21 maio 2007

Fracaso

Remedando a Scott Fitzgerald podo dicir que falo dende a autoridade que me outorga o fracaso. Certo é que fracaso interposto, pero ao cabo, fracaso que asumo na miña pequena parte alícuota.
O Celta vaise para a Segunda División, e deixando á marxe as consabidas queixas á directiva, adestradores, e sobre todo xogadores, quero lembrar con dor que neste descenso coinciden a víctima e o verdugo: os afeccionados.
Os siareiros que berraban ao adestrador porque é galego, fala galego, porque non é diplomático, ou porque xoga á defensiva. Qué máis da. Berrábanlle en Segunda División, berrábanlle cando clasificou ao equipo á UEFA e berrábanlle cando o rendemento dos seus mellores xogadores convidábao a marchar do equipo.
Esos mesmos siareiros que asubiaban hai poucos meses ao mellor xogador -Baiano- ou ao canteirán Oubiña por errar dous pases van sofrer dende o ano que ven varias tempadas no inferniño.
Eu hai tempo que non agardo gran cousa dos meus veciños de grada ou estadio: aqueles que reclamaban ao torpísimo pero voluntarioso Giovanella para voltear un marcador adverso; ou os que masacraron a José Ignacio ou apuparon a Karpin.
Serán minoría, non o sei; pero a responsabalidade da maioría non é calar ante a inxustiza flagrante.
Sábese que ían baixar tres equipos. Como celtista estou acostumado dende neno a que probablemente o meu equipo sexa un dos candidatos ao descenso. Por iso mágoame tanto mirar como baixa un equipo que tiña calidade máis que abondosa para non pasar problemas.
Iranse os xogadores que baixaron ao equipo. Ficaremos os afeccionados. Os que coa súa petulancia axudaron ao desastre, e os que co noso silencio cómplice coadyuvamos á calamidade.

Etiquetas:

2 Comentarios:

Anonymous Anónimo said...

Lembra: non existe o fracaso. Existe a aprendizaxe... Así que a ver se aprenden.

10:12 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

"El éxito es la habilidad de ir de fracaso en fracaso sin perder entusiasmo." (Winston Churchill)

10:38 da manhã  

Enviar um comentário

<< Home