21 junho 2006

Alexandre Cribeiro


A única vez que puiden falar con Alexandre Cribeiro foi na casa de Pili, que anos despois convirtiriase na miña cuñada. Alí apareceron Alexandre e máis Susana, a súa compañeira, porque esta era amiga da anfitriona. O nome de Cribeiro soábame polos libros de literatura galega, membro do Brais Pinto, ainda que a súa fugaz popularidade na xente foi por mor da súa dignidade maiúscula e perfecta profisionalidade na polémica retransmisión por TVE da volta dos restos mortais de Castelao a Compostela. Alexandre era o director do centro territorial de TVE en Galicia.
Eu daquela non lle tiña lido nada. Na charla pareceume Alexandre un home encantador: educado, culto e moi amable. Falamos de Euskadi, que semellaba coñecer ben, do seu problema e das posibles solucións. Pasados tantos anos, el xa desaparecido mais non esquecido, admírome ante a memoria daquel poeta que anticipou o que tiña que pasar para facer posible vieiros de convivencia. E anticipou tamén os atrancos que ían colocar aqueles que tanto el despreciaba.

Postumamente apareceu un poemario: "A señardade no puño", do cal escribo o poema XXIV

Se soubeses Antón
como me doe a dor da túa dor

pasada,
que baleiro de verba se produce
se te lembro.
Se soubeses, Antón.

Eu non son experto en poesía mais digo forte que gosto do Cribeiro, e que sinto a incomodidade da inxustiza cando ao falar da poesía galega do século XX esquécese a este home digno, a este bo poeta.