26 março 2009

O nacionalismo galego.

"Búscanse homes para viaxe perigosa. Salario pequeno. Frío intenso. Longos meses de completa oscuridade. Perigo constante. Dubidosa volta a casa. Honra e recoñecemento só de ter éxito."

"Men wanted for hazardous journey. Small wages. Bitter cold. Long months of complete darkness. Constant danger. Safe return doubtful. Honor and recognition in case of success".
Ernest Shackleton.

Etiquetas:

25 março 2009

Un Reitor para un País

No salón de actos da Facultade de Veterinaria de Lugo está aberta estes días unha excelente exposición sobre un dos rectores máis importantes e á vez máis descoñecidos da historia da USC: Alejandro Rodríguez Cadarso, médico e político, morto en accidente de circulación en Lubián en 1933 cando ía ao Congreso dos Diputados en Madrid.
A súa figura vai cinguida inevitablemente co nacemento da Residencia Universitaria e por ende á persoa do arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez, que tamén merecería unha exposición.

Etiquetas:

20 março 2009

Bágoas

Sigo escribindo sobre Óscar Wilde. Non sei que estranos mecanismos arrincan ao ler (tradución automática ao galego) os contos de Wilde que ao seu remate véñenme bágoas aos ollos, que eu tento disimular para que os nenos non se enteren. Refírome ao "Príncipe feliz" ou ao "Xigante egoísta", como me pasou onte na aldea.
Hoxe descubro nun xornal a mala nova da morte de Betsy Blair, a de "Marty" e "Calle Mayor", e volvo entristecer, pero a miña pena devén case infinita (umbrío por la pena casi bruno porque la pena tizna cuando estalla...) ao ler a vocación de Penélope do futuro goberno da Xunta, destecendo o bo que se fixo en tres anos e medio: vivenda, cultura...
Se vinte anos non son nada, unha quinta parte pasará rápido, digo eu, e só me queda desexar ( para ben meu, se estou, pero para ben dos que eu máis quero, sobre todo ) que exista unha alternativa ilusionante e eficaz para daquela, porque xa ando farto antes de que empecen.

Etiquetas: ,

19 março 2009

60 anos

O 19 de marzo de 1949, xusto 60 anos atrás, meus pais casaron na igrexa parroquial de Reza, ao carón de Ourense. Foi voda dupla, pois tamén casou a irmá maior da miña nai. Segundo escoitei eu algunha vez, de seguido marcharon os protagonistas dos casamentos e os seus convidados a xantar a casa familiar de Ervedelo. Non sei se a nai do historiador de Auria, veciña dos protagonistas daquel día, lembra, aínda que mociña, algo daquelo. Despois foi a lúa de mel, nova recollida seica en La Región, que consignaba a viaxe dos noivos "polo estranxeiro" aínda que non pasaron de Vigo.

Non hai ocasión hoxe de celebrar nada, xa que hai un par de anos morreu miña tía, e dende o verán pasado alá foron tamén meu pai e meu tío. A única sobrevivinte 60 anos despois leva algún tempo dándolle a razón a Shakespeare cando dicía aquilo de "vello dous veces neno" que, coido, escribira en Hamlet.

Aínda hoxe sigo sen asimilar a ausencia perpetua de pai e tío. O feito de non convivir fai menos aguda as dores da ausencia pero máis permanente no tempo os picores da incredulidade ante as consecuencias do paso do tempo, pois foron os moitos anos os que lles baixaron o telón.

Nestes últimos días tivemos varios aniversarios na familia. Por vez primeira, e por unhas horas, conseguín algo que nunca puiden facer co meu pai: que a miña idade fora xusto a metade da idade da miña nai. Tamén, estes días, un problemilla facial aconselloume non barbear, e cada vez que me ollo no espello do ascensor non podo máis que asombrarme ante as moitas e novedosas barbas brancas da miña cara que destacan entre as outras, máis loiriñas. "El tiempo pasa, y nos vamos poniendo viejos..."

O agobio do traballo cotiá non deixa tempo para pensar con tranquilidade, e moito menos para consignar eiquí algunha conclusión, se as houbera. Xaora digo, que non existindo causa de celebración por mor da ausencia de tres protagonistas no aniversario de casamentos, hai polo menos a necesidade de escribir no ar a lembranza da data, o recoñecemento do paso do tempo, e o propósito de escribir, con máis vagar, algún pensamento sobre as leas destes días: aborto, segregación nos aularios por causa do idioma, amnesia política.

E eu non digo nada.

Etiquetas:

12 março 2009

10 e 11 de marzo

Nestas datas, tódolos anos, ofrezo un regalo virtual.
Silvio Rodríguez recende a bacharelato, a primavera en Vigo, a ceos azuis.
Non son quen de o escoitar moitas veces seguidas porque, non sei ben a causa, vaime levando ao territorio da tristeza.
Pero de cando en vez está ben voltar ao tempo das ilusións, da rebeldía e da curiosidade pola vida.
Escoito, escoito...

Etiquetas:

04 março 2009

Óscar Wilde

Óscar Wilde deixou escrito: "Un sorriso é o mellor xeito de iniciar unha relación pero tamén sen dúbida é o mellor xeito de rematala."
Acho de menos ese sorriso nos trámites de divorcio entre a parella que desde o domingo van continuar o seu camiño por separado.
E como moitas veces as persoas xurídicas respostan aos estímulos como se de persoas físicas tratáramos, non debiamos esquecer as experiencias que case o cento por cen da humanidade nalgures pasou: a incredulidade ante a finalización do romance, a asimilación do inevitábel, a pescuda de culpas na procura da causa da ruptura, a unánime primeira reacción botándolle a culpa ao outro, e de remate a íntima sinceiridade de que tamén nós fomos rsponsabeis da separación. E como ben saben aqueles que recuncaron algunha vez con vellas parellas, a única maneira de o facer con posibilidades de permanecer no tempo na segunda quenda dependerá da limpeza na ruptura: canto antes apareza o sorriso que aconsellaba Wilde mellor irán as cousas na futura reconciliación.
Porque do que eu non teño dúbida é que nesta xeración - próximos catro, oito ou doce anos - a posibilidade que teñen de volver ao poder galego o Psoe e o Bng vai ser indo da man e con doces olladas entre eles: e con honestidade, respectando as peculiariedades de cada un e buscando os puntos de encontro (porque quen busca, atopa).
Nestes momentos de desconcerto mal van as cousas coas declaracións que saen dende os ámbitos do Psoe, tanto dende a rúa do Pino coma dos voceiros ( mediáticos ou institucionais ) de Madrid. Coido que as políticas de terra queimada a ninguén benefician, aínda que os que prenden o lume, de seguro, non vaian ser protagonistas da necesaria reconciliación - agardemos- de dentro de catro anos.

Etiquetas:

03 março 2009

Eusebio

Eusebio, non o mellor futbolista portugués de tódolos tempos, senón un futbolista vallisoletano que en dous anos en Balaídos foi o precursor dos mellores anos celestes. Excelente futbolista, un cerebro en constante funcionamento. Ogallá sexa tan bo adestrador coma xogador. Falta fai.

Etiquetas: ,

02 março 2009

A autoridade do fracaso

A autoridade do fracaso propio:
A primeira vez que fun votar achegueime ao Conservatorio de Vigo, o antigo fogar de Moisés Álvarez, un chalet bunkerizado no Castro de difícil descrición arquitectónica, e deixei meu voto sobre un referéndum "de entrada non" pero de saída tampouco, que fora pertinentemente glosado por Javier Krahe en "Cuervo ingenuo". Dende aquela, sempre, sempre, sempre, sempre, sempre perdín tódalas votacións nas que participei. Ás veces, a derrota é doce por mor de forza maior, como o acaecido o 14 de marzo de 2004. Pero nunca unha derrota foi tan triste, desesperanzada e deprimente coma a de onte.

A autoridade do fracaso alleo:

Psoe: Érrase Ricardo Varela magoándose da coalición cos nacionalistas. Antes de agora e nos vindeiros vinte anos a única opción que van ter de tocar poder vai ser mediante acordos. Deberían reflexionar antes nos erros da cohabitación que no feito en si do bipartito. Dende os tempos da transición ( realmente dende o ano 1940, á forza aforcan) Galiza é socialmente conservadora. E a manida teoría de que os vellos votantes do P.P. van morrendo ten a eiva aritmética da incesante pinguela de neo-pijos que van xurdindo. Como a tendencia natural de persoas e de organizacións é a de procurar as culpas no veciño, de confirmarse iso, teriamos unha longa etapa socialista na oposición, arrastrando con eles ao ex-socio.

Bng: As forzas políticas non só teñen que elaborar o seu producto, despois hai que vendelo. Eis a rémora principal do nacionalismo galego. Unha das causas do fracaso de onte pode vir por aí. Pero non debemos esquecer o divorcio que principiou ben cedo entre o Bng gobernante e a base social que os apoiou. Onde foron os 50.000 votos que se perderon dende hai tres anos e medio? Pode que sexa xusto agora o momento da refundición definitiva dun proxecto nacionalista razoábel e moderno para un futuro inmediato, deixando atrás ancoramentos dalgún grupo que pretende influir decisivamente no rumbo a tomar e que impide o apego de moita xente á casa común do nacionalismo galego necesario.
Mal faría o Bng en identificar en exclusiva a responsabilidade do mal resultado na violencia mediática ou na deslealdade tradicional do ex-socio. Como a tendencia natural de persoas e de organizacións é a de procurar as culpas no veciño, de confirmarse iso, teriamos unha longa etapa nacionalista na oposición, arrastrando con eles ao ex-socio.

Etiquetas:

Estratexia Hamilton

Non son experto en Fórmula Un pero seica hai dous anos as cousas foron máis ou menos así: Dous corredores ( Hamilton e Alonso ) co mesmo coche, e un terceiro ( Raikonnen ) enfronte deles e cun coche tradicionalmente máis veloz pero en aparente horas baixas. Hamilton vai de líder no Campionato e aproveita a vantaxe sobre Alonso para tentar asegurarse que éste non lle vai facer sombra. Os ciumes ou o medo a perder influencia provocan a enemistade entre os McClaren que son aproveitadas polo Ferrari, que ao cabo gaña o Campionato, ante o entusiasmo da prensa italiana.

Etiquetas:

01 março 2009

Antes de ir votar

Aproveito un intre antes de ir votar para consignar un par de apuntamentos que despois, no balbordo de números, ficarán esquecidos para sempre:
a) Pro Bugallo: Ánxela Bugallo foi unha notable conselleira de Cultura e Deporte. Áchoa de menos: coido que fixo unha boa xestión en xeral, moi boa no caso do eido deportivo, e desexaría que siguera tendo responsabilidades nun futuro inmediato. Tivo un opositor parlamentario: Ignacio López-Chaves, anteriormente concelleiro de Cultura en Vigo na época de Corina Porro. Tremo de pensar que o Sr. López-Chaves poida chegar a ser nalgures concelleiro de algo.
b) Pero o perigo maiúsculo non é só López-Chaves. Ollo para o deporte e chega con lembrar a época de Lete Lasa e Pilar Rojo para estarrecer de medo. Agardo expectante os resultados.
c) Para os que din que as campañas electorais non serven para nada recoméndolles que de vagar relembren a que ven de rematar. Colocou a cada quen no seu sitio. Condición indispensable: ter varias fontes de información distintas.
d) Nalgúns sitios andan con porras electorais. Eu non son capaz. A miña humana condición de covardica impídeme ata mover os dedos no teclado. Sei que nas votacións de hoxe non se vai ter en conta o traballo realizado no goberno e no parlamento polos tres grupos: moitos votantes adoitan ser siareiros fideis do seu partido, sen lles importar as circunstancias: eche o mesmo que insulten e mintan, son os teus. Pero desexaría, como Cesare, que os seus sobriños e os meus fillos poideran ver o mundo con optimismo, non tiveran que emigrar e poideran vivir nunha terra súa moderna e atractiva, con respecto por se mesma e solidaria cos demais.

Etiquetas: