30 junho 2009

Final da Copa do Rei

Os celtistas - e menos eu - non esquecemos que hoxe hai oito anos o Celta perdeu a final da Copa do Rei contra o Zaragoza.
Seguindo unha penosa tradición, os equipos vigueses que chegan á final da Copa de España perden os encontros contra os rivais que vesten de branco: R. Madrid, Sevilla e Zaragoza (por dúas veces).
Lembro que hai oito anos ía calor. Eu pola mañá estivera nunha cerimonia relixiosa amenizada por un cuarteto de corda da Real Fhilarmonía (excelentes), e á hora do partido aínda estabamos no restaurante no que se celebraba a enchenta posterior á voda.
O noso amigo B. non puido ir porque preferiu estar embarcado na Cutty Sark.
Non valeu de nada o gol de Mostovoi... mágoa, aquel Celta fica para sempre na memoria pero camparíalle ben un trofeíño nas vitrinas.

Etiquetas: ,

Cando cabalgas un tigre...

Cando cabalgas un tigre non debes baixarte del.
Coñecedor do refrán, o Presidente Alberto Núñez, non baixa da fera.
O felino axudoulle a abrir as portas de Monte Pío, na gadoupa esquerda os coches alemáns e na dereita a imposición do galego peso pluma asoballando ao pobre castelán peso pesado.
A demagoxia dos Audis e a mentira da liberdade lingüística callaron nunha sociedade que demanda discursos simples.
Pero agora, catro meses despois, Alberto Núñez segue sen baixar do tigre no que voluntariamente se montou sabedor que as trabadas máis duras van chegar daqueles que lle deron o voto. Segue en campaña electoral, na frivolidade da venta dos coches oficiais, no disparate da consulta aos pais e nais sobre o idioma nos colexios.
Do nivel do goberno actual da mostra o feito que aquel outro de Suárez, o dos Penenes, sería en comparanza un goberno de premios nóbeles. Rechama o feito que o conselleiro máis discreto - non lle coñezo a voz ( cousa rara porque se están eles alí e xustamente pola Voz) - sexa o que empezou con maior polémica, Hernández. Polo menos da razón á frase marxista: "Mellor estar calado e parecer tonto que falar e despexar as dúbidas definitivamente."

Etiquetas:

22 junho 2009

Enderezo descoñecido

Ata hai unha semana non escoitara falar de Kressmann Taylor, a autora de "Enderezo descoñecido" (Ed. Xerais). O tamaño da obra, pouco máis de sesenta follas, axudoume a me decidir acometer a lectura desta pequena pero estarrecedora obra mestra, que recomendarei de agora en adiante.
Polas dimensións máis tamén polo sorprendente e acaído final, "Enderezo descoñecido" vai deixando un recendo semellante as pequenas historias de Somerset Maughan que tanto me gostaban.

Etiquetas:

18 junho 2009

Lectura obrigada

Coronoume ler nun xornal o artigo perfecto: veraz, lúcido e elegante. O autor adoita facer cousas semellantes de calidade, pero este é de lectura obrigada: atento ao tempo, o día antes do remate da recollida da enquisa calote.
Cando o barullo destes días amaine previa á tormenta definitiva preguntarémonos: "canta estupidez podemos aturar?" E mentres, os urbanitas desleigados pequenos mequetrefes sen raíces tentarán chegar a un acordo en exclusiva co PSOE para aprobar un novo decreto. Abrirase daquela unha situación interesante: Estratexia do PSOE, a elixir entre se opor a calquera modificación que minore (aínda máis) a situación do idioma propio ou ben aproveitar tacticamente a ocasión para minimizar ao BNG, aducindo consenso co partido máis votado.

Artigos como o de hoxe de Xosé Manuel Pereiro son imprescindibles, porque a memoria é voluble. O martes pola mañá, na Radio Galega, a máis fiel publicista de Felipe González logo de descalificar (con bos argumentos) a estupidez da enquisa calote, rematou cunha frase que ademáis de mentira soez é un monumento á desvergoña ( non me creo que esta señora non saiba que a responsabilidade da política lingüística no anterior goberno estaba nas mans do PSOE): "Pero también hay una cosa, estamos pagando aquí un pato: que los excesos del BNG en materia de política lingüística ahora los estamos pagando todo el mundo".
Im presionante: minte, minte, minte miudiño, minte, minte, que moita xente desexa crer esas mentiras. Alá eles... e alá nós.

Etiquetas: , ,

16 junho 2009

Ovacións

Pensando en facer a anotación anterior, e ao fío dos conselleiros de cultura, non puiden menos que lembrar o día que a aula Magna de Dereito foi o espazo onde se produciu unha enorme ovación cando entrou nela Alejandrino Fernández Barreiro, recén nomeado Conselleiro de Cultura con Fernández Albor. O homenaxeado, por vez primeira, ensinou os dentes no que semellaba ser un tímido sorriso; e de contado, coa súa voz monótona e soporífera escomenzou a súa derradeira clase do apaixoante Dereito Romano. A ovación tiña motivos: durante algún tempo os estudantes ían estar ceibes do profesor máis aburrido existente baixo as estrelas.
Outra cousa foron os sustitutos: sempre os ditos levan carga de razón, e máis nos casos que lembran que virá quen te faga bo.

Ovación enorme tamén foi a que escoitei un día nunha sesión da Asociación Internacional de Lusitanistas. O tema da conferencia era "A mulher e o amor na poética de Vinicius de Morais", impartida por unha profesora da Universidade de Rio de Janeiro. As comunicacións eran de quince minutos, de xeito que cando levaba vintecinco minutos de exposición, a moderadora insinuoulle que podería ir rematando. Vinte minutos máis tarde volveu haber outro aviso da moderadora instándolle á conferenciante a dar por pechada a súa intervención, pois agardaba un coloquio. Ela sorriu e seguiu ao seu. E así outra vez máis.
Ao cabo, unha hora e dez minutos de iniciada a súa sesión, cincoenta e cinco minutos despois do previsto, a conferenciante fixo unha breve pausa para - por vez primeira - mollar a gorxa coa auga mineral disposta para ese fin, cando a moderadora iniciou unha serie de fortísimos aplausos a que a concorrencia - agradecida - se sumou. Aquela forte ovación ( hai indicios dun pequeno tremor de terra despois do mediodía do 21 de xullo de 2005 pola zona de Vite ) de varios minutos ( o tempo preciso para que os participantes no coloquio tomaran posesión dos seus respectivos sitios na palestra ) deu por rematada a conferencia daquela teimuda profesora que falaba, iso si, do que mellor coñecía Vinicius: poesía, amor, mulleres; a fin de contas foi capaz de casar ata nove veces.

Etiquetas: , ,

Mal día

E aínda é susceptible de empeorar.

06:45 hs: Por que a noite pasa tan rápido?

9:00 hs: Unha encomenda amablemente pedida por min, e amablemente aceptada, vaise adiando e adiando. Ninguén ten culpa, pero mecachis na mar

10:00 hs: Un funcionario que tería que se limitar a remitir uns datos, nugallanea facendo preguntas de imposible resposta. Peñazos de funcionarios.

10:30 hs: Vexo nun periódico de alcance estatal que falan dun compañeiro da infancia ao que aconsellei ( o que me deixou ) hai meses: penso en Carlo Cipolla como tantas veces ao longo dos últimos dez anos. A saída á luz pública da mala nova perxudica ás dúas partes sen beneficio algún. Mesmo se poderían discutir outras cousas verso deontoloxía profesional e filtracións. Sospeito dunha persoa concreta: non o agardaba. Alá el.

11:15 hs: O xefe do funcionario das 10:00 hs chámame para dicirme que non me pode facilitar os datos solicitados, indo en contra das ordes da súa inmediata superiora. Discuto: el é un cínico e un nugallán, eu un borde. Peñazos de funcionarios. Cipolla outra vez: perxudícome eu, perxudícase el. Ou como lle dixo "O Turco" a Tom Hagen: "Mala sorte para min e para ti".

11:40 hs: Voume chivar: Conduzo de moi mala uva. Aparco en San Clemente. Ao facer unha manobra case atropelo ao Sr. Conde, o ex-conselleiro de Cultura que o outro día falou ( creo que sen sorna ) ben de min. Acéndesenme as fazulas pensando nas posibles consecuencias da consumación do accidente: "Blogueiro malhumorado atropela a insigne persoeiro que o outro día fixéralle unha laudatio". Parafraseando a Rick: "de tódolos aparcadoiros do mundo, tivo que escoller precisamente este"

11:45 hs: Reminiscencias da infancia: consumo o chivatazo. Dígolle á Xefa que ten uns funcionarios ao seu cargo non especialmente probos. ( Por que "probo" sempre vai con "funcionario"?) Manifesto o meu desconcerto ante semellante subordinación. Ela di que o vai arranxar.

12:15 hs: Visito as oficinas dun colega da Xefa. A secretaria non sabe cando poderei falar con el en persoa, aconséllame que o chame mañá pola mañá cedo e intentar conversar vía telefónica. Levo agardando vinte días, e o tempo pasa e empeza a abafar a chegada do verán.

13:00 hs: A Xefa chama. Arranxouno dun xeito indirecto, pero non terei datos ata dentro duns días. Ergo: hai que modificar as previsións de traballo das vindeiras horas. Peñazo de funcionarios.

14:00 hs: Unha amiga chámame para baixar comer con ela: a allada do brecol estaba moi forte, os chocos grandes e duros, as patacas graxentas, a sobremesa de chocolate demasiado espesa. A amiga recoñece que o seu noivo: a) é pijo; b) ten dificultades para manter o emprego; c) votou ao P.P.

15:30 hs: Seguro que a tarde ten grandes novidades. Agardamos por elas. Pensándoo ben, tampouco pasou nada tan grave que non se poidera arranxar con paciencia e tempo, con tempo e paciencia. Ollareime no espello de Rajoy.

Etiquetas: ,

15 junho 2009

Profesor Juan Carlos Moreno Cabrera

Imprescindible. Necesario.
Gracias a Chuza pola ligazón.

Etiquetas: ,

14 junho 2009

Dúbidas


Teño dúbidas sobre a "consulta ás familias sobre a utilización das línguas no ensino non universitario de Galicia Consulta a las familias sobre la utilización de las lenguas en la enseñanza no universitaria de Galicia.

Primeira: Temos dous nenos na escola, ¿cantas "consultas" podo cubrir? ¿Dúas, unha por neno?

Segunda: Por cada neno, ¿podemos cubrir duas "consultas"? En caso de resposta negativa, ¿cómo expresamos as posibles diverxencias nas respostas que poidamos ter o pai e a nai? ¿Qué pasa coas nais solteiras? ¿Os pais biolóxicos teñen dereito a opinar, ou só cando teñan recoñecido ao fillo?
¿Qué pasa no caso de separación ou divorcio?

Terceira: ¿Qué pasa coas materias non troncais?¿Por qué non se pregunta?

Cuarta: ¿Por qué non hai unha posible resposta a cada pregunta que poña "depende?

Quinta: ¿Váisenos preguntar a opinión sobre se queremos que os nosos fillos rematen a súa ensinanza con competencias sobre bioloxía e as teorías de Darwin? ¿Qué pasa se creo na literalidade da Biblia? ¿Vanme restrinxir a miña liberdade de escoller que coñecementos se lle inculcan aos meus fillos? ¿Vaise acabar a imposición de considerar a Darwin como un científico esquecendo a verdade revelada?

Sexta: ¿Váiseme preguntar a miña opinión sobre se prefiro ou non que se considere ao número 0 como número natural?

Séptima: ¿De qué partida contable da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria saen os cartos para facer esta imprescindible "consulta"? ¿Cantas instalacións deportivas universitarias ( ou non universitarias) se podían facer con eses cartos?

Octava: Se a consulta é secreta, ¿podo rapiñar os impresos que desexe e despois entregar todos? ¿Quen vai contar os resultados? ¿diante de quen? ¿dun notario?

Novena: ¿Podo pór no apartado de "comentario ou suxestión" que non desexo que os meus fillos teñan contacto con compañeiros que falen galego? ¿Váiseme impedir a liberdade de evitar que os meus fillos estén ao carón de nenos paletos que por saberes un idioma inventado non van ser capaces de aprender máis cousas? ¿seguirá a imposición aos nosos fillos de facerlles perder o tempo cun idioma que só vale para atender ás vacas? ¿Vai haber vacas en Galicia dentro de dez anos? ¿Será útil, logo, o idioma galego dentro de dez anos?

Décima: No apartado de "comentario ou suxestión", ¿poderei suxerir que as vindeiras "consultas" sexan realizadas nun papel máis suave?

Foto tirada en Vedra. Ao burriño ese chámanlle Acnur, non sei por qué.

Etiquetas: ,

09 junho 2009

Tiresias no metal de Vigo

Os que acreditamos no dito dos ciganos: "preitos teñas e os gañes", andamos na procura de puntos de encontro que poidan evitar conflictos que fan perder as dúas partes. Por mor da miña - modesta - experiencia protagonizando discusións simbólicas en estrados, escoitando e lendo sentenzas xudiciais, estou certo que a presenza ante tribunais é unha derrota antes de empezar, e que o oficio dos avogados non é outa cousa que minimizar os danos causados pola presenza do xuíz.
O que vale para os tribunais vale tamén para a vida cotiá. E por conseguinte para os conflictos laborais.
Xa o dixen neste blog hai tempo, e non hai razón para non o repetir de novo: os dous mellores compañeiros de clase que tiven na facultade en Compostela, tanto por expediente académico coma por boas persoas, andan agora decote nos medios de comunicación: Carlos Aymerich, político; e Xaime Cabeza, candidato a Reitor da Universidade de Vigo. Este último negociou a penúltima lea do sector do metal de Vigo, hai poucos anos. Mágoa dos incumprimentos, e mágoa de que a historia só a escreben aqueles que gañan a guerra ( xa sabemos quen son, hai moita diferenza de armamento entre eles).

De tódolos xeitos cómpre lembrar a Tiresias, principal mediador na mitoloxía grega pola súa capacidade de empatía. O feito de seres capaz de se pór nas dúas perspectivas, exercicio nada doado, capacítao para axudar a que as partes en disputa vaian recoñecendo argumentos razoabeis no rival, e por ende, a respectar ao contrario. En ocasións, o feito de coñecer de primeira man as dúas posicións, converte ao mediador en árbitro, e a xustiza pode chegar a incomodar e inhabilitar para o rol que, paradoxalmente, mellor preparado debería estar.
Pasoulle así a Tiresias, que ao mediar na disputa entre Zeus e Hera sobre cal dos xéneros humanos obtiña máis pracer co acto sexual, e respostar Tiresias lembrando a súa experiencia ( anteriormente fora tanto home coma muller ) que os homes gozan a décima parte do que gozan as mulleres, obtivo a enemiga de Hera.

Levamos días escoitando nalgunhas emisoras de radio das Rías Baixas anuncios dos sindicatos convocantes da Folga do Metal, animando a cidadanía a se manifestar canda eles hoxe ao serán polas rúas de Vigo. Dan argumentos ben razoados que non foron reflectidos en xornal ningún, nin na TVG, nin tampouco na radio. Os homes que acordan cedo para traballar nos asteleiros e voltan tarde e cansos a súa casa non teñen - hoxe - quen os defenda. Non importa o pouco que cobran nen a precariedade do seu traballo. Aos cidadáns incomódanos os atascos na caótica cidade, e temos medo ( propio e por nosos fillos e vellos ) aos parafusos voadores, aos foguetes, as pelotas de goma.

Os empresarios teñen a compaña da administación galega - como non - máis tamén dos medios de comunicación que (des)informan e dos temerosos cidadáns que, coma min, calamos e consentimos.

Quero homenaxear ao meu sogro, ancián de oitenta anos, que o outro día no medio das algaradas revolviuse contra outra vella que se queixaba do barullo e lle dixo: "Como quere que defendan o seu posto de traballo? Indo a misa?".

Etiquetas: ,

Unha educación europea

Na miña infancia, antes da adolescencia, lin un libro que me impresionou moitísimo e que nunca volvín reler de adulto: "Unha educación europea" de Romain Gary.
Nárrase a triste historia dos partisanos polacos na Segunda Guerra Mundial, particularizada nun rapazolo que descobre de vez a crueldade e estupidez dos adultos e ao tempo aínda conserva a esperanza na humanidade.

O domingo pasado a Europa das catedrais e das universidades tivo a ben escoller como representantes a individuos que non hai moito tempo estarían agachados do espazo público ( con Berlusconi sóbrame o "l" ). Que o sátiro italiano gañe como gañou en España o nugallán fachendoso que proclama a súa aceptación da herdanza franquista, como o incremento ultra, non agoiran a realización das ideas que deitara escritas hai máis de sesenta anos o novelista.

Ao falar de educación europea estamos a falar tamén de Bolonia. Pero eu non digo nada. Que nada sei.

Etiquetas: , ,

03 junho 2009

Xurxo e Xusto



Hoxe puxen a radio ao subir ao coche e non estaba Xurxo senón Xusto. Sentín unha pena infinita.

Xurxo Souto foi durante estes anos un excelente profesional: xenerosísimo e entusiasta. Xenerosísimo e leal. Xenerosísimo e ameno e divertido.Áchoo xa de menos.
Pero non hai mal que dure máis de catro anos. Seguro. Vamos em frente e havemos de vencer.

No derradeiro programa - eu non o sabía, baixei do coche onte antes do remate do programa- de Xurxo Souto en "Aberto por reformas" escoitei por vez primeira a Deolinda. Non será a última:

Agora sim, damos a volta a isto!
Agora sim, há pernas para andar!
Agora sim, eu sinto o optimismo!
Vamos em frente, ninguém nos vai parar!

-Agora não, que é hora do almoço...
-Agora não, que é hora do jantar...
-Agora não, que eu acho que não posso...
-Amanhã vou trabalhar...

Agora sim, temos a força toda!
Agora sim, há fé neste querer!
Agora sim, só vejo gente boa!
Vamos em frente e havemos de vencer!

-Agora não, que me dói a barriga...
-Agora não, dizem que vai chover...
-Agora não, que joga o Benfica...
e eu tenho mais que fazer...

Agora sim, cantamos com vontade!
Agora sim, eu sinto a união!
Agora sim, já ouço a liberdade!
Vamos em frente, e é esta a direcção!

-Agora não, que falta um impresso...
-Agora não, que o meu pai não quer...
-Agora não, que há engarrafamentos...
-Vão sem mim, que eu vou lá ter...

Etiquetas: , ,

02 junho 2009

O Xinete Pálido soterrou a Caixa Negra

Hai 35 minutos debería ter empezado o programa da Televisión de Galicia "A Caixa Negra", que ía lembrar hoxe o acaecido hai algúns anos co asunto das "vacas locas". No canto dela enche a pantalla Clint Eastwood, facendo de Xinete Pálido.
Pregunta retórica: terá algo que ver co troco de programación o feito de que tomou posesión a señora Rosa Vilas como directora da TVG?

Etiquetas: , , ,

Lecturas pendentes


Un día desta semana pasarei por Mondariz Balneario, pero non por pracer senón por traballo, traballo que se vai acumulando e non me deixa rematar libros que andan pola metade nen encetar outros que gardan cola: "Informe Lugano" de Susan George; "El espejismo de Dios" de Richard Dawkins; "2666" de Roberto Bolaño; "A praia dos afogados" de Domingo Villar; "El hombre que cambió su casa por un tulipán" de Fernando Trías de Bes; "Pan e coitelo" de Bieito Iglesias; "Abrazos y zancadillas" de J.J. Santos.
O venres pasado pola noite tamén saquei do seu sito para volver botar unha ollada antes de me deitar a un libro que, coido, deberiamos revisar con máis frecuencia en meses como os que estamos a vivir; refírome a "Falar galego - no veo por qué-" de Ana Iglesias Álvarez, editado por Xerais.
Irei dando conta ao tempo que vaia rematando, sen esquecer que tamén están pendentes capítulos dunha serie de tv magnífica: "The West Wing".

Etiquetas: , ,

01 junho 2009

Farinós

Eu non creo no inferno, pero habelo haino. Eu non creo nas xustizas celestais ou nas cadraturas de círculos, pero existen.
A época moderna do Celta, os seus avatares, ledicias e mesmo a súa existencia, descansou nos pes de Farinós, xogador daquela do Valencia e hoxe do Hércules de Alicante.
Farinós é un centrocampista xa no ocaso da súa carreira. Agromou como un lóstrego brilante no Valencia de finais dos anos 90, equipo que foi capaz de enrolar a unha boa xeira de medios onde amosaron o mellor das súas carreiras: nunca Mendieta, Gerard ou Farinós estiveron mellor que no equipo che. Difícil é pensar nun ecosistema máis favorable para Albelda e Baraja.

Sen dúbida o mellor Celta da historia (Dutrüel, Salgado, Cáceres, Djorovic, Berges; Mazinho, Makelele; Karpin, Mostovoi, Revivo; e Penev. Suplentes con minutos: Tomás e Sánchez) apareceu no Luis Casanova disputándose co anfitrión qué equipo xogaría a Liga de Campións. Remontando o tanto inicial valencianista, chegaron aos derradeiros segundos do partido cun 1-2 e só pendentes dunha falta lonxana que ía botar Farinós.
O Celta, facendo honra á máis de oitenta anos de historia, permitiu que unha vulgar falta botada dende medio campo convertírase no primeiro elo dunha decepción constante vestida de azul celeste. ¿Por qué saliu Dutrüel da porta? ¿Por qué? Farinós meteu o gol da súa vida, e semanas despois o Celta rematou quinto.

Hoxendía o Celta esmorece na segunda división, vivindo a rentes da liña que separa a triste realidade de plata da morte segura da división de bronce. O pasado domingo, no minuto 95 do partido, Farinós tivo na bota dereita a posibilidade de marcar un penalti que colocaría ao Celta nunha situación malísima. Errou o disparo, que fixo tremer o poste. Aínda que non hai nada gañado, a equivocación matutina do bo xogador do Hércules, permite ao Celta respirar un pouco: o próximo sábado abóndalle a victoria, o empate, e mesmo podería valer - aínda que obriga a un inmenso esforzo final - a derrota se é por un só gol, e sempre que o Alavés non meta máis de dous- coido.

Reitero que non quero pensar en conspiracións circulares divinas: porque o ano pasado - ben o saben os racinguistas - o Alavés mantivo a categoría gañando en Balaídos a un apático e vergoñento Celta. Desexo que a penitencia non sexa agora cobrada.

Etiquetas: ,