26 outubro 2006

Regreso á infancia

De neno eu ía ao parque infantil do Castro en Vigo. Eran dous espazos que estaban comunicados por unha pequena ponte sobre a rúa. Creo que agora, que xa non existe esa ponte, chámase ese sitio parque Charlie Rivel. Daquela os bambáns e demáis brincadeiras eran de ferro, saíndolle a ferruxe, e case dende a Praza de España podíase escoitar ás anillas ao petar contra a columna, ao xeito de badaladas infantís. Hoxe desapareceron do Castro aqueles xogos sendo substituidos por outros máis modernos, de madeira e corda, sen dúbida menos perigosos.
O pasado 2 de setembro a miña familia e máis eu achegámonos á Salvaterra de Miño ao Festival da Poesía do Condado, convocados pola excelente música para nenos e maiores de Mamá Cabra.
Alí, no bonito Parque da Canuda, a rentes do Miño, atopei todas aquelas randeeiras vellas de ferro que trinta anos atrás servían aos nenos de Vigo e hoxe valen para os desta beira do río. Emocioneime. Recoñecinas de inmediato: un non se esquece dos vellos compañeiros de xogo. Alí estaban todos eses artefactos ferruxinosos que eu pensaba mortos nunha chatarraría pero aínda vivos e recén pintados non lonxe da cidade natal.
Hei voltar, non só para escoitar poesía e música senón tamén para bambearme nas vellas lembranzas de tempos xa fuxidos.

7 Comentarios:

Blogger Moralla said...

Ai!!! Sempre voltamos á nosa marabillosa infancia!!!! aqueles prezados anos de xogos e inocencia!!
UNHA APERTA
;-)

1:09 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

Eu tamén ía a ese parque conectado pola ponte. Agora, xa non é tan poético coma antes. Cousas do "progreso"

7:06 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

Efectivamente, no Parque da Canuda aínda perviven esas "reliquias" de que falas, moitas delas recicladas dun parque que xa non existe ao carón da vía do tren, enfronte da subida cara á Praza do Castelo, e onde eu pasei algunhas horas da miña infancia.
De todos os xeitos, fóra de sentimentalismos que confeso que tamén en ocasións me perden, se tivese fillos creo que os vixilaría con moita atención cando estivesen bambeándose neses "artefactos". Coñézoos ben e sei das lamentables condicións de seguridade en que se atopan dende hai moitos anos.
Así e todo, celebro que Salvaterra de Miño, dalgún xeito, che sirva de recuncho da memoria.

10:13 da tarde  
Blogger bouzafria said...

Aínda que a infancia no seu conxunto non sexa marabillosa, os momentos felices dela fican para sempre, ou iso coido.
O que se perdeu en poesía gañouse en seguridade. Pero o que máis me chama a atención é o control que os pais teñen sobre os seus fillos cando estes xogan. Na nosa época, non tan lonxana, nós iamos sós, ou en todo caso os nosos maiores estaban lonxe.
Acabo de ler nun comentario en dpaso: "a historia reune, a memoria divide": é posible, pero todo o que somos é memoria.

10:15 da manhã  
Anonymous Anónimo said...

Museo Quiñones de León, en "O Castro"

6:26 da tarde  
Blogger bouzafria said...

Cómo di, Filomeno? O museo Quiñones de Leon está en Castrelos.

6:30 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

Reconozco mi error. Lo que nunca me he explicado es la relación del Diplomático Quiñones de León con Galicia........(?)

6:44 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home