01 junho 2006

Xadrez na escola

O armenio Tigran Petrosian, campión do mundo de xadrez no ano 1963 dixo unha boa frase: "O xadrez é un xogo pola súa forma, un arte polo seu contido e unha ciencia pola súa dificultade".
Ademáis de todo iso, o xadrez pode ser unha moi útil ferramenta educativa. Na nosa terra houbo varios experimentos nese senso, que demostraron a utilidade da aplicación do xadrez como materia transversal: a máis importante foi en Trazo e coa denominación "Proxecto Xaque" da cal falarei máis de vagar dentro duns dias.
Outra iniciativa tivo lugar en Ferrol no ano 1998, dirixida ao profesorado de educación infantil, primaria e secundaria, e dirixida por dous mestres que son moi bos xadrecistas: Alberto Xosé López Pérez (I.B. As Telleiras de Narón) e Xosé Lois Ximénez González (I.B. O Pazo de Fene).
Este último é o fillo dunha persoa mítica en Ourense por moitos e relevantes motivos: Clemente Jiménez, falecido non hai moito. Do que eiquí nos ocupa podemos dicir que Clemente mantivo aceso o facho do xogo do xadrez na cidade das Burgas en épocas ben grises, sendo animador e mecenas dos novos xogadores que ían alí xurdindo. Ata pouco antes da súa morte, na Casa da Xuventude de Ourense sempre procuraban a ocasión para homenaxear a Clemente convidándoo ás entregas dos premios dos torneos que organizaban.
Volvamos ao rego: A actividade desenvolvida en Ferrol tiña por título: "O xadrez na escola como medio nos procesos de aprendizaxe e socialización do neno", e tiña capítulos tan interesantes como "as matemáticas e o xadrez", "o xadrez o longo da historia" e "o arte no xadrez".
Seguiremos.

2 Comentarios:

Blogger Marcos Valcárcel López said...

Por certo, a propósito do benquerido Clemente Jiménez, homenaxeado no 2005 polos Amigos da República de Ourense, e a quen eu lembro, sendo eu moi neno, no seu quiosco-libraría nos portais da casa do Progreso onde estaba daquela a Alianza Francesa. Pois ben, hai uns días (conteino no meu blog) un tal Virxilio López Cid utilizou un debate sobre a guerra civil en Ourense, en Telemiño, para defender a causa dos sublevados e, como remate indigno, mesmo utilizou a figura de Clemente, moi amigo meu -dixo, para facer anticomunismo, coma se o Clemente fose un resentido con esas ideas que mantivo toda a súa vida. Supoño que nin a súa familia se enterou deste feito, por iso o conto aquí.

6:26 da tarde  
Blogger bouzafria said...

Sorprende que ainda hoxe poida haber quen defenda aos golpistas. Quen utiliza a unha persoa falecida para esgrimir tales argumentos xa se está calificando a si mesma.

11:56 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home