30 janeiro 2007

BORIS X

Lembro as verbas do gran Kaspárov referíndose ao décimo campión do mundo:
" A carreira de Spassky non é moi típica dun campión do mundo, porque abunda en intensas ascensións e incribles caídas. O seu comezo foi, cecais, un dos máis brilantes. Aos 10 anos, Boris encetou a estudar co coñecido adestrador Vladimir Zak. Aos 15 participou no Campionato adulto de Leningrado (1.Taimanov; 2.Spassky; 3.Levenfish; 4.Korchnoi...), e aos 16 tivo unha extraordinaria actuación no torneo internacional de Bucarest (1953), onde conqueriu unha memorable victoria sobre Smyslov na primeira rolda, acadando ao remate do torneo o título de mestre internacional.
"É divertido: axudáronme as autoridades soviéticas" - lembra Spassky. "O torneo comezou cos xogadores soviéticos quitándose puntos uns a outros, e por conseguinte, o húngaro Laszlo Szabo tomou a cabeza. Entón chegou un telegrama de Moscova: - Basta con este escándalo. ¡ escomenzen a facer táboas entre vostedes !-. Por suposto, era bo que eu xa tivera gañado un punto contra Smyslov, pero creo que non me sería doado, dada a miña inexperiencia, facer táboas con Boleslavsky e Petrosian. Porén, dadas as circunstancias, sometímonos ás ordes do Kremlin".

Etiquetas:

26 janeiro 2007

Boris Spassky

Na primeira lembranza que teño dos meus irmaos están os dous xogando ao xadrez ao tempo que un dicía "eu son Bobby Fischer" e o outro respostaba "e eu Boris Spassky".
Boris Spassky, que nome tan bonito, tan eufónico. Despois, o ir lendo cousas sobre a vida do ruso, sobre o seu comportamento naqueles días islandeses de 1972, e coñecendo o seu xeito de xogar, a miña admiración por el multiplicouse xeometricamente. A semana que ven vai cumprir setenta moi ben levados anos.
Da vella garda dos campións do xadrez clásico só fica vivo Vasily Smyslov, e temos a Boris Spassky como o chanzo que xunta ao clasicismo co xadrez moderno, que se albiscaba co peculiar Fischer.
Spassky facíao todo ben, era un xogador de estilo universal, extraordinariamente harmónico, pero inspirado no ataque. Despois de perder con Fischer foi represaliado na Unión Soviética e decidiu exiliarse en París, onde volveu casar ( referíndose á primeira muller deixou unha frase gloriosa: "Éramos como dous bispos de diferente cor").
Pasado o tempo convertiuse nun nugallán, o máis representativo xogador abúlico. Non lle interesaba a competición, e ás poucas xogadas de principiar a partida solicitaba táboas ao seu rival de vez, o cal, atendendo ao prestixio do ex-campión, outorgáballas.
Na quenda final da Copa do Mundo, creo que do ano 1988, Beliavsky e Kaspárov ían empatados a puntos. Nesa rolda Kaspárov xogaba contra Artur Yusúpov e Beliavsky contra Spassky ( que levaba empatadas an catorce partidas anteriores). Nada máis encetar o xogo, Spassky propúxolle táboas ao ucraíno, que as rexeitou. Obrigado a xogar Spassky convertiuse nun furacán que arrasou ao pobre Beliavsky. Contan as narracións que Kaspárov colleu a súa silla e sentou ao carón de Spassky para calcular se aquel ataque furibundo do vello Boris era correcto. Ao cabo de vinte minutos Kaspárov ergueu a cabeza, e pediulle táboas a un perplexo Yusúpov, que aceptou encantado. Beliavsky rendiuse cinco xogadas despois.

Etiquetas:

25 janeiro 2007

Estado de Dereito

Prefiro falar de música, lembrando, por exemplo, que hoxe hai oitenta anos chegaba ao mundo Tom Jobim. Prefiro falar de xadrez, ou de outros deportes pois na miña vida xoguei malamente a moitos e fun espectador de case todos. Prefiro falar de literatura: na miña cabeza quedaron prendidos versos de Miguel Hernández, Celso Emilio ou W H Auden; e releo con gozo a Perec, Bieito Iglesias ou Cortázar. Prefiro falar de cine, ou teatro, onde teño bos amigos.

Lamentablemente hoxe tamén toca falar de algo que coñezo e habitualmente me desagrada: do Dereito. Penso sinceiramente que o Estado onde me tocou vivir, España, non se debe calificar como Estado de Dereito: non hai división material dos poderes, persisten órganos xurisdiccionais excepcionais, non se cumpren os principios básicos do dereito penal, créanse delictos ad hoc para aplicalos a persoas concretas.
Porque non se debe esquecer que o cerne do lamentabilísimo caso que está nos medios non é outro que a parte máis barullenta da opinión pública considera que unha persoa concreta merece a cadea perpetua.
Cando a ese individuo lle chegou o intre de saír da cadea, como a tódolos penados do Estado algún día lle tocará, o Goberno, coa complicidade neste caso da caverna, declarou a súa intención de evitar a liberdade de aquel que xa cumplira a súa condena totalmente segundo as leis vixentes. Inventáronse un delicto inexistente onde como moito non había máis que calumnias ( que, por certo, non foron quereladas polos implicados), e condenaron vergoñentamente por dous delictos de opinión - non atopo as ameazas- co único fin de evitar a saída da rúa dun individuo que tiña dereito a liberdade ( por moi pésima que sexa a valoración que nos mereza a súa persoa e as súas accións pasadas ).
Dende o principio do caso ata o do día de hoxe todo é un sinfín de barbaridades xurídicas encadeadas. A vinganza está prevalecendo sobre o dereito.
Vou calar. É tarde e estou canso. E asqueado dos fascistas de sempre e anoxado dos que sabendo do tema siguen calados. Porque non se trata só da vida dunha persoa que cometeu vintecinco asasinatos, e non se trata só da posibilidade do fin da violencia en Euskadi. Trátase sobre todo do Estado de Dereito, de non ter - agora si - presos políticos na cadea. Trátase de que as leis penais non poden ser dictadas ad hoc. Trátase da proporcionalidade das penas, porque non houbo ameazas, pero de telas habido, son máis castigadas que un homicidio.
As verbas máis sensatas e agudas sobre o tema linas a Andrés Boix Palop. A miña admiración para aquel que é capaz con tanta categoría de escribir tan ben.

Etiquetas:

Máis Tom

Etiquetas:

Oitenta anos do nacemento de Tom Jobim

Etiquetas:

24 janeiro 2007

Un día máis con vida

O meu tributo á persoa que escribiu o mellor libro que lin no ano 2006.

23 janeiro 2007

Oso Yogui


Algúns dos mellores ratos da infancia débollos ao Oso Yogui e ao seu colega Bubú. Quen nos dera eses debuxos, ou otros semellantes, na televisión actual. Hai uns días volvín saber de Yogui por mor do pasamento dun dos seus creadores.
Troco, aparentemente, de tema: Coñecín a Nicola Lococo en Donosti no ano 1993, cando estiven alí xogando o Torneo Internacional de xadrez. Falei máis de vagar con el en Salamanca en 1998 no medio da disputa do Campionato de España por equipos. El tiña moi boa relación co noso equipo, supoño que entre outras cousas porque debiamos ser o único club totalemente amateur dos que alí estabamos, e por conseguinte con moitos intereses alén dos meramente xadrecísticos. Sempre cun libro na man, o filósofo Nicola, con acenos de intelixente xesuítica, caeume sempre ben.
Entérome agora que a Fiscalía do Estado volve a se lucir pretendendo o procesamento de Nicola Lococo por falar en nome do Oso Yogui. Alucino. No caso, improbable, que Nicola lea isto, debe saber que ademáis da miña amizade ten a miña simpatía e solidariedade.
Xa mo dicía o meu xefe da Praia de Palma: "non se cuspe a barlovento".

18 janeiro 2007

Ciclismo

Escoito que se recupera a proba ciclista dos Tres días da Ascensión en Compostela. Boa nova. Como a magnífica idea desenvolvida por Santiago Domínguez e Valeri Karpin do equipo profesional galego de ciclismo.
Agora so falta volver sentir nas costas do Castro de Vigo o cansazo dos ciclistas como hai anos, cando os nenos fincabamos ao carón da meta horas antes, para poder estar ben pertiño daqueles equipos: o meu favorito, o Kas; e o meu corredor favorito: Txomin Perurena, a quen tiven a penas a medio metro de min. A megafonía ía dando os nomes dos corredores na proba de eliminación, e entón animabamos aos nosos: José Luis Felpete Bao e un noviño Álvaro Pino Couñago.

16 janeiro 2007

Deja vu

Hoxe volvo agradecer á Radio Galega os bos ratos que me fai pasar. En Galicia Primeira Hora non só se pode escoitar a retranca velenosa ( inconsciente ou non ) de Fernando Ónega refiríndose a Rajoy, senón tamén opinións sensatas, e de sobremesa un pequeno espazo humorístico que me transporta ao segundo curso da E.X.B:
- "Respeta un pouco o meu turno, por fa."
- "No, tú me has interrumpido a mí."
Menos mal que intervén a profe:
- "Ante todo, non vos pelexedes, que iades moi ben ata este momento."


Tódalas pezas do mundo

Vía dende os magníficos Fíos invisibles convídanos Torredebabel a coñecer os nomes das pezas de xadrez en 72 idiomas.
Fico agradecidísimo.

15 janeiro 2007

Lapsus manus

Escribindo un pequeno comentario nun excelente blog decátome posteriormente a súa publicación que incurrín nun lapsus non corrixido ao teclear: o resultado é unha verba similar á desexada, semellante a súa equivalente castelá, pero cun contido interior explícitamente sexual.
Cando cheguei a Compostela e vivía de aluguer na rúa Santiago de Chile co amigo que agora é profesor en Lugo, daquela estudante de Bioloxía, lera un artigo nunha das súas revistas especializadas, sobre o tema das causas das equivocacións. E contaba o propio caso do erro freudiano do autor do artigo que cando lle foi presentado un compañeiro de departamento - estimado polo o autor máis rival que colega-, no canto de respostarlle o típico "Please to meet you" díxolle "Please to beat you".
Aínda conservo os apuntamentos dunha clase de dereito penal: a do día onde nos explicaban a diferenza entre delictos e faltas. A solución, que ben podería ser calificada como tautoloxía dicía que os delictos son castigados con penas graves e as faltas con penas leves. Naquel serán, repasando a escrita da mañá, atopei: "Faltas: penes breves".
Curioso. ¿Estaría pensando eu en Beccaria?
Es coito opinións.

11 janeiro 2007

A pelota vasca

Onte pola noite, canso pero ilusionado, decido remexer a videoteca na procura de algo interesante para pasar o tempo. Atopo "A pelota vasca; a pel contra a pedra", do palindrómico Medem. E non gasto o tempo, senón que o aproveito.
É un documental absolutamente necesario nos tempos que vivimos, honesto, intelixente, valente. Coincido cos seus plantexamentos e marabíllome con algunhas esceas do mesmo. A artificiosa polémica creada no seu nacemento só retrata a estupidez dos pequenos censores.
Destaco das opinións alí expresadas as intelixentes verbas de Eduardo Madina, Antonio Álvarez Solís, Iñaki Gabilondo, Txema Montero.
Quédanme moitos que subliñar, pero valen ben como pequena mostra da sensatez na cerne da dor.
Só desexaría que esta fermosa película documental fora emitida en prime-time un día destes. Aprenderiamos todos un pouquiño.

Mulata de ollos verdes

Graciñas Xurxo Souto e Uxía Senlle polo programa de onte adicado a Astra Harris.

04 janeiro 2007

Seu

Logo de moitos anos sen entrar, volvo á cafetería "Club Universidade", coñecida aínda agora cun nome de ecos falanxistas: SEU. Como está diante da Facultade de Dereito, durante un tempo fun cliente habitual, e alí almorzaba bocadillos quentes de xamón york e queixo. O mobiliario trocou completamente, pero nunha parede segue a mesma foto que estaba daquela: Os doce xogadores do Club Baloncesto Obradoiro. Alí está o meu mestre no baloncesto: Augusto de la Concepción, e tamén o pivot Alberto Abalde - pai agora dunha rapaza boísima -, ou o base Aldrey.
Fíxome noutro individuo excesivamente musculado e sóame a cara. Xa o teño: Lete Lasa, o anterior Director Xeral de Deportes na etapa do P.P. Outro político merecente da clásica frase que Juan Carlos I dedicáralle a Arias Navarro: "Desastre sen paliativos".

Olladas


O neno da foto principiaba a ollar o mundo. Tratábase da foto que acreditaba a familia como numerosa. Agora que o neno daquela creceu e se convirtiu no que agora eu son, miro para atrás e para diante; como hoxe mesmo que en media hora pasei de estar cos meus dous nenos pequenos a estares cos meus vellos pais: oitenta anos de diferenza entre eles.
Os meninos encetan a descubrir a vida, e entre risadas escomenzan a ler, escribir, debuxar e xogar cos números. Os vellos esperan tomando o sol - como dicía Celso Emilio - a que caian paseniños os días. Hoxe repetín para min na despedida aos anciáns, logo de me volver decatar a inexorable rapidez da decadencia ao chegares a certa idade, a frase coa que remataba Castelao a historia de Peito de Lobo: "Alá se foi o Cabezudo, Señor".
Miro para diante ( con ollos infantís) e para atrás ( con ollos hai tempo cansos).