Atlántico. 20º Aniversario
Achegueime a ese sitio de San Martiño Pinario por vez primeira haberá dezoito anos. Ía participar no seu primeiro torneo de xadrez. Rematou e quedeime durante dez anos máis, ata que as novas obrigas familiares forzaron a miña retirada. No entanto o lugar converteuse no salón fixo dos meus sucesivos pisos de aluguer, oficina permanente dun aprendiz de xadrecista e observatorio privilexiado do lecer das actuais primeiras figuras das artes escénicas do meu país.
Nas primeiras épocas conviviamos e combebiamos os culturetas e a farándula, chegándose a dar festivas interrelacións entre algúns dos seus membros máis destacados. Despois de pechado o local seguían animadas tertulias entre os mellores xadrecistas da nación ( eu de ouvinte ) e os actores, actrices e músicos que hoxe acadaron os éxitos que daquela sequera imaxinaban.
Débolle máis ao Atlántico ca o que el me debe a min; a fin de contas, moitas noites pasei ao carón da consumición máis barata, nun exercicio excelente de maximización dos recursos escasos. Porén, dábamoslle vida ao sitio nas noites baleiras do inverno e achegámoslle ao sitio un novo atractivo, máis polo áurea intelectual e rariña que deixabamos ca polo engado persoal dos que alí ficabamos.
O pasado sábado volvín ollar no documental montado por Llors Coira as facianas dos meus compañeiros de barra e mesa, a miña propia, dez, doce ou quince anos máis novas. Mirei ao meu redor no ambigú e alí estabamos moitos deles outra vez: Ángel C., Fran P. e Pepe S., Belén B., Neli, Camila B., Silvia ( a súa irmá Yoli a piques de dar a luz), Cándido P., Avelino G., Carlos P. e Marta, Jorge C. e Luis T., Víctor e Evaristo... E moitas ausencias, a meirande subsanabeis para dentro de cinco anos, e algunha xa definitivamente anunciábel: Ibán e Xepe.
Moi bo o documental, dicía, de J. Coira, e tamén moi boas as interpretacións dos Atlánticos, e de Suso, Blanca e Marcos ( Mina e Celentano ). O mellor, como sempre, Mofa e Befa, e o remate final: The Ellas.
Deixo videos coa música que escoitei na Nasa a noite que volvín achar a xente que compartiu comigo o meu amplo salón de casa.