á sesión desta tarde e a normalidade absoluta (como non podía ser de outro xeito, engado) na que se desenvolven estas iniciativas lévame a trocar a miña reflexión a aspectos exclusivamente políticos.

Porque se o idioma do país é un problema, porque se podemos constatar que hai galegos que non poden desenvolver a súa vida cotiá no seu idioma, iso é unha cuestión política. Concretando, está sendo e foi un problema da estratexia política dos principais partidos da nación.

Que o Bloque Nacionalista Galego faga honra ao idioma da súa circunscripción electoral é o mínimo que se lle pode pedir. A coherencia do seu discurso non permite outra posibilidade... nin sequera se lles pasaría pola cabeza aos seus militantes. Porén, deberían facer un esforzo para se achegar ás persoas que como as que hoxe ateigaron un grande teatro, falan de cotío castelán pero non teñen nada contra o idioma de Galicia. Cómo ser unha forza politica atractiva para o votante urbanita que pode concordar cunha vision do mundo pero que non a expresa no idioma vehicular do partido é unha cuestión a resolver.

O PSOE ten outra historia e outra realidade. Na procura da substitución da maioría social que lle foi tan fiel a Fraga, e en consonancia cun segmento da sociedade que ve ao galego coa incomodidade dos estereotipos gravados a lume nos anos grises, os socialistas non poden matar de morte matada ao idioma da terra, pero non teñen - nin queren - azos dabondo para colocar a fala no seu sitio. Lonxe ficaron os tempos de Ceferino Díaz, mesmo o desembarco da intelectualidade nos anos incertos: Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Alfredo Conde. O PSOE xoga a defensiva, contra un desnortado P.P. a cal todo lle parece moito, e contra as esixencias do BNG que denuncia timidez nas políticas do idioma. A fin de contas, a Secetaría Xeral de Política Lingüística é competencia socialista, expresamente solicitada por eles (xa sabemos, por outra banda, por qué).
Ao PSOE galego (de existires, que esa é outra) camparíalle ben definirse no que quere ser de maior: semellante aos homólogos cataláns ou semellante ao Embaixador no Vaticano; e esa definición non debe tardar moito, porque o que dubida moito tempo entre dous pretendentes remata sen casar.

O P.P é outra máis difícil cuestión: O que se supón partido máis implantado no noso país, cun maior número de militantes, de cargos públicos, que gobernou a terra durante tantos anos, semella estar falto dun mínimo gabinete estratéxico desde os tempos de Barreiro Rivas, e xa choveu.
Podémonos cuestionar mesmo se realmente estamos diante dun partido ao uso. Moitas veces parecía que coincidían baixo as mesmas siglas persoas que só tiñan en común os seus anceios de manter o seu poder, por pequerrechiño que éste fora. E con sensibilidades cara ao idioma de seu absolutamente opostas en moitas ocasións: Ao vicepresidente Barreiro Rivas sucedeuno o xovencísimo vicepresidente Mariano Rajoy; o grupo do birrete contra o grupo da boina, o dominio nas cidades e o control no rural.

Esa indefinición tamén a van pagar os conservadores, porque a transversalidade da estupidez e da mentira repetida tranformada nos segregadores da Galicia Bífida - en feliz achado do Fuco -, vai levar rendemento tanto nos xacobinos pijos do PSOE coma nos caladeiros neoconservadores dos populares.

Porque o idioma galego é de todos eu lamento moitísimo a falta de intelixencia dos dous principais partidos estatais con intereses en Galicia na súa defensa. Defensa sen prexuízos porque o noso idioma é tan digno como calquer outro. Defensa que se podería ter iniciado cunha alianza estratéxica cos nacionalistas na normalización lingüística, acadando sen dúbidas dúas grandísimas vantaxes sobre a situación actual: o idioma galego estaría máis perto de poder ser utilizado con normalidade por aquelas persoas que así o desexaran, e porque se lle quitaría ao BNG, e aos outros grupos nacionalistas de menor implantación, a sensación (real nestes intres) de ser os únicos que se preocupan pola saúde do vello compañeiro. Particularmente a min gostariame nunha faceta práctica, consecuencia do anterior: os que queremos falar galego decote, deixariamos de ser calificados políticamente por causa do idioma se a túa práctica a fas nunha das cidades do país. E o idioma non é patrimonio de ninguén en particular, pero non está abandonado, os donos somos todos, e todos o podemos utilizar - e debemos coñecer - sen depender de ideoloxía, raza, sexo, extracción social, vecindade...

Recoñezo o meu fastidio cando polo feito de falar galego en Vigo a xente pense que dou meu voto a determinada opción política, no canto de pensar que se eu falo galego aos meus fillos é porque ese é o meu idioma e o viña sendo da miña familia dende tempo inmemorial e desexaría que no meu casar non morrera comigo. Gostariame que a xente que me coñece deducira miña papeleta cada catro anos polas miñas ideas en economía, cultura, relacións internacionais, sanidade, educación ou forzas armadas, e non por exercer un dereito é un coñecemento que me foi imposto na escola, e ben agradecido que estou, porque non só fun obrigado a aprender matemáticas ou literatura ou ciencias naturais, senón tamén galego, porque admitamos que o que un escoita na casa non é dabondo.

Resulta democraticamente lexitimo que existan opcións que avoguen pola inalterabilidade actual do Estado español, desexando a homoxeneidade dos territorios que o compoñen, en esclarecedoras verbas de Carlos Ruiz Miguel, profesor da USC. Os enemigos naturais destes homoxeneizadores son os partidos nacionalistas periféricos. Un elemento común a CiU, ERC, PNV, EA, ou BNG é a defensa de cadanseu idioma propio. Por conseguinte é moi fácil destacar no mercado da información política para unha forza que vai nacendo se as súas diatribas teñen como destinatario aquelo que equipara aos adversarios: o idioma. Eis a campaña nas Catalanas, ou agora eiquí entre nós, polos seus alborotadores bífidos. A consecuencia non serán baixas nos votos dos contrincantes, pero si nos resultados dos compañeiros ideolóxicos, víctimas agora da molicie e falta de compromiso co idioma e escasez de pensamento estratéxico.

As solucións non son doadas, pero hainas. En todo caso, mellor lle irían as cousas aos dous grandes partidos do Estado se eiquí defenderan con convicción ao idioma que leva o nome da terra. Porque no é só cuestión de xustiza e de autorrespecto senón tamén de intelixencia electoral a medio prazo.

Etiquetas: ,