18 novembro 2009

Alakrana. Ideas rápidas

Unha das frases que maís me gustan de Álvaro Cunqueiro, e non me gustan poucas, foi dita cando o grande escritor mindoniense estaba a cotío embarullado no balbordo ocasionado polo seu traballo como director do Faro de Vigo. Dixo: gostariame dirixir un xornal que saíra á rúa unha semana máis tarde de acontecidas as noticias; comprobariamos como trocarían as informacións e as opinións que son publicadas pola prensa normal.

Eu ultimamente voulle facendo caso a aquel que xaz pertiño de Pascual Veiga e que coa súa obra fixo que Galicia durase mil anos máis, e por conseguinte vou deixando pasar a rabiosa actualidade sen anotar nada, ou a distancia suficiente: a preguiza, a falta de tempo, o novo xoguete do facebook e a Teoría do Big Band. Pero fago unha excepción, e aproveito a noite da liberación do Alakrana para expor o que me suxire o que pasou durante o último mes e medio.

1. Goberno de España: Aparentaron división interna, manifestáronse eivas de comunicación, e sen embargo creo que o seu traballo foi esencialmente correcto atendendo ao resultado e as alternativas reais. Déixaronme a sensación - satisfactoria - que barallando moita información mantiveron a calma e a discreción.

2. Oposición: As primeiras opinións sobre o caso manifestadas polos voceiros estatais do Partido Popular déronme noxo, esquecendo o mínimo requerido de lealdade institucional e sen lles importar tanto o desenlace do conflicto coma o posible rédito electoral posterior. Afortunadamente, e por unha vez, as declaracións de Alberto Núñez e de Basagoiti en Euskadi aportaron sensatez e control e reconduciron aos compañeiros madrileños.
Todo o que escoite do BNG, sinaladamente Bieito Lobeira, e de Izquierda Unida pareceume impecable.

3. Prensa escrita: Cabe distinguir entre a seria e a amarela ( que tanto en Galicia coma en España non depende do volume de ventas ou distribución ). A seria estivo máis ou menos contida. A amarela fixo honra ao alcume e botaron por fora, arreándolle ora a Garzón, ora a Zapatero. Cando o oficio de informar está pasado polo cedazo da manipulación mal resultado vai dar a opinión resultante.

4. Xustiza: Indebidamente tratados os xuíces da Audiencia Nacional, penaron por culpas alleas. Non é necesario un máster para comprender que hai diferenzas notabilísimas entre os xuíces dese tan peculiar órgano xurisdiccional. Santiago Pedraz leva tempo inspirándome confianza. Por outra banda constatamos que Garzón sufriu unha persecución ad hominem.

5. Armadores: Supoño que cando veñen ben dadas vai ao seu haber os beneficios que deixen os seus barcos. Sensu contrario...

6. Mariñeiros: Escoiteilles pedir ao Goberno do Estado que fixeran tal e cal cousa que facilitarían a súa liberación. As súas conductas entran na categoría de inesixibilidade. Eles poden falar, outra cousa é se se lles pode facer caso. Veume varias veces á cabeza durante estes días a conducta de Aldo Moro nos seus últimos días de vida, cando retido polas Brigadas Vermellas, solicitaba ao seu goberno que accedera ás pretensións dos terroristas. Quen non faría o mesmo?

7. Familiares dos mariñeiros: Idéntico criterio de inesixibilidade. A diferenza das súas primeiras declaracións trala liberación, teño o convencemento de que a súa conducta entorpeceu máis que axudou. Só o final, cando gardaron silencio, parecéronme útiles, pero é imposible poderlles esixir outra cousa distinta ao que fixeron.

8. Piratas: Para estar famélicos e fumados como dicían algúns, conseguiron levar a axenda informativa do asunto de xeito impecable.

Conclusión 1ª: Mañá pola mañá os que máis erraron vanlle dar caña ao Goberno. Goberno que por prudencia debería non respostar as acusacións. Cómpre adoptar medidas que reduzan no posible a repetición de sucesos semellantes.

Conclusión 2ª: Alguén se preguntou cal é a causa de tantos incidentes no Índico? Que leva aos piratas a se converter en tales? Teñen alternativas? Os países so primeiro mundo, teñen algo que dicir sobre o estado da situación naquela zona?

Etiquetas:

3 Comentarios:

Blogger Dilaida said...

Considero que a análise que fas é correctísima, agora comezarán as bocas negras a criticar, queríaos eu ver na situación, pero claro "a río revolto..."
Bicos

8:13 da manhã  
Anonymous Toño Randeeira said...

A análise é a que tiñan que facer os políticos pero que non van facer. Sobre todo intentar dar resposta ao punto dous. Onde está a raíz do problema?

12:55 da manhã  
Blogger Hipatia said...

Bo e completo análise amigo Bouzafria, eu engadiríalle alomenos un punto 9. Atúns: Por esta vez safamos!

1:44 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home