24 abril 2006

Violencia no ámbito doméstico



Cando cheguei a Compostela mandeille unha postal do Campus a Pedrín, era unha escea primaveral. Cando vexo fotos semellantes penso en el e nos seus orfos irmaos.

O primeiro contacto máis ou menos directo co tema da violencia no ámbito doméstico foi hai vinte anos. Estivera traballando dous anos na Praia de Palma e o meu compañeiro de praia, no Balneario 0, era alcumado Pedrín polo inspector da compañía pola súa aparente semellanza co compañeiro de Roberto Alcázar. O pai de Pedrín era un garda civil de tráfico andaluz, pai de oito rapazolos. Xa de volta en Galiza, na primavera seguinte, mentres eu tentaba chapar as respostas das clásicas cincoenta preguntas que sempre facía o xenro de Carl Schmitt, chegoume a desagradable nova do suicido do pai de Pedrín após asasinar a súa parella.

A segunda vez foi co meu primeiro xuízo, onde exercín a acusación contra un home que lle pegara a súa daquela muller na casa e diante dos fillos: afortunadamente as lesións foron leves. Meses despois, seis ou sete, xa separado o matrimonio, celebrábase a vista oral. Nunca se prepara tanto un xuízo (ou unha cita) coma cando é o primeiro. Estaba moi nervoso e a noite anterior decidín contar as miñas cuitas no medio do Atlántico. Recibín o ánimo de Guille e Pili e máis do que sería meses despois colega esporádico de profesión: Ladislao Couto.
O asunto saliu ben: Na solicitude de pena a fiscal pedía unha forte multa. Eu opúsenme aducindo que coa multa os prexudicados serían os fillos da parella e a propia víctima, e reclamei a pena de arresto domiciliario os fins de semana.
Como o procedemento caera nun Xulgado cun Xúiz dilixente só agardamos pola sentencia un mes.

Nestes últimos sete anos houbo unha cantidade intolerable de mulleres que perderon a vida do xeito máis estúpido que se poida un maxinar.

Eu critiquei aspectos formais da Lei contra a violencia doméstica que xurdiu nada máis gañar Zapatero as eleccións hai dous anos. Penso que é torpe nalgunhas cuestións pero é probable que esa Lei manifestamente mellorable poida ter salvado moitas vidas.

A miña penúltima comparecencia nas salas dun tribunal foi nun Xuízo Rápido contra un home que doce horas antes lle tirara do pelo a súa moza, tirándoa ao chan, e lanzándolle un mordisco no brazo ao tempo que a insultaba e ameazaba. Era a primeira vez que a agredía. Esta vez tanto a Fiscal como a acusación particular estabamos de acordo coa solicitude de pena, que resultou ser, entre outras cuestións, a de prisión por un ano e prohibición de achegarse a menos de 500 metros onde esté ela ou tentar comunicarse de calquer xeito coa rapaza, todo iso no prazo dun ano e nove meses.
O xúíz decidiu a suspensión da pena de entrada en prisión, sempre e cando nos próximos dous anos o home non cometa ningún tipo de delito ( está incluido o quebrantamento da prohibición a achegarse ou comunicarse).

A sentencia foi dictada e impresa doce horas e media despois de ocurridos os feitos, e apostaría, e desexo non ser un pardillo, que ese home non vai delinquir nos próximos dous anos polo menos.