26 setembro 2009

Verdello rubio


Ao solpor aparezo por Velle e alí, na adega, miña curmá está a pisar os poucos acios de verdello rubio que foron recolleitos este ano. Miña tía, sentada, vainos botando dende os caldeiros. Eu, na volta a tres décadas atrás, agáchome a apañar os bagos que aparecen no chan.
Saio ao Campo e ollo, con infinita pena, ás terras queimadas. Desta volta foron poucas árbores e non moitas hectáreas, máis ben monte baixo, tanto por riba da Bouzafría que me prestou o nome como pola zona da Naveira, baixo o ceibo de Vilariño. Quen prende o lume? Por que?
Sinto que é necesario facer algo que faga mudar a situación dos montes. Mañá vou ter ocasión de falar con alguén que a cincoenta kilómetros está a facer un bo traballo de conservación e posterior rendemento.
A veciña cólleme das mans e os seus ollos encetan a se mollar ao tempo que di "canto te pareces ao pai". Ten os ollos máis bonitos que eu vin na vida, aínda agora xa ben pasados os oitenta, azuis celestes. Despídome xa case de noite, e como sempre co mesmo pensamento de se un día eu for rico mercar unha casa alí para prantar cepas e facer a vendima cada ano e despois ir morrer de vello.

Etiquetas: