21 dezembro 2008

Arbitraxes

Cuan curiosa é a psicoloxía humana. Estou racionalmente convencido de que ao longo dunha temporada compénsanse os puntos perdidos polas arbitraxes desfavorabeis cos acadados coas arbitraxes que erran ao teu favor, coa correción negativa que supón o fielato a pagar ao Real Madrid e Barcelona, sempre favorecidos.
Porén, na miña memoria non queda constancia de arbitraxe favorable ao Celta, ata dubido que tal especie poida existir. E o curioso é que probablemente aos siareiros dos outros equipos pensen exactamente o mesmo ca min.
Fago relación: As penosas arbitraxes sufridas por Mejía Dávila en Vitoria (día inesquecíbel por tantas outras cousas) onde expulsa a dous dos nosos cando tiñamos unha falta a favor. Ou o mesmo disparate feito por Esquinas Torres en Santander. O penalti non pitado por García Aranda cometido sobre Juanfran na final da Copa do Rei do 2001. A benevolencia de Andradas Asurmendi na cacería de Puyol sobre Revivo. A mesma benevolencia de Medina Cantalejo tolerando a Mauro Silva e Duscher; e o día que o Celta foi a Riazor cheíño de baixas tamén padeceu a mesma benevolencia cara Mauro Silva na persecución a Karpin impartida por Iturralde González. Ou o disparate de Brito Arceo na Copa do Rei. Cómo esquecer a calamidade continua de Pérez Burrul ou Andujar Oliver, e os erros sistemáticos de Díaz Vega, dende os tres expulsados e posterior peche de Balaídos nun Celta - Sevilla, ata o empurrón non pitado a Jordi Cruiff no triste partido contra o Atlético de Madrid. Sigo: os penalties non pitados por López Nieto no Camp Nou na temporada de Irureta ou os penalties non pitados por Fernández Marín no Bernabeu a Karpin e Gustavo López o día do infructuoso baño. A estrana arbitraxe de Rubinos Pérez o día do Levante, no último ano en Primeira División.
Podo seguir, teño máis exemplos, pero para qué? Volvo repetir que unha lista semellante a esta, trocando os protagonistas, podería ser escrita por calquera seguidor doutro equipo. Supoño que vai na nosa natureza.
Foi o meu Celta perseguido polos árbitros? Penso que non, simplemente lembro os días negativos.
Difícil traballo o seu: a mellor calificación implica ter pasado desapercibido. Se eres noticia é que o fixeches mal. Un home contra vintedous, que te van intentar enganar. A enemiga segura dos espectadores, a desconfianza dos adestradores que miran ao árbitro como un perigo para o seu posto de traballo.
Non quero rematar sen a miña pequena homenaxe ao mellor árbitro que eu vin nunca nun campo de fútbol: Emilio Soriano Aladrén, que realizou unha arbitraxe perfecta nun Celta 1 Real Sociedad 3.


P.S.: Por qué sempre nos referimos aos árbitros dicindo os dous apelidos?

Etiquetas:

1 Comentarios:

Blogger R.R. said...

¡Ahhh! ¡Aiii! ¡¡¡O que hai que oír!!!

11:53 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home