
Agradecendo a
Arume e
Mario o convite, coido que o xeito máis orixinal ( e non é moito ) de resposta pode ser mediante películas que fican na miña memoria.
1: "O Compromiso".
"The arrangement" Tentativa de suicidio, adulterio. Esta segunda non é agora delicto, pero aínda eu me lembro lonxanamente dun serán da transición que nun "telediario" anunciábase a despenalización do amancebamento e do adulterio.
O Compromiso pasa por ser unha das películas menores de Elia Kazan. Porén, para min, é o resumo final da súa obra artística. Lin non hai moito a novela homónima - evidentemente con moito de autobiografía dentro - feita por el mesmo, e como o avestruz prefiro o celuloide á celulosa.
Un home agoniado pola muller, pola amante, polo pai, polo traballo, polo nivel de vida que os demáis desexan que conserve. Un home que o único que quere é estar deitado na herba vendo pasar as nubes.
Magnífico Kirk Douglas, como sempre. Feito curioso: o pai del nesta película (Richard Boone), na vida real era mais novo ca el.
Elia Kazan fixo verdadeiras obras de arte, pero como
Caravaggio, semella recomendable afastar a súa vida do seu traballo. O que sei del como persoa convida á desconfianza e mesmo ao
desprezo. Pero conseguiu que as súas películas tiveran vida propia, que amosaran as persoas e as súas contradiccións.
2: "Lume no corpo".
"Body Heat" Asasinato. Avogado.
A clásica historia pero contada como nunca por un director na súa ópera prima. Fai moitísima calor na Florida, os corpos non paran de suar, e no medio daquela humidade un comprende perfectamente os actos que decide realizar o avogado Ned Racine, interpretado convincentemente por William Hurt. Supoño que eu ( que calquera) naquelas circunstancias ( ou como Burt Lancaster ante Ava Gardner en "Foraxidos"
"The killers" ) actuaría igual se o que está diante é o corpo, a boca, as curvas e a voz de Kathleen Turner.
A miña admiración por Lawrence Kasdan, a súa dirección e por riba de todo, polos seus diálogos:
a)
-
Necesito unha muller que me alise as sabas, que de unha masaxe aos meus cansados músculos.
- Case.
- Necesítoa só para esta noite.
b)
- Non debes vestir así.
-
Non sei a que te refires,
isto non é máis que unha camisa e unha saia
- Entón non deberías levar ese corpo3: "Testemuña de cargo".
"Witness for the prosecution".
Cine de xuízos. Avogado
Un venres á noitiña, ao remate desta película no programa "La Clave" dirixido por Jose Kuis Balbín, eu dixen "quero ser avogado", (duroume o que tardei en ver Starsky e Hutch e decidir ser policía, ou ver
Lou Grant e ser xornalista).
Cómo non querer ser coma sir Wilfrid Robarts nesta película hithcokiana dirixida por
Billy Wilder sobre un texto de Agatha Christie?
Mostra inequívoca de que Billy Wilder sabía as chaves de tódolos xéneros cinematográficos - agás o western, que non se atreveu a realizar -.
4: "Milagre en Milán".
"Miracolo a Milano" Expropiación
Unha fábula preciosa que remata o neorrealismo ( que deixa a súa herdanza nas esceas iniciais) e que é un marabilloso alegato a favor da solidariedade entre os homes. Cada vez que vexo un debuxo de Forges nos que aparecen poderosos banqueiros alí volto a esta película con recendo chapliniano.
Como dicía o admirable
De Sica, ao cabo van todos xuntos, non importa se cara leste ou oeste.
5: "A costela de Adán".
"Adam's Rib" Cine de xuízos. Avogados
Podería ter escollido outras de George Cukor ( Historias de Filadelfia é insuperable), pero esta é clásica pola súa actual oportunidade, e porque as sucesivas visións non a empequenecen senón a agrandan. Spencer Tracy foi posiblemente o mellor dos actores de Hollywood ( mañá opinarei que o mellor foi Henry Fonda ou Cary Grant ou James Stewart... ) e nesta película resulta conmovedora a súa interpretación dun home agarimosamente impaciente e no fondo irrefutablemente triste.
E a canción sigue na memoria.
6: "Tres cores: Vermello".
"Trois couleurs: Rouge" Escoitas ilegais. Xuíz
Síntome identificado con dous personaxes. Sinto que un deles foi escrito e vivido por min. Non é a primeira vez que o cine de
Kieslowski - e a música de Preisner - me provocan tales reaccións. Doe de tan real que é.
7: "Atraco ás tres".
"Atraco a las tres" Roubo.
No medio do franquismo gris ábrese unha xanela alegre de puro arte. Demostra que a comedia é o mellor instrumento para facer crítica. Descobrimos como eran as relacións entre homes e mulleres naquela época, ou as clases sociais. Jose Luis López Vázquez, Manuel Alexandre ou Alfredo Landa merecerían un monumento agora que están vivos. A película de Forqué vale máis que cen conversacións de Salamanca porque confirmando aquel resumo tamén se demostra que no medio do alcatrán, ás veces, sae unha flor.
8: "O home que matou a Liberty Valance".
"The man who shot Liberty Valance" Homicidio.
O grande John Ford principia a se decatar que os tempos van mudando. Con esta película, resumo de todas as do "Oeste", culmínase unha carreira deixando como herdanza este western crepuscular, nas que as paisaxes trocaron definitivamente. Compróbao o senador e a súa muller cando voltan ao funeral dun home bo, digno e infinitamente triste na súa desesperación. As imaxes falan de sentimentos aínda que os personaxes non digan nada. Qué ben están
James Stewart e John Wayne, xunto coa figura totémica dese actor de corpo inesquecible, Woody Strode.
Etiquetas: brincadeiras, cine