17 abril 2007

A miña radio

Onde eu noto máis visible o troco de goberno no noso país tras os infinitos anos do fragairibarnato é na Radio Galega. A modiño, como o noso orballo que vai callando silandeiro, ese medio de comunicación público, converteuse no meu "media" de cabeceira. Os trocos realizados dende a nova dirección non só tiveron que ver cos contidos, senón tamén cunha ética da información e cun sentido claro de servizo público, fora das urxencias das radios comerciais. Hoxe podo dicir que xa considero a Radio Galega como miña propia.
Ao tempo que escribo estas liñas estou escoitando a excelente e marabillosa Boca da Noite de Quico Cadaval. O pasado sábado disfrutei coa entrevista que Rivadulla Corcón partillou con Lupe Gómez. O extrarradio paréceme unha boa mostra de programa moderno e ben interesante. Continuan as vellas cousas boas como o imprescindible Diario Cultural, ou o necesario Lume na palleira. E son dignos os longos magazines da mañá e da tarde: particularmente estou engaiolado coa voz de Susana Rois, eu non digo nada.
Tino Santiago fai un entretido noticieiro nocturno e polas mañás o faladoiro adoita ter calidade nas opinións, pero onde eu fico máis pasmado é na escoita de Aberto por Reformas, co entusiasmo inesgotable de Xurxo Souto.
Parafraseando a Brétemas, desexo expresar as miñas beizóns á Radio Galega.
Sei que todo sería mellorable, pero non é xusto queixarse. Fixeron traballo dabondo en tan pouco tempo que todo o que despois veña sería a beneficio de inventario. Recoñezo que na miña Radio non hai unha enciclopedia humana como a ten a Ser na persoa de Carlos Elordi ( e hai anos Antena 3 tiña no sabio Santiago Amón ) , e que lle faltan probablemente máis contidos humorísticos ( aí gañaría inevitablemente a Cadena COPE, que ben mirado, ten unha programación de risa a tempo completo).

Pero volvo dicir: ogallá todo o país tivera cambiado tanto e tan para ben como fixo nestes case dous anos a Radio Galega.

Etiquetas:

6 Comentarios:

Anonymous Anónimo said...

Súmome ao entusiasmo polos programas de Corcón, o Diario Cultural e a tertulia da noite con Tino Santiago. Unha aperta.

6:33 da manhã  
Blogger Mario said...

Bótalle unha ollada á radio océanica que che está moi ben. http://www.radio-oceanica.net/
Eu cando era (máis) novo escoitaba moito a radio galega, tamén viamos a televisión na casa aínda que xuraramos en arameo toda a familia cando saía o primeiro péndulo de reloxo que foi presidente dun país. Dalgún xeito contribuía á normalidade, dábache a sensación de que as cousas eran posíbeis e que a extinción lingüística non se daría nunca, porque todo o mundo falaba galego, aínda que dixesen animaladas... O certo é que xa se me pasou e agora teño unha teima aos medios de comunicación indíxenas que só me deixa escoitar unhas cantas cousas, como o programa de arriba. Para o demais perdín hábito, agora prefiro sintonizar radios brasileiras ou italianas pola internete.

6:36 da manhã  
Anonymous Anónimo said...

Coincido contigo de que o cambio na Radio Galega foi espectacular e para nada comparable co que está a pasar na televisión que, pese ós trocos, continua a emitir moitos programas arcaicos e aburridos (aínda que se comparamos cos demais canles por aí se levan).
Parabéns para o novo estilo de radio galega.

8:19 da manhã  
Blogger Marcos Valcárcel López said...

Concordo con esas beizóns á Radio Galega, que está facendo un esforzo normalizador importante (xa antes do cambio de goberno, tamén). Os resultados son mellores que os da TVG porque son medios diferentes e no campo televisivo supoño que hai moito medo a rachar inercias e perder grandes audiencias.
Eu tampouco escoito moito a radio, só no coche e cando viaxo, pero combino a fidelidade á Radio Galega coas noticias de Radio 5 e os excelentes programas musicais e culturais de Radio 3 (son un fan do Trébede, por exemplo).

12:59 da tarde  
Blogger Ninsesabe said...

Efectivamente estou de acordo: a Radio Galega mellorou sensiblemente.
Non coñecía a recomendación de Mario, moi interesante.

2:24 da tarde  
Blogger bouzafria said...

Supoño que algo terá que ver o regueifeiro ( teríanlle que facer un monumento ) niso da radio-oceánica.
E como di Marcos, as inercias da tele son máis difíciles de parar.
Só teño unha queixa para a radio: nos magazíns teñen o mal costume de entrevistar a profesionais galegos que respontan en castelán, como se non houbera médicos, físicos, químicos ou xuristas que utilizaran o noso idioma. Excepcións gratificantes: González Juanatey, Jorge Mira ou Ana Löpez Suevos, por exemplo.

9:53 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home