05 novembro 2007

8 cousas ( películas )


Agradecendo a Arume e Mario o convite, coido que o xeito máis orixinal ( e non é moito ) de resposta pode ser mediante películas que fican na miña memoria.

1: "O Compromiso". "The arrangement"
Tentativa de suicidio, adulterio. Esta segunda non é agora delicto, pero aínda eu me lembro lonxanamente dun serán da transición que nun "telediario" anunciábase a despenalización do amancebamento e do adulterio.

O Compromiso pasa por ser unha das películas menores de Elia Kazan. Porén, para min, é o resumo final da súa obra artística. Lin non hai moito a novela homónima - evidentemente con moito de autobiografía dentro - feita por el mesmo, e como o avestruz prefiro o celuloide á celulosa.
Un home agoniado pola muller, pola amante, polo pai, polo traballo, polo nivel de vida que os demáis desexan que conserve. Un home que o único que quere é estar deitado na herba vendo pasar as nubes.
Magnífico Kirk Douglas, como sempre. Feito curioso: o pai del nesta película (Richard Boone), na vida real era mais novo ca el.

Elia Kazan fixo verdadeiras obras de arte, pero como Caravaggio, semella recomendable afastar a súa vida do seu traballo. O que sei del como persoa convida á desconfianza e mesmo ao desprezo. Pero conseguiu que as súas películas tiveran vida propia, que amosaran as persoas e as súas contradiccións.

2: "Lume no corpo". "Body Heat"
Asasinato. Avogado.

A clásica historia pero contada como nunca por un director na súa ópera prima. Fai moitísima calor na Florida, os corpos non paran de suar, e no medio daquela humidade un comprende perfectamente os actos que decide realizar o avogado Ned Racine, interpretado convincentemente por William Hurt. Supoño que eu ( que calquera) naquelas circunstancias ( ou como Burt Lancaster ante Ava Gardner en "Foraxidos" "The killers" ) actuaría igual se o que está diante é o corpo, a boca, as curvas e a voz de Kathleen Turner.
A miña admiración por Lawrence Kasdan, a súa dirección e por riba de todo, polos seus diálogos:
a)
- Necesito unha muller que me alise as sabas, que de unha masaxe aos meus cansados músculos.
- Case.
- Necesítoa só para esta noite.

b)
- Non debes vestir así.
- Non sei a que te refires, isto non é máis que unha camisa e unha saia
- Entón non deberías levar ese corpo



3: "Testemuña de cargo". "Witness for the prosecution".
Cine de xuízos. Avogado

Un venres á noitiña, ao remate desta película no programa "La Clave" dirixido por Jose Kuis Balbín, eu dixen "quero ser avogado", (duroume o que tardei en ver Starsky e Hutch e decidir ser policía, ou ver Lou Grant e ser xornalista).
Cómo non querer ser coma sir Wilfrid Robarts nesta película hithcokiana dirixida por Billy Wilder sobre un texto de Agatha Christie?
Mostra inequívoca de que Billy Wilder sabía as chaves de tódolos xéneros cinematográficos - agás o western, que non se atreveu a realizar -.

4: "Milagre en Milán". "Miracolo a Milano"
Expropiación

Unha fábula preciosa que remata o neorrealismo ( que deixa a súa herdanza nas esceas iniciais) e que é un marabilloso alegato a favor da solidariedade entre os homes. Cada vez que vexo un debuxo de Forges nos que aparecen poderosos banqueiros alí volto a esta película con recendo chapliniano.

Como dicía o admirable De Sica, ao cabo van todos xuntos, non importa se cara leste ou oeste.


5: "A costela de Adán". "Adam's Rib"
Cine de xuízos. Avogados

Podería ter escollido outras de George Cukor ( Historias de Filadelfia é insuperable), pero esta é clásica pola súa actual oportunidade, e porque as sucesivas visións non a empequenecen senón a agrandan. Spencer Tracy foi posiblemente o mellor dos actores de Hollywood ( mañá opinarei que o mellor foi Henry Fonda ou Cary Grant ou James Stewart... ) e nesta película resulta conmovedora a súa interpretación dun home agarimosamente impaciente e no fondo irrefutablemente triste.
E a canción sigue na memoria.

6: "Tres cores: Vermello". "Trois couleurs: Rouge"
Escoitas ilegais. Xuíz

Síntome identificado con dous personaxes. Sinto que un deles foi escrito e vivido por min. Non é a primeira vez que o cine de Kieslowski - e a música de Preisner - me provocan tales reaccións. Doe de tan real que é.


7: "Atraco ás tres". "Atraco a las tres"
Roubo.

No medio do franquismo gris ábrese unha xanela alegre de puro arte. Demostra que a comedia é o mellor instrumento para facer crítica. Descobrimos como eran as relacións entre homes e mulleres naquela época, ou as clases sociais. Jose Luis López Vázquez, Manuel Alexandre ou Alfredo Landa merecerían un monumento agora que están vivos. A película de Forqué vale máis que cen conversacións de Salamanca porque confirmando aquel resumo tamén se demostra que no medio do alcatrán, ás veces, sae unha flor.

8: "O home que matou a Liberty Valance". "The man who shot Liberty Valance"
Homicidio.

O grande John Ford principia a se decatar que os tempos van mudando. Con esta película, resumo de todas as do "Oeste", culmínase unha carreira deixando como herdanza este western crepuscular, nas que as paisaxes trocaron definitivamente. Compróbao o senador e a súa muller cando voltan ao funeral dun home bo, digno e infinitamente triste na súa desesperación. As imaxes falan de sentimentos aínda que os personaxes non digan nada. Qué ben están James Stewart e John Wayne, xunto coa figura totémica dese actor de corpo inesquecible, Woody Strode.

Etiquetas: ,

12 Comentarios:

Blogger Ana Bande said...

Este post eleva os "memes" á categoría de xénero literario. Orixinal, si señor, e ademáis unha boa escolma de películas ás que voltar de contado...¡apertas!

12:30 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

De acordo coa señorita Bande. Delicioso.

10:14 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

Co teu permiso, vou repetir o comentario que lle puxen ó Raposo, que tamén el fixo coma ti.
Dúas das que citas figuran entre as miñas preferidísismas: Testigo de cargo e Lume no corpo.
Eu vou poñer 8 rodadas ata 1968, ano aquel no que eu cumplin os meus primeiros 20 aniños...
Por orden de aparición:
1. El gran dictador (Charles Chaplin,1940). ¿Que podo dicir? Obra maestra de Charlot, que era moito Charlot.
2. ¡Que verde era mi valle!(John Ford,1941). Vina de neno e ¡gustoume tanto! Quedei enamorado de Maureen O'Hara para sempre...
3.La reina de África (John Huston, 1951). Tiña que poñer unha de Katharine Hepburn, outra reina do cine, e como aquí tamén está Humphrey Bogart, pois mato dous paxaros dun tiro.
4.De aquí a la eternidad (Fred Zinnemann, 1953) con Burt Lancaster, Montgomery Clift e Deborah Kerr. Aquí cambien Maureen por Deborah...
5. La ley del silencio (Elia Kazan, 1954), con Marlon Brando.
6. Canción de cuna para un cadáver (Robert Aldrich, 1964). Aquí quedei prendado de Bette Davis, sejuramente unha das mellores actrices da historia do cine. Olivia de Havilland era máis guapiña, pero...
7.Becket (Peter Glenville, 1964), a miña preferida, con Peter O'Toole, un monstruo, o meu preferido, e Richard Burton, que tampouco era manco.Impresionante man a man.
8. En el calor de la noche (Norman Jewison, 1967), con Sidney Poitier e Rod Steiger.

Perdona a lonxitude do comentario...

10:18 da tarde  
Blogger Mario said...

Moi boa escolla e súmome á opinión dos anteriores comentaristas. A min tamén me pasou isto con Kieslowski, aínda que sempre gostei máis de Azul e aínda de Branco.

8:48 da manhã  
Anonymous Anónimo said...

Non quero deixar pasar o tempo sen felicitalo pola escolla e pola presentación. Pero aínda lle farei un comentario máis cando pasen estes días de certo agobio pola miña banda. Non é amenaza: é aviso.;)

4:44 da tarde  
Blogger bouzafria said...

Acabo de chegar a casa.Veño de facer un maratón Vigo-Santiago-Ourense-Vigo, que xa comanterei máis de vagar: o atraco das autoestradas, a conducción temeraria e estúpida en Vigo, a desfeita da saída centro en Ourense...
Estou canso ( "lavorare stanca" segundo o Cesare )pero a noite é maís alegre ante os vosos xenerosos comentarios.
Arume: déixame intrigado, e xa lle anticipo un proverbio xadrecístico, dos que tan ben coñece ninsesabe: a ameaza é máis poderosa que a execución.
Mario: eu non lle collín o punto a branco. Azul é marabillosa a pesares da tristura que trasega. A música de Preisner é excelente.
Ninsesabe: De aquí a la eternidade é unha grandísima obra mestra; é que guapísima estaba Donna Reed. Nalgunha das esceas tanto Montgomery Clift coma Frank Sinatra estaban bébedos de verdade. Supoño que xa saberá que seica o personaxe de Johnny Fontane do padriño está baseado en Sinatra e os seus aconteceres para obter ese papel nesta película.
Graciñas pola vosa amabilidade.

P.S:Na aldea paterna os xabaríns están a baixar na procura de comida, alagando os campos pricurados.

9:45 da tarde  
Blogger Manuel Ángel Candelas Colodrón said...

Kazan non é dos meus favoritos e comparto con vostede o noxo pola súa decisión traidora. Non soporto tampouco o seu gusto (o de Kazan) polo histrionismo e a moralina.
Lume no corpo é dunha intensidade erótica impresionante: eu alcancei ese estado en París nunha desas canicules tan insólitas. Bañabamos con xeo na bañeira. E non digo máis.
As pelis de Azul, branco e bermello non resisten o paso do tempo para mín. Volvín ver unha delas na televisión e acabei cun capítulo, que xa vira ademáis, de CSI en non sei onde.
Todas as demáis son obras mestras, se miren por onde se miren. Pero o de Liberty Valance é para categoría superior e Charles Laughton en Testigo de Cargo é antolóxico.

6:49 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

Pois non, non coñecía ese dato. Sempre aprendo aljo cando entro aquí...

8:24 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

Muy buena la TV Movie de Miguel Bardem y Nacho Faerna, sobre el magnicidio de Carrero Blanco.......Agentes Clave Sena y Tormes....

6:06 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

¿Conducción "a la portuguesa" en Vigo, Pontevedra?

6:07 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

El hombre que mató a Liberty Valance (Tom Doniphon, película admirada por eduardo torres dulce y lifante.....

6:09 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

delicadinho do 5º (finto omosessuale, se hacer pasar por homosexual)

9:29 da manhã  

Enviar um comentário

<< Home