09 setembro 2009

O Bispo


Nunha moi interesante obra o dominico Jacobo de Cessolis utilizou o xadrez para argumentar a conveniencia da inmobilidade das clases sociais. No opúsculo, Liber de móribus hóminum et de officiis nobílium súper lúdum scacchórum, ( traducido en 1549 polo licenciado Reyna ao castelán co título Dechado de la vida humana moralmente sacado del juego del ajedrez) comparaban as dezaseis pezas que cada xogador ten co seu correspondente oficio, arte liberal ou dignidade do mundo real. As comparanzas son ben divertidas: o Rei é o Rei, e a Dama xadrecística e a Raíña. As Torres son os Señores que campan nos castelos e os Cabalos de madeira representan aos cabaleiros, aos oficiais do exército. Os Bispos son o que son e o que representan, nunca mellor reflictidos na peza que vai de esguello, en diagonal, que se desliza sen saír nunca do seu rego.
Sublíñase o feito de precisar ben quen rodea á Raíña, aqueles que a poden ver no íntimo, pois nada máis que o Rei a súa dereita (nas pezas brancas); o peón que representa ao Médico, fronte ela; e máis a súa esquerda o Bispo confesor, serán os únicos que poderían ver espida a súa maxestade.
O poder dos bispos é poderoso pero camuflado.

Os tempos pasan pero nalgunhas representacións da realidade poucas cousas mudaron. Falo agora dun home nado no corazón de Galiza, en Touro, de 75 anos e Ordinario do meu lugar. Sete persoas acudimos a unha cita co Bispo de Tui-Vigo, José Diéguez Reboredo, a comezos de xullo para solicitar respectuosamente información sobre a posesión da casa reitoral da aldea onde paso as vacacións. A asociación de veciños, da cal formo parte e por esa cualidade fun convidado a esa cita, descubriu intres antes do comezo da entrevista, que o Párroco da aldea, José Juan Sobrino Pino, mentiu desde o púlpito a toda a parroquia, cando mesmo o 21 de xuño dicía non coñecer nada sobre unha posible venta desa casa e despois os documentos acreditaban que o anterior 15 de decembro fora el mesmo quen acudira ao notario para formalizar a venda do inmoble: unha casa reitoral en bo estado de conservación con 5.000 m2 de finca pola modesta cifra de 60.000 euros pagadeiros en seis prazos sen xuros. O comprador: funcionario da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, (baixo Sicart, baixo Felipe Arias, baixo Rey Pichel) nos Basquiños, cun traballo consistente en restaurar mosteiros e igrexas, a quen lle agradece o clero o seu empeño e cariño.

Na triste e modesta residencia da Guía celebrouse a reunión co Bispo, que durou algo máis de dúas horas, das cales súa Eminencia fixo posesión da palabra nunha porcentaxe abraiante e ao estilo recoñecible no clero: suave nas formas, implacable de fondo. Os sete representantes veciñais usamos a língua galega, mentres que o señor Bispo, galego de Touro, repito, non se baixou do castelán.
Dúas horas de mentiras proferidas polo vicario de Cristo para a parte sur da ría de Vigo ata a fronteira do Miño ( que non é fronteira senón arteria, en fecundas verbas de Xurxo Souto).

Facéndolle honra a Jorge Luis Borges, o noso Bispo foi merecente do cualificativo de oblicuo e sesgo.

Mañá, se cadra, descendemos no escalafón.

Etiquetas: , ,