15 março 2006

Cronoloxía radiofónica



Rematei o traballo en Tui pasadas as dúas da tarde. Aproveitando a proximidade co país veciño decido ir xantar a un vello sitio moi escondidinho, a ver se atopo ben o lugar, por se houbera necesidade de ir en poucos meses coa familia.
Despois dun par de voltas enfío o sitio, conducindo entre as cores celestes do ceo e o verde metálico dos eucaliptos. Hai media entrada de ocupación nos salóns da churrascaría, a metade son súbditos de Juan Carlos I. Pido "polvo asado á brasa", de sobremesa "leite-creme", e danme auga do tempo da Serra do Gerés. Coma sempre nese lugar, e na Portugal que eu coñezo, as racións son abundantísimas e o sabor moi bo.
Atopo unha curiosa semellanza entre o amable camareiro que me atende e os camareiros dos bares da Coruña que tiven a desgraza de padecer: Por moito que lles falo en galego contéstanme en castelán.
Cando volvo coller o coche acendo a radio. Alí, en Chamosinhos, escóitase perfectamente a suxerente voz de Eva Veiga na sintonía da Radio Galega. Góstame o que di, descoñecía a frase de Schrödinger - o do gato, supoño -, que di que a poesía é imprescindible para facer ciencia.
Subindo as costas de Mos mergúllome nunha mesta néboa. A rentes dos túneles da Madroa escomenza a falar Xosé Carlos Caneiro, comenta a demisión de Ánxeles Cuña Bóveda, e o que escoito de el esta vez - entrecortado polo meu paso baixo o formigón -, non me disgusta.
Pasando a ponte do Río Maior escoito un fragmento de Sari, lido polo seu autor: ten moi boa pinta. Vai desaparecendo a néboa. E por riba da ponte do Lérez aparece Xurxo Souto, como sempre de bo humor. Eu vivín dous anos con dúas rapazas estudiantes de filoloxía clásica. Nunha das noites de festa que comentei onte, apareceu polo piso Xurxo, líder xa daquela entre os seus compañeiros de carreira, sempre rindo e sempre dicindo cousas interesantes. Vai facer, canto?, dezaoito anos?. Juventud divino tesoro te vas para no volver.
E chegando a Compostela é a bonita voz de Uxía Senlle a que escoito.
Aparco no Campus, o ceo tamén é aquí azul. Hai parellas retozando sobre a herba. Partidos de tenis, baloncesto, futbito. Chegou a primavera.

1 Comentarios:

Anonymous Anónimo said...

Estas crónicas gastronómicas, serán, sin duda, del agrado del gran Víctor de la Serna......

1:32 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home