07 abril 2009

Xogos populares: c) A chave

A chave.
Nos seráns dos días de festa, o ferro canta en Velle a súa cantiga. Non é o bater isócrono das forxas nen é tampouco o tanxer das campás. É un soar caprichoso, agudo unhas veces e, outras mais rouco e afogado, que xurde do interior dos casares e que trai á lembranza de quen o escoita a leda visión dun xerro de viño e duns vasos acolledores.
Na Loña, na Carretera, no Outeiro, en Regoufe e ainda nalgún lugar mais, hai nas portas das tabernas ou frente á entrada dunha bodega, grupos de homes, pol-o xeral casados e de meiana edade, que se congregan darredor dun banco que sostén os úteis indispensábeis pras libacións e dun xogo de chave. Quizáis haxa no grupo algún individo preocupado pol-as custións sociaes ou pol-a política, que lea un xornal ou un folleto de propaganda revolucionaria, mais a maioría dos asistentes toma parte no xogo ou sigue con intrés os seus incidentes.
Nos seráns dos días de festa poderanse observar tamén outros fenómenos peculiares. No interior das tabernas istalaranse os devotos da brisca e do dominó e por baixo dunha solaina ou dun corredor veráse establecida algunha partidiña de julepe. Pasarán as xentes relixiosas que veñen ou volven da novena ou do rosario, cruzarán as mozas que saen ao paseo, marcharán, ben fardados ca roupa dos días de festa, os mozos fachendosos que van cortexar a algunha parroquia veciña e deambularán pol-a estrada as xentes de Ourense afeizoadas ás camiñatas. Mais ningunha distas cousas distraerá a atención dos xogadores de chave, homes graves e maduros, pra quen as rapazas e os namoros xa non teñen engado. E ningunha destas cousas terá tampouco o valor característico dunha das suas partidas, continuadas namentras haxa luz no ceo, partidas meio deportivas e meio báquicas, nas que os xogadores van e veñen, recollen e tiran, beben con presa ou degustan golosos aos grolos e enchen o ar ca canturia do ferro contra o ferro.
Porque toda a técnica deste deporte, que non precisa de grandes campos ben dispostos nen de artiluxios compricados, consiste soio en atinar cos tiros. Sinxelo como a xente que o practica, tén dabondo ca chave, cos pesos e cuns cantos metros lineares de terreo chairo e sen obstáculos que entorpezan a visión.
A chave non é mais que un vástago de ferro de 75 centímetros de lonxitude, apuntado nun dos seus extremos e que sostén no outro unha ou duas aspas, as alas, tamén de ferro, e que van providas dun alvado que lles permite xirar sobre do vástago. O tamaño da aspa maior é de 50 ou 60 centímetros, e o da pequena, que se coloca sempre por riba da outra, é de 30 ou 40 centímetros. Ista segunda aspa non aparece en todal-as chaves e coidamos que é de introdución moi recente. Os pesos, tamén de ferro, son uns discos de 6 centímetros de diámetro e de 18 milímetros de groso.
Pra xogar espétase a chave na terra deica unha fondura de 20 ou 30 centímetros, precurando que forme un ángulo de 45 grados e que presente aos xogadores a cara deitada e as alas ben de frente. Na parte traseira dispónse unha pequena excavación que impide que os pesos roden lonxe.
Tírase a unha distancia de 20 ou 30 pasos. Soio cando se trata de rapaces ou de principiantes, redúcese a lonxitude do tiro a 15 ou a 10 pasos.
No xogo poden tomar parte dous, catro, ou seis xogadores, sendo de notar que as partidas entre dous, man a man, son pouco frecuentes.
Pra xogar de catro ou de seis, tiran primeiro dous dos xogadores a escoller ou ao tanto. Nista tirada non se precura dar chave, senón aproisimar o peso o mais posíbele ao pé do blanco. O que millor atina escolle compañeiro en primeiro lugar, e unha vez isto feito, comenza a partida tirándose en cada man catro pesos, dous por un xogador dun bando e dous por un xogador do outro.
A partida pode convirse a un número calquera de xogos, dous, catro ou mais, e cada xogo dispútase a sesenta tantos, trinta malas e trinta boas, tirando dous pesos cada xogador en cada unha das mans.
Débese de advertir denantes de cousa ningunha, que istes tantos cóntanse por chaves, é decir, por cada vez que o peso bate nas aspas ou no vástago directamente e sen ter tropezado denantes na terra ou noutro lugar, e tamén pol-a distancia a que quedan os pesos, que non dan chave, da porción visíbele do vástago. As chaves contan 8 tantos e a proisimidade ao vástago 1 tanto.
Mais a contabilidade comprícase pol-a circunstancia de que en cada tirada de dous xogadores de distintos bandos, os tanteos igoaes anúlanse, non apuntándose mais que os tantos sobrantes, no caso de habelos.
Véxase os distintos casos a que dá lugar iste sistema:
a) Un xogador atina e dá chave cos seus dous pesos, ou fai uha xemela, que é como se di na terminoloxía corrente. Mais o xogador contario, que tira após díl, fai outra xemela. Niste caso non se conta ningún tanto, porque os 16 primeiramente marcados ficaron anulados pol-os segundos.
b) Un xogador fai xemela e outro dá unha chave. Cóntanse 8 tantos pro que fixo a xemela.
c) Cada un dos xogadores deu unha chave. Mírase entón a distancia a que quedaron, do pé do vástago, os dous pesos que non atinaron o tiro, e cóntase 1 tanto ao xogador que mais o achegou.
d) Cando un xogador dá chave e o contario non dá ningunha, pode valer 9 tantos pro primeiro, se o outro peso queda mais cerca do vástago que os do contario. Se é iste o que aproximou mais un dos pesos, cóntaselle 1 tanto e 8 ao que deu a chave.
e) Cando ningún dos dous dá chave, pode un levar os dous tantos se os dous pesos quedan mais cerca do vástago. Se corresponde un dos pesos mais próisimos a cada un dos xogadores, a tirada non val tantos pra ninguén.,

Como pode observarse a chave é un xogo nobremente deportivo, no que o azar está coidadosamente eliminado e que busca sempre o trunfo dos mais abelenciosos. A afición que por íl sinten os homes de Velle é inmensa, chegando algúns individuos a seres auténticos campeóns, que por veces conságranse en concursos orgaizados e regramentaos, como un que se celebrou en Sabadelle non hai moito tempo.
O intrés que se atravesa nas partidas de chave consiste, pol-o xeral, no valor duns netos de viño e con menos frecuencia no dun xantar ou dunha cea.
Iste xogo, apesares da sua extensión e da asiduidade con que se practica, foi introducido na parroquia hai 40 anos. Denantes desa data era por compreto descoñecido, e os homes adicábanse de preferencia ao xogo das chapas, que non deixa nalgunha das súas modalidades de presentar semellanzas ca chave, mais que hoxe está desbotado enteiramente, lembrándose soio díl os homes dalgunha edade.


Parroquia de Velle.
Seminario de Estudos Galegos. 1936.
Autores: Florentino López Cuevillas, Vicente Fernández Hermida, Xoaquín Lorenzo Fernández.

Etiquetas: ,