24 maio 2009

Murcia. Periplos galaicos


O Murcia volveu por Vigo para empatar ao Celta na derradeira xogada do partido. A etapa Eusebio está sendo triste.
Xustamente o Murcia tivo o bo gusto de escoller Mondariz Balneario o pasado mes de agosto para facer a pretemporada.
Mondariz Balneario adoita ser escollido sempre por algún equipo: en anos anteriores fora o Elxe. Ben, o caso é que eses divertidos azares da vida fixeron coincidir no mesmo hotel ao equipo de fútbol do Murcia, encabezado por Javier Clemente e coa presenza de Núñez, o ex céltico, cos participantes dun torneo de golf onde estaban ex-deportistas famosos.
Entre estes últimos destacaba en altura o baloncestista Corbalán, acompañado dunha actriz tan alta coma el. Pero o curioso foi a presenza de Manolo Sarabia, o excelente futbolista causante involuntario dun dos maiores cismas no Athleti de Bilbao e que deu a coñecer unha das características máis febles do adestrador Clemente.
Lembremos que as relacións Clemente - Sarabia cando a última época gloriosa do Athleti foron especialmente malas, ( con humillación incluida: unha vez Clemente sacou do banquillo a Sarabia e aos dez minutos mandouno a ducha argumentando que non cumpría as súas ordes) converténdose a pelexa nunha cuestión que trascendeu os ámbitos deportivos.
O de Clemente é un caso merecente de reflexións por diferentes motivos: seica xogador exquisito pero prematuramente retirado por unha entrada maliciosa. Non sei se habería que ir na procura de explicacións psicolóxicas para comprender que Clemente como adestrador preferiu sistematicamente aos xogadores opostos ao seu propio estilo de xogo. O certo é que en cada equipo seu Clemente escollía a un xogador técnico para facerlle a vida imposible (como John Houseman na serie de televisión): Sarabia no Athleti, Baltazar no Atlético, Lauridsen (xogadorazo) no Espanyol.

Saudaríanse Clemente e Sarabia en Mondariz Balneario? De seres así, falarían? E de falar, de golf ou de fútbol?

Pasa o tempo e aquelas liortas semellan ser merecentes das atencións dos arqueólogos. Xa ninguén lembra a Lauridsen, ou no ciclismo a Reimund Dietzen, ou no baloncesto a Brian Jackson, por exemplo, como exemplos de deportistas magníficos pero non especialmente coñecidos polos non iniciados. Clemente é outra cousa, pero agora, xa caído en desgraza deportiva, tamén parece lonxana a súa época de éxito.

O Murcia volveu por Vigo para xogar co Celta. Ogallá volva a temporada que ven.

Etiquetas: , ,