20 janeiro 2009

Publicidade política.

Hai algo máis dun ano ornaban Madrid uns cartaces publicitarios cuns coñecidos individuos da Villa y Corte ( como presentadores de Telemadrid ), que sostiñan nas súas mans un grande espello que reflictía as rúas da capital do Reino. A campaña da televisión pública madrileña pagada por Esperanza Aguirre levaba escrito un lema: "Espejo de lo que somos".
Eu non o podía crer. Cómo era posible que pasara o primeiro baruto unha frase que non por certa resultaba asemade groseiramente insultante para a lideresa? Pois resultou que pasou as sucesivas peneiras ata se converter nun irónico resumo da actualidade madrileña, nas mans, entre outros, de Sánchez Dragó ou a nunca ben ponderada Curri Valenzuela.

Cando eu estaba na EXB, nun colexio "de pago", os cregos repartiron fotocopias do Himno Galego, que rapidamente tivemos que aprender de memoria, e logo cantar. E o meu titor, un bo tipo, empeñouse sen éxito ( por culpa do encargado de o facer- eu ), en intentar facer un mini museo etnográfico na clase chamado "Galiza enxebre".
Hoxendía, os medios de comunicación máis reaccionarios armarían un escándalo se nun colexio público tiveran as iniciativas que daquela tiveron os profesores da privada.
Lembrando isto, D. comentou que no seu colexio de monxas unha delas aprendeulle a canción de Fuxan os Ventos que musicaba o poema de Manuel María "Meu carro". E continuou, esgrimindo argumentos económicos relativos ao derroche dos fondos estructurais europeos, "en vinte anos e de xeito irrecuperable o PP se cargou Galicia".
Pero hai quen pensa que vinte anos non é nada, e convócannos a axudalos a rematar o traballo empezado cando Fraga non estaba en idade de xubilación: Recargar Galicia.

Eu só teño un desexo: coronaríame que os publicistas que lle colaron a Esperanza Aguirre e a Alberto Núñez os dous lemas tan bonitos e esclarecedores das súas intencións, emitiran unha notabilísima factura polos servizos prestados, para que poidan brindar con Möet Chandon entre gargallada e gargallada por ter uns clientes tan agudos.

Etiquetas: ,

3 Comentarios:

Blogger Mario said...

Eu eses fenómenos interpreteinos sempre en chave histórica. Por unha banda, o noso país non chegara a ter un desenvolvemento político efectivo antes da guerra, así que a noción debía ser que "podía pasar calquera cousa". En EH e Catalunya sabían máis ou menos o que podían agardar, porén aquí todo o mundo estaba a velas vir, e penso que algo xogou ese sentimento de culpa do Estado fronte a nós. Iso tan manido de que os nacionalismos independentistas basco e catalán son egoístas e asentados na fartura, que máis razón terían os galegos para erguerse, que sempre os trataron moito pior.

Até os resultados da votación da Constitución seguen a ser debatidos por parte da esquerda (alí onde o Estado viu franquismo residual, o independentismo segue a aludir ao antiestatalismo). As primeiras reivindicacións do nacionalismo eran directamente as bases constitucionais (desmaiaríase máis de un se llo lembramos agora).

Creo que a sociedade do tardofranquismo preparábase para esa "calquera cousa". Así se explica o furor galeguista de colexios privados e cregos, ou feitos inexplicábeis como o "Galicia, miña nai dos dous mares", arrebato patriótico autoredentista de Juan Pardo, ou mesmo a política lingüística nominal que seguiu o PP e que só comeza a ser cuestionada agora.

Se cadra esa sensación de que pode pasar calquera cousa sexa o máis recuperábel para estes tempos. O seu esgotamento é o que fai florecer as Galicias Bilingues e demais morralla.

3:13 da manhã  
Blogger bouzafria said...

Nalgúns casos podería ter sido posicionamento táctico ante a incerteza do porvir inmediato, pero sei que algunhas posturas xenuinamente galeguistas e antiimperialistas dalgúns daqueles cregos (hoxe con certa influencia na súa congregación) é certa. Quero pensar que o tempo e as novas responsabilidades non fixeron mudar as ideas de antaño. O poeta ( temporalmente calado) Anxo Quintela pode dar fe diso.

11:53 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

Interesante. Por certo, eu teño outro desexo: que tanto Aguirre como Gallardón como Nuñez Feijóo, non necesariamente nesta orde, vaian tomar polo ollo da furna. No máis breve prazo, a poder ser.

Apertas!

8:27 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home