02 março 2009

A autoridade do fracaso

A autoridade do fracaso propio:
A primeira vez que fun votar achegueime ao Conservatorio de Vigo, o antigo fogar de Moisés Álvarez, un chalet bunkerizado no Castro de difícil descrición arquitectónica, e deixei meu voto sobre un referéndum "de entrada non" pero de saída tampouco, que fora pertinentemente glosado por Javier Krahe en "Cuervo ingenuo". Dende aquela, sempre, sempre, sempre, sempre, sempre perdín tódalas votacións nas que participei. Ás veces, a derrota é doce por mor de forza maior, como o acaecido o 14 de marzo de 2004. Pero nunca unha derrota foi tan triste, desesperanzada e deprimente coma a de onte.

A autoridade do fracaso alleo:

Psoe: Érrase Ricardo Varela magoándose da coalición cos nacionalistas. Antes de agora e nos vindeiros vinte anos a única opción que van ter de tocar poder vai ser mediante acordos. Deberían reflexionar antes nos erros da cohabitación que no feito en si do bipartito. Dende os tempos da transición ( realmente dende o ano 1940, á forza aforcan) Galiza é socialmente conservadora. E a manida teoría de que os vellos votantes do P.P. van morrendo ten a eiva aritmética da incesante pinguela de neo-pijos que van xurdindo. Como a tendencia natural de persoas e de organizacións é a de procurar as culpas no veciño, de confirmarse iso, teriamos unha longa etapa socialista na oposición, arrastrando con eles ao ex-socio.

Bng: As forzas políticas non só teñen que elaborar o seu producto, despois hai que vendelo. Eis a rémora principal do nacionalismo galego. Unha das causas do fracaso de onte pode vir por aí. Pero non debemos esquecer o divorcio que principiou ben cedo entre o Bng gobernante e a base social que os apoiou. Onde foron os 50.000 votos que se perderon dende hai tres anos e medio? Pode que sexa xusto agora o momento da refundición definitiva dun proxecto nacionalista razoábel e moderno para un futuro inmediato, deixando atrás ancoramentos dalgún grupo que pretende influir decisivamente no rumbo a tomar e que impide o apego de moita xente á casa común do nacionalismo galego necesario.
Mal faría o Bng en identificar en exclusiva a responsabilidade do mal resultado na violencia mediática ou na deslealdade tradicional do ex-socio. Como a tendencia natural de persoas e de organizacións é a de procurar as culpas no veciño, de confirmarse iso, teriamos unha longa etapa nacionalista na oposición, arrastrando con eles ao ex-socio.

Etiquetas:

1 Comentarios:

Blogger J. said...

Bng: As forzas políticas non só teñen que elaborar o seu producto, despois hai que vendelo. Eis a rémora principal do nacionalismo galego. .

Parabéns por esta atroz autocrítica. Alegra atopar a xente lúcida dabondo coma para decatarse que o principal problema do Bloque é a propaganda.

11:34 da manhã  

Enviar um comentário

<< Home