Berlín - Compostela

Berlín e unha cidade fotoxénica xa dende antiguo. Billy Wilder fixo nela dúas estupendas películas: "Berlín Occidente" e "Un, dous, tres".
Coa caída do Muro naceu a posibilidade de facer ficción sobre o paradoxo xurdido na coexistencia de dous mundos distintos vivindo na mesma cidade: A marabillosa "Good bye Lenin" coa namorable Chulpan Khamatova e o encantadoramente riquiño Daniel Brühl. E a premiada "Berlin is in Germany" dirixida por Hannes Stöhr.
Hannes Stöhr aproveitou a súa estadía en Compostela para facer amigos, ir pola Nasa, facer malabares, asistir a clases de xadrez, e aprender o noso idioma, o galego, como consta na súa páxina web.
Cando se esgote o tema da anacronía xermana, estaría ben que o amigo Hannes voltara por estas terras e fixera outra película cun tema semellante pero noutro lugar: Suxiro Compostela.
Mentres nalgunhas aulas da Universidade discútese sobre a teoría das Supercordas, non máis lonxe de trinta kilómetros hai lugares onde non teñen auga da traída. Ao tempo que algúns intelectuais elaboran discursos sobre o azar e a necesidade, ben perto de alí, os días de votacións, os prohomes de cada parroquia carretan aos seus veciños cara aos Colexios Electorais. Na terra onde hai un excelso cinema de animación, ou compañías punteiras tipo Blu:Sens, non desaparece a autoxenreira, o complexo de inferioridade, a negación de seres quen son.
Hai tema para unha película, e estaría ben que un individuo de fora fixéranos un bo retrato.