25 maio 2007

Municipais: Vigo

O domingo pola noite tódalas miradas estarán postas en Vigo, aínda que de esguello comprobaremos se hai alcalde nacionalista en Ourense, se acada maioría absoluta o PSOE en Compostela e a perde na Coruña, se Ferrol deixa de votar conservador...
Pero a atención estará en Vigo porque non hai aínda agora, cincoenta horas antes, ningún indicio seguro de quen vai ostentar o bastón de mando da cidade máis populosa do país. Hai catro candidatos e os catro poden soñar en ser alcalde.
Manuel Soto devece por repeter a xogada de Rodríguez Sahagún. Difícil o ten e máis probable semella que se conforme sendo tenente de alcalde - tocar pelo, vamos, na lingoaxe taurina que tan ben coñecen por alí.
Corina Porro ten tres escenarios favorabeis: maioría absoluta, apoio do compañeiro Soto, desacordo entre PSOE e BNG. Como esta última posibilidade é utópica xa que implicaría unha crise incendiaria en toda Galicia, supoño que Corina estará pregando para que as consecuencias da Folga do Metal, e as subseguintes algaradas, lle veña no seu beneficio.
Caballero e Santi Domínguez soñan con gañarlle ao outro e que Porro non saque a absoluta.

Pasada xa o noventa e cinco por cento da campaña decátome que a mesma foi moi longa para Corina e Caballero e moi curta para Santi Domínguez, que foi indo de menos a máis, e que vai chegar á meta ao carón do socialista. Teremos que ter preparada a fotofinish. Corina volveu deixar claro a inanidade do seu proxecto, en clara sintonía co seu lema persoal: ningunha mala palabra, ningunha boa acción.

Caballero ten a rémora da vacuidade das súas verbas, da falta de entusiasmo do seu partido, dunha candidatura lamentable, onde a súa número catro puña podre publicamente sempre que tiña ocasión a súa número dous ( a alpinista Chus Lago)chamándoa - a cousa máis suave - "niñata paracaidista".

Santi Domínguez é bo candidato - e o mellor claramente dos que agora se presentan - pero tivo que ir remontando río arriba os erros pasados do seu partido e as interesadas primeirizas enquisas provintes dun medio de comunicación doutra cidade que leva tempo apostando en Vigo polos candidatos castelán falantes, e que tenta facer realidade o principio cuántico de que a medición dunha magnitude altéraa.

Como nestas eleicións voto en Vigo votarei por Santi Domínguez. E fágoo co convencemento de que sería a mellor opción para a cidade onde nacín. Como el, e os outros candidatos, non coñecen sequera da miña existencia as miñas opinións nacen libres. E como os catro tiveron opción de ostentar cargos públicos e ter responsabilidades de goberno podemos comparar. E eu, que estiven ben atento á xestión de Domínguez en Vigo e despois en Compostela, creo que saca boa vantaxe a tódolos demáis.

Hoxe non teño idea de qué pasará. E se os meus desexos se convertirán en realidade. Todo está por ver no emocionante rush final. Veremos.

Etiquetas:

5 Comentarios:

Anonymous Anónimo said...

http://www.cnt.es/noticia.php?id=3246

11:24 da manhã  
Blogger bouzafria said...

En épocas de descrédito dos sindicatos: UXT en Ferrol, CCOO en POntevedra... os anarquistas manteñen a súa inocencia. ¿Por qué estranas redes, Hipatia, chegou a esa noticia?
Por certo, increméntanse as posibilidades de que "El solitario" sexa natural de Pontepedriña: na grabación do Banco Popular de Astorga compróbase que levaba unha insignia do Real Madrid.
Oiga Hipatia, faga o favor de non estar o sábado ate as tantas no Tarasca para o día seguinte erguerse a tempo de ir votar. Non vaia ser o demo e Conde Roa gañe.

11:32 da manhã  
Blogger Mario said...

Pois eu estou ben a favor do da CNT, se non quere ir que non vaia, era o que nos faltaba.
E por certo, Ferrol nunca votou conservador nen máis nen menos, se miras os últimos resultados as forzas de esquerda e de dereita fican equilibradas e todo se decide nos pactos.

2:58 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

Estou censada en Compostela desde hai 4 anos, pero son de Ferrol, e case debo dicir que me preocupa máis o que gañe alí, porque o de Ferrol á moi triste, é para decir a famosa frase de se gaña algún marchamos...Cada vez que vou alí veño máis triste, os que gobernan Ferrol non pelexan por ela, e os que puideron cambiar algo só lles deixaron estar catro anos e con recursos esgotados. O panorama ferrolán e totalmente desolador...

9:07 da tarde  
Blogger bouzafria said...

Home Mario, no ano 2003 os resultados foron de maioría absoluta para a coalición conservadora PP - Juan Fernández. Afortunadamente para os ferroláns o experimento Fernández parece ir esmorecendo. Que Vigo e Ferrol tiveran alcaldes do PP aparentaba contra natura.
Cidades as dúas difíciles, como todas as industriais.

9:53 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home