Dúbidas
Teño dúbidas sobre a "consulta ás familias sobre a utilización das línguas no ensino non universitario de Galicia Consulta a las familias sobre la utilización de las lenguas en la enseñanza no universitaria de Galicia.
Primeira: Temos dous nenos na escola, ¿cantas "consultas" podo cubrir? ¿Dúas, unha por neno?
Segunda: Por cada neno, ¿podemos cubrir duas "consultas"? En caso de resposta negativa, ¿cómo expresamos as posibles diverxencias nas respostas que poidamos ter o pai e a nai? ¿Qué pasa coas nais solteiras? ¿Os pais biolóxicos teñen dereito a opinar, ou só cando teñan recoñecido ao fillo? ¿Qué pasa no caso de separación ou divorcio?
Terceira: ¿Qué pasa coas materias non troncais?¿Por qué non se pregunta?
Cuarta: ¿Por qué non hai unha posible resposta a cada pregunta que poña "depende?
Quinta: ¿Váisenos preguntar a opinión sobre se queremos que os nosos fillos rematen a súa ensinanza con competencias sobre bioloxía e as teorías de Darwin? ¿Qué pasa se creo na literalidade da Biblia? ¿Vanme restrinxir a miña liberdade de escoller que coñecementos se lle inculcan aos meus fillos? ¿Vaise acabar a imposición de considerar a Darwin como un científico esquecendo a verdade revelada?
Sexta: ¿Váiseme preguntar a miña opinión sobre se prefiro ou non que se considere ao número 0 como número natural?
Séptima: ¿De qué partida contable da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria saen os cartos para facer esta imprescindible "consulta"? ¿Cantas instalacións deportivas universitarias ( ou non universitarias) se podían facer con eses cartos?
Octava: Se a consulta é secreta, ¿podo rapiñar os impresos que desexe e despois entregar todos? ¿Quen vai contar os resultados? ¿diante de quen? ¿dun notario?
Novena: ¿Podo pór no apartado de "comentario ou suxestión" que non desexo que os meus fillos teñan contacto con compañeiros que falen galego? ¿Váiseme impedir a liberdade de evitar que os meus fillos estén ao carón de nenos paletos que por saberes un idioma inventado non van ser capaces de aprender máis cousas? ¿seguirá a imposición aos nosos fillos de facerlles perder o tempo cun idioma que só vale para atender ás vacas? ¿Vai haber vacas en Galicia dentro de dez anos? ¿Será útil, logo, o idioma galego dentro de dez anos?
Décima: No apartado de "comentario ou suxestión", ¿poderei suxerir que as vindeiras "consultas" sexan realizadas nun papel máis suave?
Foto tirada en Vedra. Ao burriño ese chámanlle Acnur, non sei por qué.
Etiquetas: Decreto do galego no ensino, política
4 Comentarios:
Grandísimo, o post. Se algún día teño fillos, vou esixir que se lles ensine a cosmogonía de Terry Pratcher, que explica que o mundo é plano e descansa sobre unha tartaruga xigante, en lugar desa inmensa chorrada do heliocentrismo.
Moito obrigado, Raíña.
Eu, xa ti ves, non teño ningunha dúbida: isto é un paripé para xustificar unhas medidas que xa están tomadas.
O que poñan os pais non importa por dous motivos: primeiro, porque lles importa un carallo, e segundo porque van manipular o resultado para que se axuste ó borrador que terán por aí preparadiño nalgún caixón.
Nin as tabelas do Moisés!
Enviar um comentário
<< Home