Como non son masoquista levo anos sen escoitar a
COPE, esa cadea de emisoras de radio na que os bispos pagan fortunas a auténticos
delincuentes que pretenden outra guerra civil.
Lamentablemente non sempre podes evitar a súa audición: No taxi que sempre vai por un camiño distinto do que ti escollerías, no autobús que me leva á zona vella, na mercería, na casa da sogra...
Alí, un día de agosto, mentras eu vixiaba que os nenos mancharan o menos posible ao comer, a boa señora acendeu a radio para escoitar o parte, e eses quince minutos escoitando a radio católica foi unha experiencia dura para a miña paciencia mais enriquecedora para os mecanismos que activan a miña memoria.
Porque empecei a lembrar o que era a COPE en Vigo cando eu era neno: A emisora máis escoitada - creo - tanto en Onda Media coma en Frecuencia Modulada ( O Canal 2 de Radio Popular ). Na casa dos meus pais escoitábase ao xantar "Jaque a la Actualidad" - que encetaba coa inesquecible voz de
Mary Santpere cantando "Yo protesto..."-. Alí estaban
Segundo Mariño, Queca Merino,
Víctor F. Freixanes,
María Xosé Porteiro... Falaban galego con total naturalidade, transpiraban modernidade, progreso, novos tempos. En deportes estaba
Jaime Cros, que semellaba ser un bo tipo.
Na Frecuencia Modulada había un programa polas mañás onde chamabas por teléfono para pedir as cancións que querías escoitar - e chamaban mesmo dende Compostela. Polo serán viña "Musical Cassette", onde puñan música sen interrupcións, tamén a petición dos ouvintes, para que os interesados poideran pór a funcionar o magnetófono. Alí estaban locutores como Bouzada, e sobre todo, a voz máis marabillosa do mundo, a de Alfonso López, que aínda agora podémola escoitar na publicidade.
Boas lembranzas, pero pésima transformación.