17 outubro 2007

Grupo Salvaxe

Nas vacacións do nadal de 1984 fun aos Multicines Norte de Vigo a ver "The Wild Bunch", "Grupo Salvaxe", acompañado por Claudio Cameselle, amigo e compañeiro de pupitre, e que nestes intres debe andar pola University of Illinois at Chicago.

As referencias que eu tiña eran magníficas, por mor da crítica positiva verquida nun libro sobre cine dunha colección chamada "Biblioteca RTVE", e da que xa non lembro o seu autor.

Quedamos loxicamente impactados ante a visión desa película, e máis aínda o día seguinte cando os xornais trouxeron a mala nova do pasamento o día anterior do director da película: Sam Peckinpah.

Esa fita converteuse nunha das miñas películas de cabeceira, ás que acudo periodicamente para comprobar - como ben dicía Woody Allen nun dos seus contos -, que as obras mestras mudan cada vez que as observas, descubrindo cousas novas.

Coincidía o meu gosto con algúns dos amigos que anos máis tarde fun facendo grazas ao xadrez. Aínda agora, cando nos atopamos, podemos discursear sobre esa película ou os seus significados. Subliño que o maior defensor de Grupo Salvaxe foi o noso amigo xa falecido, o profesor de Filosofía Guillermo Domínguez Santos, que vía nas esceas finais a confirmación dos kantianos imperativos categóricos e unha soterrada poesía de amor á amizade e a dignidade.

No caso de Guillermo uníase ademáis a súa enciclopédica cultura e os seus vastísimos coñecementos históricos, mesmo da cronoloxía das sucesivas revolucións mexicanas e os subseguintes trocos de goberno; historias de Carranza, Huerta, Madero, Villa e Zapata. Nos últimos anos da súa vida non faltaba no radiocassette do seu coche un completísimo repertorio de corridos revolucionarios mexicanos, que cantaba de viva voz mentres iamos xogar algún torneo. Realmente cantabamos todos, o que isto escribe máis Marcial Gª Carbó, probablemente o xogador galego con máis talento para iso do xadrez da historia; e máis Carlos Pena, un experto laskeriano en remontar malas posicións: os dous xogadores cos que eu teño na miña contra un score máis desfavorable.

Teño a película en VHS e agora, aproveitando un deses viaxes lóstregos a Madrid con parada na FNAC, tamén en DVD. Hai unha diferenza fundamental entre as novas versións e aquela película que eu vira no cine o día da morte do seu director: A do cine estaba mutilada, supoño que por causa da censura. Non só o feito de que os primeiros balazos que recibe Pike Bishop disparados por unha muller e un neno non están na primeira versión que eu vin; senón o que me pareceu máis impactante: a mutilación completa da escea na fuxida polo deserto cando os foraxidos deciden practicar unha eutanasia activa a un dos seus compañeiros.

Nunca William Holden, Robert Ryan ou Ernest Borgnine estiveron mellor que nesta película. É difícil facer mellor unha escea que a da despedida do Grupo do poboado mexicano, mentres soa "La Golondrina".

Os que xogamos ao xadrez sabemos que en galego, a peza que só pode mover en diagonal, chámase Bispo; e en inglés Bishop, como o personaxe encarnado por William Holden. Nesa sutileza erra a película, pois coas súas virtudes e tamén cos innumerables defectos, Pike Bishop ía sempre de fronte, non de esguello.

Etiquetas:

3 Comentarios:

Anonymous Anónimo said...

Aínda parece hoxe k me parto vendo a Guillermo imitar ó vello despois do atraco cando paran a contar as ganancias e ven que son arandelas de ferro -"os creiais muy listos y os la han dado con queso"-, cando se burla de todos eles e se escacha de risa pola súa torpeza.... un dos grandes momento da peli para min pois en poucos segundos unha tensión inaudita que parece que vai terminar en balacera troca en risas, eles así o deciden e todos se tronchan a rir, maxia da risa como remedio e saída sempre tanxencial dos problemas. E logo nos títulos de crédito así aparecen tódolos personaxes, xa mortos,... rindo. Tamén lle gustaba moito a Guillermo cando lle matan o pobre canario á pobre puta...saen da casa... apenas un breve: “-Vamos. -Por qué no?”, para ir directos á masacre final, que parecía que uns poucos tiros non querían provocar, que a todos sobraba aquel caprichoso xefe, polo que se necesitaba un morto máis que catalizase o desexado desastre.

http://es.youtube.com/watch?v=v9wdzSP73XQ

11:15 da manhã  
Blogger Raposo said...

Para min é unha das mellores películas do oeste xunto con Sen perdón.
E Sam Peckinpah un dos mais grandes.

12:27 da manhã  
Anonymous Anónimo said...

Mi querido amigo, el encontrar esa referenica a mi nombre en tu blog, con incluso la referencia a mi estancia en Chicago.... bueno, me ha hecho pensar y me ha llevado atras en el tiempo, hasta aquella tarde en el cine.... estas navidades estas invitado a una cena en mi casa.... así podremos volver a charlar, como en aquellos años.... y ademas tengo una buena coleccion de peliculas buenas, de las de antes.... tal vez nos apetezca ver alguna... (ya sabes cual es mi e-mail... y mi telefono... nos vemos)

7:30 da manhã  

Enviar um comentário

<< Home