30 dezembro 2008

Atlántico. 20º Aniversario

O pasado sábado gocei na Nasa da festa do viséximo aniversario do Atlántico: Local de copas; taberna; sala de xadrez, pocha e mus; escenario de obras de teatro, narracións orais e actuacións musicais.
Achegueime a ese sitio de San Martiño Pinario por vez primeira haberá dezoito anos. Ía participar no seu primeiro torneo de xadrez. Rematou e quedeime durante dez anos máis, ata que as novas obrigas familiares forzaron a miña retirada. No entanto o lugar converteuse no salón fixo dos meus sucesivos pisos de aluguer, oficina permanente dun aprendiz de xadrecista e observatorio privilexiado do lecer das actuais primeiras figuras das artes escénicas do meu país.
Nas primeiras épocas conviviamos e combebiamos os culturetas e a farándula, chegándose a dar festivas interrelacións entre algúns dos seus membros máis destacados. Despois de pechado o local seguían animadas tertulias entre os mellores xadrecistas da nación ( eu de ouvinte ) e os actores, actrices e músicos que hoxe acadaron os éxitos que daquela sequera imaxinaban.
Débolle máis ao Atlántico ca o que el me debe a min; a fin de contas, moitas noites pasei ao carón da consumición máis barata, nun exercicio excelente de maximización dos recursos escasos. Porén, dábamoslle vida ao sitio nas noites baleiras do inverno e achegámoslle ao sitio un novo atractivo, máis polo áurea intelectual e rariña que deixabamos ca polo engado persoal dos que alí ficabamos.

O pasado sábado volvín ollar no documental montado por Llors Coira as facianas dos meus compañeiros de barra e mesa, a miña propia, dez, doce ou quince anos máis novas. Mirei ao meu redor no ambigú e alí estabamos moitos deles outra vez: Ángel C., Fran P. e Pepe S., Belén B., Neli, Camila B., Silvia ( a súa irmá Yoli a piques de dar a luz), Cándido P., Avelino G., Carlos P. e Marta, Jorge C. e Luis T., Víctor e Evaristo... E moitas ausencias, a meirande subsanabeis para dentro de cinco anos, e algunha xa definitivamente anunciábel: Ibán e Xepe.

Moi bo o documental, dicía, de J. Coira, e tamén moi boas as interpretacións dos Atlánticos, e de Suso, Blanca e Marcos ( Mina e Celentano ). O mellor, como sempre, Mofa e Befa, e o remate final: The Ellas.

Deixo videos coa música que escoitei na Nasa a noite que volvín achar a xente que compartiu comigo o meu amplo salón de casa.









Etiquetas: , ,

2 Comentarios:

Blogger R.R. said...

Vinte anos, mimá. Por alí andei eu tamén algunha vez, a ver se imos coñecernos de vista. Aínda que por temporadas fun máis do Bar-Tolo mesmo alí enfronte ou do Abril Ares xusto embaixo...¡Vinte anos!

11:51 da tarde  
Blogger bouzafria said...

Pois eu só saía do Atlántico para chamar por teléfono ao Rey, o que está diante do Abril Ares, porque a taberna que está xusto enfronte resultaron ser pillos demáis.
A quen si lembro ter visto polo Atlántico é ao seu compañeiro de táboas: Mexuto, e moi de cando en vez a D. Roberto.

12:36 da manhã  

Enviar um comentário

<< Home