28 abril 2006

Eleccións na USC


A Universidade de Santiago de Compostela vai escoller en poucos días reitor.
Quere recuncar o actual, Senén Barro; e quere iniciarse na magnificencia Juan Casares Long ( neste caso é obrigado sinalar o segundo apelido, non vaia ser...)
Sae como favorito e practicamente seguro gañador o señor Barro, que tivo a ben facer unha linda mestura de cores e texturas arredor da súa cadeira: dereita ( un posible candidato do PP para a alcaldía de Compostela ), socialismo e nacionalismo van da man.
Sóanme moitas das persoas que forman o seu equipo: Madó Domínguez Santos é a irmá do lembrado Guillermo, Lourenzo Fernández Prieto tén dabondo prestixio, Mª Paz García Rubio é unha profesora boa e sensata de Dereito Civil - ademáis caénme ben o marido e especialmente os fillos, xogadores de xadrez; Máximo Pló ten tamén outro fillo xadrecista, bo, por certo; e de Elías Torres Feijó teño os mellores dos conceptos, sendo por certo un excelente director do Monte da Condesa.
Aínda que non os coñezo repícanme os apelidos Vázquez Taín - o irmá foi un coñecido xuíz en Vilagarcía - e García Rodeja - supoño filla do matemático.
Aínda que o futuro da USC aféctame directamente eu non voto. E a pesares de toda esta xente valiosa nesa candidatura que veño de repasar tería boa escusas para non votar a Senén:
a) Non entro en valoracións persoais - que descoñezo-; en todo caso, e respectuosamente, políticas, pero alguén me pode explicar que fai Mayán Santos no medio?
b) Se hai ridículos vetos antes de gañar, qué pasará despois?
c) Juan Luis.

Pola outra banda, coma valente Alcoyano, vai o outro candidato, segundo contan ex-alto cargo do P.P. Deste non sei nada, agás que tamén tenta facer a mestura de Senén Barro : un socialista por eiquí, un progresista galeguista por alá...
Sabemos todos que vai perder, por moito que os indecentes media de Compostela lle dean pulos.
Levo un sobresalto cando vexo no medio do cartel de Casares Long a Juan Luis, o meu amigo.
Con el tomei varias veces as uvas no salto de ano, vivimos xuntos nun piso alugado no ensanche, e despois eu pasei noites naquelas habitacións de papel de 3x3 do Burgo das Nacións e el lembrará con agarimo o meu piso de Xeral Pardiñas.
Admirábao: Foi el quen me descubriu a Richard Dawkins, tan de moda daquela; faciamos competicións de recitaxe do capítulo 68 de Rayuela ; ou iamos xuntos xogar ao baloncesto ou colliamos o vitrasa para ir ao Vao.
Dende as prazas que viron morrer a Xoana de Arco enviábame crípticas cartas que contiñan as súas xogadas dunha inacabada partida por correspondencia.
Tivo unha época hipocondriaca, por mor de padecer unha enfermidade tropical meses atrás. Saíamos polas rúas abaixo de Vigo tendo que facer paradas horarias: tiña que se pór o termómetro, que sempre levaba encima.
Hai tempo que non o vexo, espero poder facelo nos próximos días e porque o quero preguntareille qué carallo está facendo nestas eleccións.

Non podo votar. Alédome.

1 Comentarios:

Anonymous Anónimo said...

Don José Antonio Vázquez Taín, Magnífico Magistrado Ourensano. Ha recuperado el "Codex Calixtinus" robado......

7:39 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home